XXIV PREMIOS OPINIÓN DE MÚSICA DE RAÍZ
A pegada indeleble de Milladoiro
Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz celebran o 9 de abril a súa gala XXIV, na que Milladoiro recibirá o galardón Andaina Senlleira, polo seu case medio século de vida e música, a partir as 20.30 horas. Os seus herdeiros contan a pegada que lles deixaron desde que os descubriron

Milladoiro, en concerto, no Pazo da Ópera da Coruña. / Iago López
Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz concédenlle este ano o Andaina Senlleira a Milladoiro, cando se encamiña a celebrar o seu medio século de vida. Milladoiro naceu en 1979 e, coa súa visión da música galega, foi quen de marcar a varias xeracións con ese son tan coidado que mesturaba tradición e modernidade. Os grupos que viñeron despois, incluso aqueles que non sabían sequera se algún día subirían a un escenario, teñen a pegada indeleble de Milladoiro, porque o seu son fixo de substrato para que puidesen agromar moitos outros proxectos con raíz na música tradicional.
Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz están patrocinados pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña e Gadis e contan coa colaboración de Audias instituto auditivo.
Así foi, por exemplo, no caso de Álvaro Iglesias —que foi premiado por este diario tanto como solista como coa formación Entre Trastes—, que lembra que "machacaba" o Galicia no país das marabillas. "Era un dos meus grupos de referencia, xunto con Na Lúa. Eu trataba de tocalo coa guitarra que tiña na casa tanto o acompañamento como as melodías. Máis tarde, cando con quince anos empecei a tocar o baixo eléctrico trataba de acompañar aqueles arranxos tan bonitos que sempre fixo Milladoiro e que os puxo onde seguen a estar para toda esa xeración de futuros músicos, eu, sen sabelo aínda", confesa Iglesias que, co tempo, tivo a oportunidade de compartir escenario cos creadores do son que o marcou de por vida.
"Referente" é a palabra máis repetida entre os músicos aos que se lles pregunta por Milladoiro porque foron eles quen abriron un mundo novo a todas aquelas persoas que se estaban a formar na música tradicional e vían que os seus instrumentos podían ir máis alá do que inicialmente pensaran.
"Milladoiro é a referencia ineludible e fundamental da miña xeración e da xeración que me precedeu. En gran medida crearon o son da chamada música folk, unha reinterpretación da música tradicional estupendamente representada por Faíscas do Xiabre [xermolo de Milladoiro, xa que a formación naceu en 1979 coa unión de Rodrigo Romaní e Antón Seoane a tres dos membros de Faíscas: Moncho García Rei, Xosé Vicente Ferreirós e Nando Casal]", comenta o músico de Cecebre Pedro Lamas, gañador el tamén dos galardóns de música de raíz do xornal por proxectos como o da Orquestra de Jazz de Galicia
"Crearon un son co que nos identificamos todos, que entendemos que era unha continuación natural dos grupos de gaita nos que eu me formei, foron unha inspiración, un modelo a imitar e un punto de partida desde o cal atreverse a explorar outros camiños. Desde logo, non podería comprender a miña relación coa música galega se non fose pola visión da que me impregnou o son de Milladoiro durante tantos e tantos anos", confesa Lamas.
Para o gaiteiro Xosé Manuel Budiño [galardoado cos PREMIOS OPINIÓN de Música de raíz en varias ocasións],que se confesa "admirador" de Milladoiro e da súa obra, o seu logro non está só en que "souberon mergullarse nas melodías galegas case esquecidas para elaborar un código moi persoal e cunha fonda pegada na música galega" senón tamén en permitirlles "soñar" a aqueles adolescentes que os escoitaban e os ían ver os concertos en directo, "coa idea de chegar a seren profesionais" dun oficio tan descoñecido como "desexado" por eles.
"Sempre recordarei a miña primeira casete deles: A Galicia de Maeloc, que me agasallaron os meus pais nunha viaxe a Santiago de Compostela. A volta a casa en coche escoitando esta obra mestra cambiou o meu concepto da música e a necesidade de saber quen eran aqueles músicos", relata Budiño, que non esquece cando convidaron ás pandeireteiras de Mens a subir ao escenario do teatro García Barbón, en Vigo. "Pensei en que acababan de abrir un mundo novo, cheo de agradecemento para as voces esquecidas", confesa o gaiteiro de Moaña, que fan fincapé tamén no son e na iluminación dos espectáculos de Milladoiro porque supuxeron un salto de calidade que arroupaba a música nos seus directos.
Tamén desde Moaña chegan os recordos de Anxo Lorenzo (gañador el tamén nos premios Opinión). "Cando empezabamos alá polos anos 80, xogando con gaitas, ocarinas, whistles e zanfonas, Milladoiro xa era o meu grupo favorito de música folk. Nunca esquecerei aqueles concertos que daban no García Barbón, en Vigo, ou no Intercéltico do Morrazo, hai 40 anos cando empezabamos con este festival por estas terras. A parte de ser un gran referente musical, sempre foi unha fonte de inspiración para todos os galegos con ganas de facer cousas novas e interesantes e exportalas a todo o mundo", conclúe Lorenzo.
Como "padriños" refírese os membros de Milladoiro Ana Rodríguez, de Leilía (gañadoras elas tamén do Andaina Senlleira), porque as guiaron cando o precisaron e porque nos seus estudos gravaron os seus dous primeiros discos e foron os encargados de "facer máis doados os pasos" dos e das que seguiron a súa estela.
"Abriron camiño nun tempo no que tocar música con son do país era toda unha aposta. Unha aposta que levaba implícita a defensa e o compromiso coa lingua e coas nosas raíces. Sobre esa base innovaron, sorprenderon e elevaron a música galega ao seu máximo expoñente. Son xa máis de corenta anos creando unha sonoridade con ese selo inconfundible que os fai únicos. Deles é o mérito de gravar melodías tradicionais ao son das pandeireteiras naquel fabuloso Galicia no país das marabillas, melodías que sabiamos de arriba a abaixo, un feito determinante para o que agromou con forza pouco despois", remata Rodríguez.
Logo de case medio século de música e de traballo ininterrompido, os herdeiros de Milladoiro, tal e como di Álvaro Iglesias, non poden facer outra cousa máis que "agradecerlles que se xuntaran no momento e que fixesen eses traballos tan únicos" que seguen a soar a Milladoiro.
- La luz vuelve a A Coruña
- Un apagón de alcance internacional también afecta a A Coruña
- «Nos dijeron que si pagábamos 290 euros nos encontrarían un piso en A Coruña, y nada»
- El conserje que mantuvo la normalidad en el Hercón de A Coruña
- Esta es la reserva para jóvenes de los pisos que la Xunta construirá en las fincas cedidas por el Concello de A Coruña
- El jesuita coruñés que estudió con Bergoglio: “Nos llevó en furgoneta a conocer Buenos Aires”
- Largas colas en las tiendas de electrónica de A Coruña para comprar pilas, linternas y radios
- El Mesón O Bo de A Coruña renace como el nuevo Fogar do Santiso