Henrique Monteagudo, un lingüista para presidir a Real Academia Galega

A RAG celebra este venres a sesión extraordinaria na que o plenario escolle a nova presidencia da institución. O único candidato que se presenta é Henrique Monteagudo, ao que definen os seus colegas como traballador, bo investigador e docente e, sobre todo, estudoso da lingua

Xosé Henrique Monteagudo.

Xosé Henrique Monteagudo. / Real Academia Galega

A Coruña

A Henrique Montegudo (Esteiro, Muros, 1959) defíneno os que o coñecen moito, pero tamén os que non coincidiron tanto con el, como un home «moi traballador». A súa candidatura é a única que se presenta para presidir a Real Academia Galega e este venres, no Pleno Extraordinario que se celebrará pola tarde en María Pita, confirmarase que será el quen tome o relevo de Víctor Freixanes. A falta de que sexa el quen explique cales son os seus obxectivos e cales as maneiras de chegar a eles neste mandato, son outros quen o describen e falan del para este diario, a maioría sen quereren ser citados para respectar o proceso da institución.

Dentro da Academia non sorprendeu que fose o vicesecretario da actual directiva —e coordinador do Seminario de Sociolingüística— quen dese o paso adiante para poñerse á fronte da entidade porque —sen outra candidatura contra a que pelexar os apoios—el representaba o continuísmo lóxico dos oito anos de Freixanes.

Ademais de académico, Monteagudo é moitas outras cousas máis, entre elas, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), investigador especializado na sociolingüística, a historia da lingua e os procesos de normalización lingüística, pero tamén experto na vida e obra de Martín Sarmiento e de Castelao. Así como Xosé Ramón Barreiro tiña un perfil ligado á historia e Xosé Luís Méndez Ferrín, á literatura, Monteagudo é cen por cen investigador da lingua, da súa historia e da súa aplicación na sociedade, segundo explican traballadores da Academia.

Malores Villanueva foi alumna de Henrique Monteagudo na Facultade de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago entre os anos 2003 e 2005. A ela marcouna tanto o seu xeito de dar clase que, cando rematou a titulación, decidiu seguir formándose para facer doutoramento e quixo facelo con el, aínda sen ter claro cal sería o obxecto da súa investigación. «El foi o que me deu o tema, que foi a Editorial Galaxia no franquismo, porque pensaba, e estaba no certo, que sería un tema que me ía interesar. Eu non o sabía, pero el si», confesa Villanueva, que destaca o seu labor docente.

«Era un profesor moi activo na clase, faciamos moitas saídas con el, por exemplo ao Consello da Cultura, aos servizos de normalización da USC, ao Instituto da Lingua Galega... Eran aulas que ían máis alá dunha clase maxistral. Sempre nos poñía en contacto coa realidade e nos incentivaba a avanzar pola nosa conta», relata Malores Villanueva que agora é ela tamén docente.

Lembra tamén que, aínda que en Filoloxía Galega non eran moitos estudantes, as clases de Monteagudo eran desas ás que «pagaba a pena ir» porque non se centraban «no memorístico» senón na «análise, na confrontación dos datos e no acompañamento», porque sempre animaba os alumnos e alumnas a se presentaren a premios para que lle «puidesen sacar un rendemento» a todo o esforzo que facían dentro e fóra da aula. E, aínda que ela xa non é a súa alumna, seguen a compartir espazos e proxectos, como a exposición sobre a Editorial Galaxia, que percorrerá as sete cidades galegas. «A inauguración en Lugo coincídelle coas súas aulas e xa dixo que non podía vir porque ten clase. A min paréceme que isto amosa o seu compromiso co alumnado vinte anos despois de que a min me dese clase», apunta Villanueva.

Por suposto, hai tamén quen non está de acordo coa deriva que está a tomar a Real Academia Galega e non espera «nada bo» nin do candidato nin da nova etapa que se abre con esta renovación da directiva. É o caso do académico Xosé Luís Axeitos que asegura que non ten nin tivo relación con Monteagudo en todos estes anos, aínda que foi el, xunto a Darío Xohán Cabana e a Antón Santamarina, quen o propuxo para que entrase na Academia. Monteagudo ocupou en febreiro de 2012 a cadeira na que antes sentaran Antonio Gil Merino (1975 -2009); Gonzalo López Abente (1941-1963) e Manuel Lugrís Freire (1905-1940).

O seu discurso de incorporación á institución levaba por título Facer país co idioma: sentido da normalización lingüística, no que falaba, xa daquela, non só do contexto de crise da lingua galega pola perda de falantes senón tamén da perda da «autonomía política de Galicia».

En todo caso e, aínda que os números non deixaban ver un bo futuro, a súa intervención remataba cunhas palabras de alento. «Os tempos xa foron peores. Os nosos devanceiros na loita polo idioma e pola construción dunha Galicia próspera, xusta, libre e culta tiveron que facer fronte con moitos menos recursos ca nós a inimigos máis témeros e circunstancias infinitamente máis adversas ca as que nos cadra confrontar arestora. Por eles e elas, pero sobre todo polas xeracións que nos seguirán, as nosas fillas e os nosos fillos e mais os fillos e as fillas destes, non temos dereito ao desalento. Ou si,temos dereito ao desalento, pero coa única condición de que saibamos soerguernos,coller rumbo e gañar novo pulo», concluía.

A súa intervención foi respondida pola profesora e académica Rosario Álvarez Blanco, quen, desde 2019 é a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega (entidade da que Monteagudo foi secretario), e quen tomou o relevo de Santamarina na presidencia do Instituto da Lingua Galega, do que Monteagudo é membro desde 1991 e, actualmente, membro do comité científico. É ademais o director da Cátedra Castelao da USC, constituída en 2024.

Tanto Freixanes como Monteagudo proceden do universo da editorial Galaxia, non exenta de polémica nestes anos, que culminou no ano 2023 coa renuncia do seu director xeral, Francisco Castro, logo de que se fixesen públicas en prensa e redes sociais irregularidades na xestión e na organización da editorial.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents