«Parece que queren cargarse o centro para derivar o ocio ao porto e Agrela»
Varios hostaleiros da cidade formaron unha nova asociación despois de que se duplicaran as sancións a locais de ocio nocturno co obxectivo de revisar a normativa. Xabi Barral preside esta nova entidade, despois de verse obrigado a pechar o seu bar Barbería por unha grave sanción

Xabier Barral / Germán Barreiros / Roller Agencia
As sancións a locais de ocio nocturno duplicáronse durante o último ano. Isto provocou que un grupo de hostaleiros fundaran a Asociación para a Defensa e Igualdade da Hostalería, que preside Xabi Barral. O dono da Barbería é un dos que se viu afectado e este domingo anunciaba o peche do seu negocio tras recibir unha dura sanción.
Preside a nova asociación de hostaleiros, que obxectivos teñen?
O obxectivo principal ten que ver especialmente coa revisión da normativa vixente. Estamos a comprobar que tal e como está redactada hoxe en día é imposible traballar cumpríndoa. Está pensada para sancionar e pechar bares. Hai que darlle unha volta, os tempos cambian e a cidade cambiou. A normativa autonómica é máis laxa. Queremos traballar como o fan nos concellos limítrofes ou no resto de Galicia, con ese plus de decibeis e cunha insonorización para que non afecte os veciños. Así poderemos traballar con seguridade xurídica e ter unha convivencia adecuada.
Que cre que falla na normativa da Coruña?
A maioría de locais sancionados son os de tipo B, cun límite de 75dB. Calquera que traballe con iso sabe que se alcanza cun berro ou un golpe. Se o local está ben insonorizado e pechado, a maioría de queixas prodúcense polo ruído na rúa. Haberá que darlle unha volta e buscar a forma de que sexa practicable.
Cal sería esa solución?
Hai que ter máis marxe de decibeis porque a xente está a traballar co sonómetro manipulado. Ter maior control na porta do local, pero non do que ocorra fóra, iso debería ser competencia municipal. Hai que ter medidas de carácter disuasorio e informativo, que na reunión que tivemos, o Concello apoiou levala a cabo.
Os veciños do Orzán dixeron neste medio que non tiñan intención de sentarse a falar, vostedes si?
Nós si. Nós tamén somos veciños, nós tamén queremos descansar. Entendemos que é respectuosa a postura dos veciños por demandar o dereito ao descanso. Os veciños do Orzán non son os únicos veciños da cidade, se o seu obxectivo é pechar todos os bares do centro, deberían ser máis claros. Nós non temos ningún problema de sentarnos a falar.
Pensa que a cidade vai encamiñada a quedar sen pubs no centro?
Si, pero non só pubs, tamén de bares con ambiente musical a partir das 1.00 horas. Parece que o obxectivo é cargarse o centro e derivar o lecer ao porto ou ao polígono de Agrela. Pasará como coa Cidade Vella, será unha cidade morta, triste e sen actividade. Vai prexudicar tamén aos locais de primeira hora, se vas cear e non hai alternativas, non vés A Coruña e vas a outro lado. Algúns cunha idade media elevada buscamos os bares do centro e imos quedar sen sitio aos que ir. Cando saio coa miña parella cada vez vexo que hai menos sitios aos que ir tomar unha copa despois dunha cea.
Di que queren levalo fóra do centro, cre que hai un interese niso?
Cando unha asociación veciñal decide que locais hai que pechar, pois algo non cheira moi ben.
Vostede tamén é o dono do bar Barbería, que anunciou o seu peche o domingo. Por que se produce?
Despois de once anos sen ningún tipo de problema, por unha denuncia por ruídos. O caseiro, propietario do edificio, presentou unha medición cunha empresa privada, non pola Policía Local. O Concello deuna como válida e presentou un cesamento de actividade e revogación da licenza. O dono quería botarnos do local sen ter que indemnizarnos polos oito anos de contrato que aínda temos. Antes de asinar o contrato por dez anos máis e autorizarnos unhas obras na cociña por 12.000 euros, sería mellor que me avisara e eu buscaba outro local.
Foron inxustos con vostedes?
Moito. Se nos poñemos a pensar en cantos expedientes se pide o cesamento de actividade e o precinto… Aquí hai unha revogación de licenza cunha única sanción en once anos, non se se isto pasou previamente.
Pechan aí, pero, seguirán noutro local?
Gustaríame que fose así, non podo adiantar nada, pero a miña situación económica non é a óptima para emprender outro negocio despois de quedarme arruinado cunha débeda non pequena. Hai cinco persoas en ERTE que quedan sen traballo. Ás veces non se pensan as cousas, pechar os bares está ben, pero non se pensa nas persoas que viven deles.
Entón, non pode seguir por un tema económico
Agora mesmo non. Estou a pagar débedas, a miña economía quedou moi tocada. Non teño capacidade para emprender por min mesmo. Terei que buscar unha vía, baleirar o local e dedicarme a outra cousa.
- Os Mallos, zona cero del churrasco en A Coruña
- Un legado para Sergio
- Punto por punto: así son los diseños que hace Lucía Ruiz de Aguirre desde su taller en A Coruña
- La ‘reina’ de las lanas se despide de Panaderas
- Vivenda avanza en su proyecto de pisos sociales en suelo que cederá el Concello de A Coruña
- Dos bocatas de A Coruña aspiran a convertirse en el Mejor Bocata de España
- La ciudad de A Coruña en 1700: soldados sin paga y falta de vivienda
- Ideas para pasar el puente en A Coruña