Entrevista | Luís Bolón Director artístico de Cántigas da Terra, grupo que actúa nos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz

«Cántigas naceu porque había unha moda de recuperar a música tradicional»

O director artístico de Cántigas da Terra, Luís Bolón, conta que a formación incluirá no seu repertorio na gala dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz, que se celebra mañá, ás 20.30 horas, no Rosalía, un adianto do que será o seu vindeiro espectáculo con cancións que non foran gravadas antes polo coro

O director artístico de Cántigas, Luís Bolón. |  Cristina Padín

O director artístico de Cántigas, Luís Bolón. | Cristina Padín

A Coruña

A gala dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz contará coa actuación de Cántigas da Terra, unha institución centenaria que recupera a tradición e a música coral. Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz están patrocinados pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña e Gadis e contan coa colaboración de Audias instituto auditivo.

Como vai ser a actuación na gala dos PREMIOS OPINIÓN?

O teatro Rosalía de Castro é un teatro que Cántigas coñece ben porque é o teatro ao que leva indo toda a vida e son máis de cen anos. A actuación ten un carácter especial porque imos facer un adianto dun espectáculo que imos estrear no Rosalía dentro do XX Ciclo de Coros. Propuxémonos romper un pouquiño con todo o feito até o de agora en canto a repertorio. Así que, vai ser un repertorio que Cántigas nunca ten gravado. Ao longo de todos estes anos, Cántigas fixo moitas gravacións e moitas delas, repetidas, por exemplo, a Foliada da Cruña, que aparece en catro ou cinco ocasións. O que lle queremos dar ao noso público é un repertorio que sexa de Cántigas ou da contorna da Coruña pero que non estea tan presente nin nas gravacións nin na cabeza do público para que lles poida sorprender.

Tiveron que mergullar no arquivo para atopar estas pezas, non si?

Si, levamos meses facendo un traballo no arquivo para buscar novas-vellas melodías. Melodías de sempre, que están no imaxinario do noso público pero que non son coñecidas, e iso é o que estamos a preparar. Non todo o espectáculo na gala da OPINIÓN vai ser adianto, si que haberá varias cousiñas dese novo repertorio, por iso nos fai moita ilusión poder anticiparnos a nós mesmos.

Supón un reto intentar sorprender o público con música coral e con instrumentos tradicionais despois de máis dun cento de anos? Cara a onde vai a innovación?

Si, porque a relación do público con calquera artista é complicada porque o público sempre demanda novas cousas pero sen que te afastes para que non lles resulte estraño. Dentro diso é certo que hai que buscar un equilibrio. Eu penso que a música ten unhas posibilidades infinitas. Utilizar unha combinación de voces, harmonías, con instrumentos tradicionais... penso que aínda nos queda camiño por percorrer e espero que o percorramos con este espectáculo. Non vexo tanto o problema de que nos quedemos sen recursos á hora de xerar novas músicas senón que hai que ter un respecto ao equilibrio entre o que pode ser camiñar cara a unha nova sonoridade de voces, gaitas e percusión sen renunciar ao que serían os parámetros onde normalmente transitan estas agrupacións.

Que a Real Academia Galega dedicase o Día das Letras Galegas ás cantareiras, fai que se achegue máis xente a formacións como Cántigas e á tradición oral ou non notaron un aumento?

Eu creo que Cántigas, como calquera outro colectivo, necesita de axuda e apoio e de toda a difusión que se lle poida dar. As Letras Galegas veñen constatar un feito que se leva dando desde os últimos anos, desde o fenómeno das Tanxugueiras, e é que a música tradicional está nun momento marabilloso. Hai moita xente que quere aprender, hai máis participación en actos que teñen que ver coa música tradicional e creo que todo iso sempre vai axudar. Agora xa case falo máis como músico que como director, pero a min Cántigas axudoume moito a ter unha perspectiva máis ampla deste tipo de cuestións.

En que sentido?

Cántigas da Terra nace en 1916 porque había unha moda ou un interese nun grupo de intelectuais por rescatar e recuperar a música tradicional. Desde ese primeiro revival, até esta eclosión de agora, houbo máis momentos onde tamén sucedeu. E creo que eses momentos tamén supuxeron tanto para a música como para o baile transformacións, novas publicacións, novas investigacións... Non só afectan ao tecido asociativo senón que fan parte todas esas persoas que están involucradas na música tradicional, como investigadoras, intérpretes, compositoras... a toda esa industria, por así dicilo, vaina beneficiar que desde as administracións e desde o mainstream se poña o foco na música tradicional. Nese sentido, desde Cántigas pódese ver con perspectiva porque se ve que o que sucede agora xa sucedeu noutros momentos e sempre vai facer que haxa novas agrupacións, novos espazos para actuar e para ensinar o que estás a facer. Dalgún xeito, no día das Letras Galegas está tamén Cántigas representada porque no seu arquivo hai moitísimas coplas e composicións.

Cando fala deses outros puntos inflexión na música tradicional, a que se refire, a Fuxan os Ventos, Milladoiro e Berrogüetto, por exemplo ou pensa noutros nomes como Andrés Dobarro ou Ana Kiro que tamén romperon barreiras?

Refírome, por exemplo, a Milladoiro, é certo que Ana Kiro e Andrés Dobarro acadaron fitos importantes, sobre todo para a lingua, que é unha preocupación tamén de Cántigas. Refírome á eclosión do folk, nos anos setenta e oitenta. Houbo moitas agrupacións de música tradicional, como A Roda, por exemplo, que foron importantísimas. A investigación nestes últimos cen anos foi cambiando, desde un primeiro momento no que os directores de Cántigas ían por aí recoller melodías e onde se xeran as primeiras grandes compilacións, como as de Casto Sampedro ou Perfecto Feijóo, despois aparece o soporte sonoro e non é só escribir papeis senón que se poden facer rexistros sonoros das informantes. Despois estes rexistros sonoros se analizan e transcriben como fixo Dorothé Schubarth. Nestes anos vese como se van dando pasiños cara adiante e desde Cántigas procuramos contribuír a todo iso da mellor maneira que podemos.

Tracking Pixel Contents