O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre a necesidade dos espazos verdes públicos nas contornas urbanas
Andrés Pereira Rodríguez | Biólogo, en nome do G. N. Hábitat
A Organización Mundial da Saúde sinalou «a urbanización» coma un dos principais desafíos para a saúde pública neste século XXI. Unha cuestión máis que salientable tendo presente que, hoxe en día, máis da metade da poboación mundial vive nas cidades, e a tendencia vai en aumento. Nesta liña, no seo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, os líderes mundiais definiron no 2015 os chamados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como plan para acadar un futuro mellor no horizonte 2030. Dos 17 obxectivos definidos, o número once comprometeu ao mundo para acadar que as cidades sexan lugares inclusivos, seguros e resilientes nos que vivir, polo que toca poñerse mans á obra.
Neste contexto, resulta imprescindible interiorizar que, para acadar un desenvolvemento sostible nas contornas urbanas, precisamos de actuacións que atendan aos múltiples beneficios que reporta a conexión coa natureza. Os espazos verdes, ademais de lugares para o deporte ou o lecer, teñen tamén un forte impacto positivo na nosa saúde e no noso benestar: axudan a aliviar os efectos do cambio climático, amortiguan o ruído ambiental, filtran contaminantes que causan doenzas respiratorias e mesmo axudan a diminuír o noso estrés.
Establecer parques e xardíns que procuren optimizar os servizos ecosistémicos (aqueles beneficios tanxibles e intanxibles que nos proporciona a natureza polo mero feito da súa existencia) é unha liña estratéxica. Espazos onde se atenda aos ciclos naturais, se potencie a flora e fauna silvestres, se facilite a conectividade ecolóxica e se xogue con diferentes ambientes (charcas, sebes, praderías, etc), sen esquecerse de respectar os elementos patrimoniais ou de atender á diversidade de intereses e visitantes. Todos eles aspectos que poden atopar equilibrio e harmonía no establecemento e a integración paisaxística dun espazo verde público. Como exemplo, nestas datas faise un ano dende a inauguración do parque Rosalía Mera, no concello de Oleiros. Un proxecto no que o Hábitat tivo a sorte de participar, da man dun equipo experto en construción, paisaxismo e xardinaría, e que destaca pola procura dunha simbiose entre a perspectiva social, ambiental e de xestión, ofrecendo unha experiencia integral e inclusiva para todo o mundo.
Unha fórmula sinxela: 3/30/300. Esta regra é resultado da proposta do experto en silvicultura urbana Cecil Konijnendijk, quen propón poder ver dende as nosas fiestras —cando menos— tres árbores, vivir nun barrio cunha cobertura arbórea do 30%, e estar a un máximo de 300 metros dun parque ou dun bosque. Utopía ou necesidade?
Conclusión: Hábitat anima a que exista demanda social, vontade política e equipos técnicos multidisciplinares, que permitan un maior e mellor crecemento dos espazos verdes públicos. O motivo é tan simple como importante: impulsar a felicidade nas cidades.
- El restaurante de A Coruña en el que puedes comer hasta reventar por 13 euros: 2 platos, postre y bebida incluída
- Los cruceristas inundan las calles de A Coruña: 'La ciudad nos ha parecido muy bonita
- Nuevas reglas de Bicicoruña: prohibido utilizar auriculares o sentarse en bicis en las paradas
- Una discusión de tráfico termina a golpes sobre el asfalto en la rotonda de Cuatro Caminos de A Coruña
- San Juan será festivo autonómico en 2026 y A Coruña escoge otro festivo local
- Los conciertos que vienen a A Coruña este 2025
- Fito & Fitipaldis, nuevo concierto del Coliseum de A Coruña este 2025
- Marc Anthony dará un concierto en A Coruña el 13 de julio