Entrevista | Roi Salgueiro Barrio Arquitecto, un dos comisarios españois da Bienal de Arquitectura de Venecia
"Non podemos seguir construíndo como se non existisen externalidades"
O arquitecto coruñés Roi Salgueiro Barrio, comisaría, xunto co pontevedrés Manuel Bouzas, o pavillón español na Bienal de Arquitectura de Venecia. A súa proposta, Internalities: Architectures for Territorial Equilibrium está centrada nas arquitecturas en equilibrio ecolóxico e ambiental cos seus territorios

O arquitecto coruñés Roi Salgueiro. | Cedida
Levan ao pavillón español de Venecia a súa proposta Internalidades: Arquitecturas polo equilibrio territorial. Existe xa unha filosofía de integrar a realidade climática e a noción de sustentabilidade na arquitectura?
Cada vez ten máis importancia todo o que ten que ver coa descarbonización e o discurso climático na arquitectura. Durante moitos anos, isto realizábase ou parametrizábase a través de medidas técnicas e certificados, reducindo o seu alcance. Pensamos que, en España, hai unha serie de arquitecturas que están moi comprometidas con levar a cabo unha descarbonización moi forte, e non só iso, tamén de eliminar as externalidades ambientais da construción, como os danos á paisaxe ou a xeración de residuos. O que están a priorizar, para facelo, é traballar con recursos naturais locais, como pedra, madeira, terra, e outros materiais que quedan fora do rexistro común da arquitectura, como algas ou fibras. Tamén se levan a cabo políticas de reciclaxe, porque pensan directamente en como se pode desfacer o edificio unha vez que se reutiliza, ben porque directamente se constrúe con materiais reciclados. O importante é esa relación entre as economías de construción dun determinado lugar, e as ecoloxías que existen no territorio. A vontade clara é o equilibrio entre as dúas.
Que caracteriza, seguindo esta visión, as 16 propostas seleccionadas para o pavillón central, con proxectos de todo o territorio español?
Escollémolas a través dun concurso aberto ao que se presentaron 180 propostas, e os criterios de selección foron en base ao acordo á axenda de Internalidades. Son proxectos que empregan materiais de proximidade, naturais, cun uso moi reducido das tecnoloxías máis convencionais de construción, como poden ser formigón, aceiro ou aluminio, que dominaron a paisaxe da construción nos últimos 50 ou 60 anos. Como parte da documentación que nos enviaron, as propostas ensinaban as canteiras das que viñan as súas pedras, os bosques dos que viña a madeira, o lugar no que collían as algas para o illamento, ou o xeito no que reciclaban os materiais. É interesante marcar tamén as diferenzas. O que é atractivo, no fondo, é que isto non é un único tipo de arquitectura, senón que permite desenvolver arquitecturas formalmente e tipoloxicamente distintas: hai vivendas, edificios dotacionais, espazo público. Isto demostra que se poden levar a cabo políticas ambiciosas de descarbonización en absolutamente todos os ámbitos de produción arquitectónica.
Pódese estandarizar este xeito de facer arquitectura? Cal é o custo económico de reducir materiais convencionais no proceso construtivo en pos de recursos locais e de proximidade?
Temos exemplos de vivenda social, que sempre ten limitacións fortes de orzamento, ou vivendas unifamiliares que non son especialmente caras. En realidade, nós non pensamos que exista un incremento de custes asociados a cambiar os materiais do proxecto. Hai aspectos que pensamos que é importante recalcar. En primeiro lugar, estase potenciando un tecido produtivo que fai uns anos ao mellor non existía, pero que agora está alí, que ten que ver co uso, manipulación destes materiais, e tamén dos saberes construtivos que os poden levar a cabo. Hai unha compoñente de activación económica nun sector tan importante como a construción. Se a vinculamos á ecoloxía, pois moito mellor.
Que propoñen vostedes?
Nós propoñemos a internalidade, que é o que se opón á noción de externalidade. O que di este concepto que é que cando se produce algo, hai un custo que non está en mans do produtor, pero que repercute na sociedade no seu conxunto. Arthur Pigou puña o exemplo de que, cando pasan os trens, xeran chispas que ocasionan incendios. Hai externalidades en todo: produción de CO2, residuos... Non podemos seguir construíndo como se non existisen extenalidades que repercuten no conxunto da sociedade. Os axentes públicos, promotores privados, que están detrás do proceso construtivo teñen que responsabilizarse e asumir que hai custes sociais que temos que deixar de levar a cabo. Estas arquitecturas tamén reducen os custos que se producen durante a vida útil do edificio.
En Galicia coñecemos as consecuencias da falta de control na arquitectura e no urbanismo ou do desprezo ás extenalidades. Existe xa como corrente na construción ou aínda estamos nunha pantalla previa?
Temos exemplos bos de arquitectura de produción galega dentro das que se presentaron ao concurso. Incluímos só un, pero temos unha lista de finalistas que tamén se publican no catálogo e no xornal, con outros tres proxectos galegos. Unha oitava parte da exposición vén de Galicia. Por parte destes arquitectos hai un conxunto de profesionais que desenvolven este tipo de axenda. Outra cousa é o que sucede a nivel de conxunto, por parte da administración tamén. Queremos poñer de manifesto que os proxectos que presentamos son un exemplo de boas prácticas, e de medidas que deben ser referendadas e trasladadas aos criterios cos que se debe construír. Precisamos que as administracións participen disto.
Na Coruña estase xestando a que será a grande transformación urbana da cidade coa reordenación do porto interior. Que podemos aprender deste xeito de facer arquitectura para aplicar nesta gran reforma?
No proxecto do porto hai algúns elementos estarían asociados a isto: a importancia de ter en conta os ciclos da auga, a permeabilidade, a recuperación do río Monelos, un elemento ecosistémico que funcione ben e que sexa relevante a escala urbana. En cuestións como a suba do nivel do mar é un fenómeno de escala micro, que debe ser calibrada en cada zona, pero hai unha primeira liña de resposta. En materia de vivenda, na axenda de internalidades existe enfatizar todo o que ten que ver con formas de construír que van xerar economías fortes de desenvolvemento no territorio. Temos bos exemplos de como a vivenda pública pode actuar como unha vangarda do que se pode facer no ámbito da sustentabilidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- La empanada de A Coruña que triunfa por su masa y relleno: 'Algunos cogen el coche para venir a por ella
- El 'paraíso de la desconexión' está a 30 minutos de A Coruña y a solo 2 de la playa: piscina privada, restaurante y apto para mascotas
- De trabajar con Dabiz Muñoz a abrir dos pastelerías en tres meses y la tercera pronto en A Coruña
- Hijos de Rivera ultima la obra del edificio Comcor y prepara su traslado
- Mercedes Mosquera se despide de Duende: «Llevo entre cajas desde los 9 años»
- El edificio de San Roque se salva de ser demolido tras casi 20 años de conflicto
- Marc Anthony pone a bailar a más de 12.000 personas en A Coruña
- Desalojado un edificio del Barrio de las Flores por un incendio en el séptimo piso