Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xoán Curiel : «Na música de raíz falas do teu tempo, pero tamén de temáticas universais»

Logo de ser seleccionado en cinco ocasións para os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz, o músico actuará na gala deste 9 de abril, a partir das 20.30 horas, no teatro Rosalía de Castro

Xoán Curiel, coa súa guitarra. |  Juan Luis Rúa

Xoán Curiel, coa súa guitarra. | Juan Luis Rúa

A Coruña

Xoán Curiel foi nomeado en cinco ocasións aos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz, tanto nas categorías de mellor tema, de mellor artista e de mellor álbum. Este ano, actúa na súa gala, o 9 de abril, ás 20.30 horas, no teatro Rosalía de Castro.

Que pezas escolle para esta actuación dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz?

Vou estar acompañado polos músicos cos que estou actuando con este último traballo, que é Treides comigo, que son: Carlos Freire, na percusión; Bleuenn Le Friec, na harpa e Álex Salgueiro na frauta traveseira. Iris Gey estará convidada tamén, e vai participar coa súa voz. Na miña actuación, aínda que revisitarei cancións de discos pasados, que estiveron presentes nestes premios, interpretaremos, sobre todo, temas deste último traballo, onde actualicei as cantigas da lírica medieval galego-portuguesa. É un traballo de cantigas de hai 800 anos, pero que dialoga co presente. Eu quería amosar tamén cal é o meu universo musical dos meus últimos traballos, así que, mesturo tamén tradición e creación propia. Interpretarei Canta miña pedra, canta, que é unha cantiga popular, recollida por Antonio Fraguas, musicada por min e tamén Ecuacións, que é unha composición miña e que forma parte do disco do mesmo nome, e que é quizais o meu disco máis persoal de canción de autor.

Foi nomeado en varias ocasións a estes premios e, agora, dá o salto a actuar neles...

Para min é como volver a casa, ademais, é unha celebración e un recoñecemento porque son uns premios que recoñecen a música feita desde o amor pola cultura e a tradición. É como sentirme parte dunha comunidade que ama a música de raíz. Aínda que eu fun variando os estilos nos meus diferentes discos, a música de raíz sempre está presente no meu camiño artístico.

Cando falamos de música de raíz podemos pensar só en pandeiretas e gaitas e, sobre todo, en tradición oral, porén, vostede céntrase en literatura de hai centos de anos, pero que conservamos escrita.

Si, entronca coa raíz da nosa lírica, que serían estas cantigas de hai tantos séculos. É un patrimonio cultural que está aí,é un xeito de unir o pasado co presente e penso que é reivindicar este pasado e dicir que a música feita en galego, que bebe da tradición e da actualidade, merecen visibilidade, espazos e respecto.

Como se decidiu a crear nova música de raíz a través das súas composicións?

Os meus dous primeiros discos foron de música de autor, con cancións miñas. Desde ese momento souben que quería traballar nesta liña de autor que crea as súas propias cancións e músicas, incluso que entra na parte de produción e arranxos. Co tempo, chegaron outros universos, que penso que sempre estiveron aí, pola miña formación, como son o mundo da música tradicional, polos músicos e músicas cos que teño traballado, o mundo da música infantil, no que estou imbuído en varios proxectos coa Banda do Verán e agora, o universo das cantigas medievais. Son espazos que se foron abrindo, pero sempre permanece a canción de autor como raíz persoal dun xeito de facer as cousas.

Ten a música de raíz limitacións nos temas que trata ou cabe todo neste xénero?

Eu estou vendo nestes textos da lírica medieval temáticas que hoxe en día se tratan aínda que o fagan doutro xeito e que teñen moito nexo común. É verdade que a música do pobo, que se fixo desde hai tantos séculos e tamén na actualidade, permite unha expresión moi persoal. Falas do teu tempo, pero tamén de temáticas universais, que creo que trascenden fronteiras idiomáticas e ideolóxicas. Para min é o bonito, a raíz que entronca coa universalidade do ser humano.

Tracking Pixel Contents