XXIV Premios Opinión da Música de Raíz
Unha noite para celebrar a música que se leva dentro
A XXIV gala dos Premios Opinión da Música de Raíz ateigou este mércores o Teatro Rosalía, onde recoñeceu a Abraham Cupeiro como Acontecemento Musical do Ano e a Milladoiro pola Andaina Senlleira. Contou coas actuacións de Cupeiro, Cántigas da Terra e Xoan Curiel

Premiados e participantes nos XXIV Premios Opinión da Músca de Raíz. / Casteleiro / Roller Agencia
«Isto non é só unha gala, é tamén unha festa e un concerto que celebra a música de raíz, o motivo polo que estamos aquí». Así deu a benvida a xornalista e presentadora Belén Puime á gala dos XXIV Premios Opinión da Música de Raíz, que no serán deste mércores rendeu homenaxe, nun Teatro Rosalía ateigado, a figuras singulares do folk do país. Unha celebración que comezou xa dende o máis alto, coa viaxe musical polo pasado guiada polo músico e musicólogo Abraham Cupeiro, que demostrou, en catro pezas, por que é digno merecedor do Premio Acontecemento musical do Ano que recibía esa noite. Porque a música de Cupeiro é, en si, un acontecemento histórico e cultural.

Asistentes á gala dos XXIV Premios Opinión da Música de Raíz. / Casteleiro / Roller Agencia
«Despois de estar polo mundo, volver á Coruña, onde traballei hai anos, é máis ca un pracer», declarou o músico, antes de comezar cunha actuación na que levou ao público ata África a través dunha frauta de tres buracos de hai milleiros de anos. Despois, na peza Costa Atlántica, fiou unha melodía «que sae da Torre de Hércules e vai cara Irlanda», cos sons dos instrumentos da Idade de Bronce.

Casteleiro / Roller Agencia
Acompañado de violín e percusión, Cupeiro continuou a viaxe pola música de Armenia cun duduk, un deses «instrumentos esquecidos que merecen unha segunda oportunidade». A singradura musical rematou coa banda sonora dunha película imaxinada polo propio Cupeiro, que traza a peripecia do capitán dun baleeiro que vai a pique nunha treboada. Entre os instrumentos recuperados non faltou a presenza do karnyx, a trompa celta que o musicólogo xa converteu nunha auténtica icona. Cupeiro recibiu o premio a Acontecemento Musical do ano de mans da alcaldesa, Inés Rey; un galardón que recoñece a xira de presentación do seu álbum Mythos. «Tiña moito medo de levar este proxecto ao directo porque son instrumentos moi antigos», confesou. «Atopei uns compañeiros incribles na Orquestra Gaos. Hai que confiar nas enerxías e no agarimo da xente nova. Se non fora pola Orquestra Gaos, non tería o valor de subirme ao escenario tocar este disco», asegurou.

Abraham Cupeiro, co violinista Cibran Seixo e o percusionista Fran Troncoso. / Casteleiro / Roller Agencia
Unha xira que, como el mesmo lembrou, culminou en María Pita, «onde tantas veces soñas con tocar de pequeno, aínda que sexas de Lugo». A continuación, materializou o agradecemento invitando a subir ao escenario, a canda el, ao director da Orquestra Gaos, Fernando Briones, que recoñeceu que, cando Cupeiro lle propuxo o proxecto, «dixen que si sen saber nin o que iamos facer».

Casteleiro / Roller Agencia
E do pasado máis remoto, ao presente inmediato. A gala continuou coa actuación dunha das agrupacións de música tradicional máis recoñecidas e queridas da cidade, Cántigas da Terra, que ofreceu un adianto do espectáculo que terá a súa estrea, precisamente, no teatro Rosalía, dentro do Ciclo de Coros, con pezas como o Canto de Xil de Cambados, a Pandeirada de Montouto ou a Foliada de Cerdedo, que espertaron a emoción do auditorio.

Casteleiro / Roller Agencia
«Para nós é un privilexio poder estar nesta celebración dos Premios de Raíz, uns premios e un escenario polos que xa pasou o mellor do folk galego. Subliño o de galego, porque a preocupación pola nosa lingua ha de ser máxima», comentou o director artístico de Cántigas da Terra, Luis Bolón. Unha preocupación que, lembrou, compartía Adolfo Anta Seoane, un dos seus directores máis célebres. «Hoxe interpretamos pezas que el recolleu hai 80 anos. A música escrita en galego está viva cando a tocamos, bailamos e cantamos. Agardo que teñamos moitas máis galas dos Premios Opinión. Grazas a LA OPINIÓN e a Óscar Losada (impulsor e organizador da gala) por convidarnos», sinalou. Un dos momentos máis emotivos da velada púxoo a entrega do premio á Andaina Senlleira ao grupo Milladoiro, que, como ben indicou a condutora do acto, ten un forte vínculo coa cidade, e, ademais, «foron os primeiros que souberon que tiñan que contar cun mánager, cun técnico de son e cun estudo, para ir profesionalizando esta carreira». En representación do grupo recolleu o galardón Pepe Ferreirós, de mans do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. «Nunca estamos pensando nos premios, pero, cando polo que sexa na sociedade nos recoñecen o traballo, é sempre unha grande ilusión. Nós sentímonos moi premiados pola sociedade galega en xeral», agradeceu Ferreirós, que aproveitou para lembrar aqueles comezos na Coruña de hai xa case cinco décadas.

Pepé Ferreirós, de Milladoiro, nos XXIV Premios Opinión da Música de Raíz. / Casteleiro / Roller Agencia
«Non sei se merecemos o de senlleira, sería pretencioso pola miña parte dicilo, pero si é unha andaina longa, que empezou nesta cidade hai 46 anos ininterrompidos. Unha longa andaina teimuda na defensa e na difusión da nosa música popular», declarou Ferreirós, que recoñeceu a súa emoción por recibir o premio a carón de Cántigas da Terra, «que para Milladoiro foi sempre un referente».
O broche da gala correu a cargo de Xoán Curiel en formato cuarteto con arpa, percusión e frauta. O artista brincou co feito de ter sido nomeado ata cinco veces aos Premios Opinión sen ter gañado nunca. «Eu son xa da casa. Penso que debían dar un premio a quen estivo nomeado máis veces», dixo, antes de convidar á tamén cantante Iris Gey a acompañalo no escenario, no que interpretou unha escolma de músicas do mundo con presenza da cantiga de amigo que vén «da raíz máis fonda» da tradición galegoportuguesa, presentes no seu último traballo, Treides comigo!

Casteleiro / Roller Agencia
Os Premios de Música de Raíz están patrocinados pola Xunta de Galicia, Concello da Coruña e Gadis e contan coa colaboración de Audias instituto auditivo, que fixeron posible unha gala á que asistiron a alcaldesa, Inés Rey; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director de Comunicación de Gadisa retail, José Luis Fernández Astray; ou o director de Audias, Christoph Schnitzler, entre outros.

O director de LA OPINIÓN Manuel Ferreiro, a deputada autonómica Silvia Longueira, a alcaldesa Inés Rey, o director de Agadic Jacobo Sutil, a delegada da Xunta Belén do Campo, e o director xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos da Silva. / Casteleiro / Roller Agencia
Tamén acudiron rexedores doutros concellos da comarca, como o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o de Sada, Benito Portela ou a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, así como representantes municipais dos concellos de Cambre, Culleredo ou Oleiros, como tamén membros de diferentes formacións da corporación municipal e do Parlamento Galego. Por parte de Prensa Ibérica, o grupo editor deste xornal, acudiron o seu director xeral en Galicia, Juan Carlos Da Silva; o director comercial para a comunidade galega, Pedro Costa; o xerente de LA OPINIÓN , Xaime Abella; e o director do xornal, Manuel Ferreiro.
- A Coruña despide una tienda histórica: «Yo no era manitas, lo eran mis clientes»
- Monte Martelo, el barrio naciente en A Coruña
- Nuevo párroco para la Colegiata
- El Concello precinta El Holandés, en la Estrecha de San Andrés, por no adaptarse a la normativa
- Los dueños de perros en A Coruña celebran las nuevas sanciones: 'La gente aprende por las malas
- A pleno la ordenanza definitiva de eficiencia energética de A Coruña para su entrada en vigor este mes
- Fallece la paciente de cáncer ultrarraro Iara Mantiñán: una entre un millón
- El Concello de A Coruña empieza a poner multas por no limpiar los excrementos de los perros: hasta 30.000 euros para los reincidentes