Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PREMIOS OPINIÓN DE MÚSICA DE RAÍZ

A gran noite da música de raíz

O teatro Rosalía de Castro volverá ser na noite deste mércores a casa do folk galego, coa celebración dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz. Milladoiro recollerá o Andaina Senlleira e Abraham Cupeiro, que actuará na gala, o Acontecemento Musical. Subirán tamén ao escenario Cántigas e Xoán Curiel

Milladoiro, no concerto do seu 45 aniversario, no Pazo da Ópera. |  Iago López

Milladoiro, no concerto do seu 45 aniversario, no Pazo da Ópera. | Iago López

A Coruña

Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz chegan á súa edición número 24 na noite deste mércores rendendo homenaxe a Milladoiro, polo seu case medio século de vida, e convidando ao escenario do teatro Rosalía de Castro a tres formacións que amosan a actualidade do panorama musical galego, con Cántigas da Terra, que está nun proceso de mergullar no seu arquivo para rescatar melodías que non gravaran nunca; Abraham Cupeiro, que recibirá tamén na noite deste mércores o premio Acontecemento Musical, pola súa xira Mythos, coa que percorreu Galicia man a man co coro Gaos e os seus instrumentos esquecidos; e con Xoán Curiel, que meteu as mans e a guitarra nas cantigas medievais para revivilas no século XXI, no seu disco Treides comigo, e que cantará, ademais, algunhas das súas composicións.

Os PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz están patrocinados pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña e Gadis e contan coa colaboración de Audias instituto auditivo.

Abraham Cupeiro. |  Iñaki Abella

Abraham Cupeiro. | Iñaki Abella

A gala comezará ás 20.30 horas, no teatro Rosalía de Castro, un escenario que Cántigas da Terra coñece ben, porque desde a súa fundación, no ano 1916, foi case como o seu fogar e así o seguirá a ser nos anos que veñan. O director artístico da formación, Luís Bolón, explicou a este diario que o reto de Cántigas, agora, está en sorprender o seu público, pero mantendo os seus sinais de identidade, como son a recuperación da música, dos instrumentos, do baile e da vestimenta tradicional e a defensa da lingua.

Xoán Curiel. |  Juan Luis Rúa

Xoán Curiel. | Juan Luis Rúa

Para Abraham Cupeiro, que desde pequeno estivo interesado nos instrumentos antigos e esquecidos, na súa recuperación e na súa construción, a música tradicional vai máis alá das melodías coñecidas, e introduce outras sonoridades, como as do karnyx ou o duduk. É por iso e pola exposición que a súa música está a acadar con fitos como a súa colaboración na banda sonora da película Gladiator 2, os que o impulsaron para que o seu labor sexa recoñecido como Acontecemento Musical do Ano. É a terceira edición deste galardón que, antes que Cupeiro, recibiron as Tanxugueiras e a asociación Xacarandaina. Cupeiro actuará en formato trío, unha formación máis reducida da que adoita levar de xira.

Cántigas, no teatro Rosalía. |  Carlos Pardellas

Cántigas, no teatro Rosalía. | Carlos Pardellas

A gala dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz contará tamén cunha sentida homenaxe a Milladoiro, coa entrega do galardón Andaina Senlleira, por ser o grupo que despertou vocacións en rapaces que non sabían que se poderían dedicar a percorrer o mundo tocando as melodías recollidas as súas avoas ou os seus veciños. Coa súa creación e a súa visión da potencialidade da música folk foron quen de crear unha sonoridade que é, aínda a día de hoxe, case cincuenta anos despois do seu nacemento, completamente recoñecible. Antes ca Milladoiro recibiron este premio formacións coma Treixadura ou Cantigas e Agarimos, solistas como Amancio Prada ou investigadoras como a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que percorreu Galicia a finais dos anos setenta para recoller os cantos e as melodías das persoas que vivían nas aldeas, ou o creadores de instrumentos, como o obradoiro Seivane. Con este premio, o xornal quere recoñecer a carreira de todos aqueles que, co seu labor, contribuíron a que a música de raíz dese un paso adiante, que non ficase estancada.

Tracking Pixel Contents