Os Carecos actuarán na sala Garufa de A Coruña o próximo 4 de maio tralo éxito do seu 'crowdfunding'

Veñen de superar os 8.500 euros marcados como meta inicial na plataforma Verkami, grazas á colaboración de 250 mecenas, en soamente 10 días

Os carecos

Os carecos / OS CARECOS (YOUTUBE)

R. A. C.

O grupo de música tradicional galega Os Carecos acaba de acadar o obxectivo do seu primeiro crowdfunding en tempo récord. Este apoio masivo chega nun momento clave para a banda, que se atopa ultimando a produción do seu primeiro disco de estudo, un traballo que recolle o espírito da música tradicional galega con arranxos frescos, coidados e moi persoais.

Formados entre Ortigueira e Cariño, Os Carecos naceron como trío de pandeireteiros e foron evolucionando ata consolidar unha formación de seis integrantes: Samuel Ramos, Diego Chao, Carlos Cheda, Alberto Fojo (gaita), Toñito Martínez (percusión) e Serafín Santamariña (acordeón). Ao longo da súa traxectoria, destacaron pola forza das súas voces, o dominio das percusións de man e unha posta en escena que combina humor, emoción e raíces.

Tras o éxito de temas como “Palmira” ou “Tristimil”, o grupo dá agora un paso decisivo cara á súa consolidación cun álbum que verá a luz nos próximos meses.

“Estamos fondamente agradecidos pola resposta da xente. Este proxecto naceu do corazón e ver como conecta tan rápido con tanta xente é unha emoción difícil de explicar”, afirma Samuel Ramos.

A campaña de Verkami segue activa, permitindo a novas persoas sumarse ao proxecto e optar a recompensas exclusivas como discos físicos, packs especiais ou mesmo uns orixinais calcetíns co selo dos Carecos. 

Tracking Pixel Contents