«Na miña casa sempre houbo felicidade, a pesar do medo»
A familia Seijas é moi coñecida na Silva e lévao sendo máis de cen anos, que son os que cumprirá Maruxa, este sábado. Pola súa loita antifranquista, en prol da liberdade e da memoria dos esquecidos, desde onte Maruxa é Republicana de Honra

Maruxa Seijas, coas súas fillas, onte, no Concello. / Casteleiro/Roller Agencia
«A miña nai foi unha das que deu un paso adiante coa memoria histórica», di unha das fillas de Maruxa Seijas Díaz, que onte foi distinguida como Republicana de Honra 2025. Este sábado cumprirá cen anos, un século no que viviu a República, a guerra, a pena, a fame, o medo, a loita, a ditadura, máis medo e a democracia.
A súa é a historia dunha muller que non quere esquecer nin calar, así que, cando con oitenta anos a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica lle dixo se lles podería contar todo o que lembrase do seu pasado e da súa familia represaliada, non o dubidou. «Eu acórdome de todo, ata da ración que nos daban. As lentellas, se as escollías, non comías unha, así que, había que cocelas con bechos e todo», rememora esta muller que tivo que enfrontarse á morte de familiares e achegados, ao medo e á inxustiza.
«Cando viñan os falanxistas ou a Garda Civil rexistrar a casa si que tiña medo. Viñan para prender os meus irmáns, pero eles nunca estaban na casa. Viñan de madrugada, tremiamos co medo a miña irmá e mais eu, porque ata nos levantaban da cama para comprobar que non os tiñamos debaixo», lembra Maruxa que, a pesar de todo, defende que na súa casa nunca faltou «a felicidade».
Recorda como se fose agora aqueles berros de «Eugenio, Eugenio [o nome do seu pai]», que daban os falanxistas cando sendo noite pechada intentaban tirarlles a porta da súa casa da Silva, para que abrisen canto antes e o «bum bum» das culatas das armas contra a madeira da porta, que era grande, «coma a dunha igrexa».
Maruxa, á que non lle gusta que lle chamen polo seu nome de nacemento, María del Carmen, asegura que ela agora «fala de todo» e con todas as palabras, en contraposición a cando era pequena e vivía cos seus pais e a súa nai lles prohibía dicir «merda», así que, polas tardes, senta no banco que ten diante da casa e bota unha parolada coas veciñas, algúns días de relixión, outras, de política, outro das lembranzas que cada unha atesoura na súa cabeza.
A historia de Maruxa, filla de pai analfabeto e dunha nai «listísima» non se entende sen o contexto dun barrio, A Silva, obreiro e con moita conciencia política e dunha familia moi extensa, con oito fillos e fillas, loitadores pola liberdade. Algúns deles, segundo lembrou o historiador Carlos Babío, da Comisión pola Memoria, coñeceron a antiga prisión provincial.
Maruxa ten moitas lembranzas, como cando o seu irmán chegou cos pés «cheos de espiñas» á casa porque viña andando descalzo desde Bens. Tamén a historia da súa tía María, que foi encadeada e obrigada a se meter no mar da Mariña para atopar unha pistola que un cliente de Valencia deixara na súa fonda. «Ela preguntaba polo seu home e non sabía que xa o fusilaran aquela noite», comentou onte Maruxa, no acto de entrega do galardón Republicana de Honra, que lle entregou a alcaldesa, Inés Rey, en forma de Torre de Hércules.
«É moito máis ca unha veciña centenaria, unha testemuña viva dun século cheo de loita, dor, esperanza e resistencia», lembrou Rey, que non foi quen de rematar o seu discurso, porque Maruxa acompañaba a súa intervención con máis lembranzas da súa vida, como cando lle recordou que, con once anos, limpaba peixe na Pichiqueira, na fontiña que había ao pé da casa dos Meirás, ou cando comentou que Maruxa casara cun home moi coñecido tamén na cidade, o Queleré, que adoitaba disfrazarse de muller no Entroido coruñés.
- La luz empieza a volver en A Coruña
- Un apagón de alcance internacional también afecta a A Coruña
- «Nos dijeron que si pagábamos 290 euros nos encontrarían un piso en A Coruña, y nada»
- Futuros inquilinos de pisos sociales de Xuxán renuncian por la subida de cuotas
- Los móviles de los vecinos de A Coruña y Arteixo recibirán una alerta general en caso de grandes emergencias en Agrela
- Los cinco locales de A Coruña que puedes reservar gratis para celebraciones privadas
- Esta es la reserva para jóvenes de los pisos que la Xunta construirá en las fincas cedidas por el Concello de A Coruña
- Largas colas en las tiendas de electrónica de A Coruña para comprar pilas, linternas y radios