Reforzar o galego dende Instagram e YouTube
Dous grupos de estudantes da Universidade da Coruña veñen de recibir os premios da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC a proxectos de temática galega. As integrantes de ‘Larapetas’ promoven a lingua do país cun sapoconcho virtual, e os membros de ‘Arraigo’ falan da identidade do país con documentais orientados á Rede

Jorge Alabau, Elisa Piñón, Lucía Seoane e Uxía Campos. | La Opinión
As estatísticas amosan que o descoñecemento do galego crece entre os máis novos, pero algúns mozos, alumnos da Universidade da Coruña (UDC) loitan contra a perda da lingua coas armas da modernidade. A primeira edición da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC acaba de entregar dous premios, ao mellor traballo de fin de grao de temática galega das carreira de Comunicación Audiovisual e ao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos, a dous proxectos colectivos que apostan por preservar o idioma e cultura da comunidade con formatos pensados para YouTube e Instagram.
Esta última rede social é o obxectivo de Larapetas, de Lucía Seoane, Uxía Campos e María Zapata. «Lucía é de Cambre e María e máis eu somos de Cospeito», explica Campos, que explica que viña afeita a comunicarse sempre en galego e notou un cambio «bastante brusco» ao chegar á Coruña para estudar Creación Dixital. Así que, para o proxecto de fin de grao, quixeron facer «apoloxía do galego», e, como os mozos de 18 a 25 anos «botan unha media de tres horas ao día en Instagram», fixeron un proxecto de vídeos explicativos presentados por un sapoconcho dixital.
As pezas comezan «explicando algún tema de ortografía, gramática ou léxico» sen querer «promover o galego normativo perfecto: o importante é falalo» e cun estilo accesible. Falan de curiosidades de Galicia, da súa cultura e da gastronomía, pensando en falantes de galego e en persoas que o están aprendendo.
En Comunicación Audiovisual gañou Arraigo, de Joel Esteves, Elisa Piñón e Jorge Alabau. Como explica este último, trátase dunha serie de documentais de 20 minutos, en formato pensado para publicarse en YouTube, cada un deles adicado a un elemento da identidade galega. Chegaron a facer un, adicado ao mar, pero hai outros proxectados para o monte, a gastronomía, o clima ou as lendas.
No capítulo piloto trataron a relación co mar de galegos de varias xeracións. Hai unha avoa dunha familia mariñeira de Cariño, e pola idade mediana está Adrián Coira, que no seu taller da Coruña, Fair Enough, dá unha «segunda vida» a plásticos recollidos no mar. Tamén participa «unha persoa xoven, o surfista Alejo Ferreiro», das Rías Baixas, e o formato inclúe entrevistas curtas a xente nova, unha xeración na que o mar «está máis focalizado ao ocio que ao traballo». Para chegar a eles, a estratexia de Arraigo é facer «moito contido de redes sociais, TikTok e Instagram».
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- La residencia de Eirís, financiada por Amancio Ortega, abrirá a final de año
- Nuevo acceso al paseo marítimo desde la plaza de Lugo y San Andrés
- Los nuevos accesos al hospital deberán estar terminados a principios de 2027
- Abre Spark81 en A Coruña: el primer espacio de juegos inmersivos en Galicia
- La Xunta pone condiciones ambientales a los 250 chalés y 214 pisos en Monte Alfeirán
- La ruta de senderismo con espectaculares cascadas y un paisaje idílico a media hora de A Coruña
- Una jamonería ‘de cine’ en el centro de A Coruña