«Os instrumentos que eu toco son como autovías que te van levando ao seu son»
Abraham Cupeiro subirá ao escenario do teatro Rosalía de Castro este mércores, 9 de abril, en formato trío, na gala XXIV dos PREMIOS OPINIÓN de música de raíz. Fará un repaso polos sons esquecidos que conseguiu recuperar grazas á construción de instrumentos históricos, como o karnyx

Abraham Cupeiro, co seu karnyx. | Iñaki Abella
Abraham Cupeiro é o gañador da categoría Acontecemento Musical dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raízpola xira galega de presentación do disco Mythos. Tocará no teatro Rosalía de Castro este mércores, 9 de abril, a partir das 20.30 horas, para ofrecer un repaso á súa carreira e mostrar algúns deses sons esquecidos que foi quen de recuperar grazas ao seu interese non só pola música, senón tamén pola historia. Na gala actuará en formato trío, cunha montaxe máis íntima da que adoita levar nas súas xiras. Os seus instrumentos e estes sons recuperados levárono a colaborar na banda sonora orixinal da película Gladiator 2, o que lle está a dar aínda máis proxección internacional á súa aposta musical.
Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz están patrocinados pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña e Gadis e contan coa colaboración de Audias instituto auditivo.
Como vai ser a súa actuación no teatro Rosalía?
Moi pequeniña, levarei instrumentos esquecidos no tempo, que é ao que eu me dedico, a darlles outra vida e a imbricalos no discurso moderno. Entre eles, levarei o karnyx, unha gran trompa celta, que tantas alegrías me deu. Eu traballei case catorce anos na Coruña, no Conservatorio e no teatro Rosalía teño feito moitas actuacións con eles. Esa semana estarei tamén coa Sinfónica de Galicia ensaiando porque temos o concerto enteiro de Pangea o sábado 12 de abril, ás 12.00 horas, no Palacio de la Ópera.
A súa música é case experimental, con estes instrumentos descoñecidos para o gran público e que traen ao presente sons históricos...
O que eu fago é traer instrumentos do pasado, o disco graveino en Londres, coa Royal Philarmonic, nos estudios Abbey Road, e aquí a xira fixémola coa Orquestra Gaos, cunha orquestra da Coruña, e é unha mestura de cousas de raíz, pero cun apoio moi sólido, como é o que che dá unha orquestra sinfónica.
Como é o proceso de descubrir como deben soar estes instrumentos, porque non é o mesmo, por exemplo, unha guitarra afinada que unha desafinada, aínda que nestes instrumentos non existe unha gravación que diga como era que soaban inicialmente?
Hai un labor de construción pola miña parte de buscar os exemplares que quedan. Poderiámonos chegar a sorprender porque aínda quedan bastantes no mundo e a experiencia como músico que tes ao soprar por eles, para saber que camiño podes levar. Eu toco instrumentos de vento que son moi sinxelos e, no fondo, son case unhas pequenas autovías que, ao soprar por elas xa te van levando. É un traballo de moitísimo sentido común tamén, pero que ten que estar sostido por moitos coñecementos musicais que vas recibindo desde cativo.
Sempre lle gustou, desde pequeno, este mundo do esquecido ou foi máis adiante cando se mergullou neste tipo de músicas antigas?
A min sempre me gustaron tanto a música como a historia e, ao vivir en Galicia, que é unha terra que ten moitísimo patrimonio cultural, tanto de música como de baile e arquitectónico, digamos que aí aflorou a miña necesidade de explorar o pasado coa única máquina do tempo posible, que é a música. A partir de aí, empecei a xerar instrumentos eu coas miñas mans, como podía, cos meus medios e até o día de hoxe, que os seguimos construíndo e dándolles vida e levándoos aos escenarios.
Quedan aínda moitos instrumentos por recuperar ou por descubrir ou todos dos que se ten constancia que existiron están xa catalogados?
A meirande parte dos instrumentos xa se coñecen, por exemplo, o karnyx é un instrumento que se coñeceu desde sempre pero que, increiblemente, os seus primeiros vestixios apareceron no século XIX. Tivemos que esperar até finais do século XX para atopar máis vestixios e xa no século XXI apareceu un karnyx enteiro. Hai moitos instrumentos que se sabe que existiron e dos que se ten a súa historia, pero algúns aínda se resisten a aparecer e aí estamos, nesa procura.
Onde poderían aparecer? Serían necesarias novas escavacións arqueolóxicas ou poderían aparecer en documentos?
Hai moitísimos escritos que aínda están por ler pero, por exemplo, o karnyx que apareceu no 2008 só estaba a trinta centímetros do chan, era algo que estaba aí, case diante das nosas narices. Hai cousas que non é necesario ir buscar moi lonxe, algunhas veces o tesouro telo preto de ti, só hai que estar coa antena posta. Moitas veces sorprenderiámonos dos sitios onde podemos atopar reliquias moi antigas e especiais.
- Futuros inquilinos de pisos sociales de Xuxán renuncian por la subida de cuotas
- Los móviles de los vecinos de A Coruña y Arteixo recibirán una alerta general en caso de grandes emergencias en Agrela
- «Nos dijeron que si pagábamos 290 euros nos encontrarían un piso en A Coruña, y nada»
- Nuevas reglas de Bicicoruña: prohibido utilizar auriculares o sentarse en bicis en las paradas
- Los cinco locales de A Coruña que puedes reservar gratis para celebraciones privadas
- Los conciertos que vienen a A Coruña este 2025
- El Mesón O Bo de A Coruña renace como el nuevo Fogar do Santiso
- Fito & Fitipaldis, nuevo concierto del Coliseum de A Coruña este 2025