A visión dunha estudante sobre a inmigración na Coruña

Pauli González estrea hoxe na súa canle de YouTube un proxecto chamado ‘Portas Abertas’ para o que entrevistou a cinco mulleres, dúas nadas na Coruña e as outras tres migrantes que residen alí. Os vindeiros xoves irán saíndo os cinco capítulos que o forman e no primeiro deles entrevista a alcaldesa Inés Rey

Pauli González durante unha das entrevistas. | Cedida

Pauli González durante unha das entrevistas. | Cedida

alba prada

Santiago

Pauli González é unha estudante do Doble Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago (USC) e amante da radio que non perde o tempo mentres remata os estudos, o que por certo fará este ano. Aínda que vive en Santiago, esta rapaza e orixinaria da Coruña. Pode que moitos a coñezan a raíz do seu pódcast Nadie T Preguntó, no que fai entrevistas a mozos da provincia da Coruña que sexan anónimos. E é que conseguiu pór en marcha unha idea que funciona ás mil marabillas, pois xa leva dúas temporadas e un especial de verán, e aínda que agora está parado, ten previsto retomalo pronto.

En paralelo, Pauli apostou por un novo proxecto que ocupou ata agora boa parte do seu tempo libre e que entregará como traballo de final de grao: un vídeo podcast documental de cinco capítulos no que analizou o fenómeno da inmigración na cidade da Coruña. Un arduo traballo feito por ela de principio a fin e para o que só contou coa axuda dalgunhas amigas: Antía, Marta, Zaira, Irene e Lucía.

Portas Abertas, que así se chama o proxecto, aborda a pluralidade de xente que vive na cidade da Coruña. «O tema central é a inmigración e analízoo en cinco capítulos que duran entre 25 e 30 minutos cada un. Sempre hai unha invitada que reside na cidade e conta a súa historia». Coa idea de mostrar distintos puntos de vista da inmigración, Pauli entrevista a dúas mulleres que son coruñesas de nacemento: a alcaldesa, Inés Rey, e Sara Alvar, presidenta de BoanoiTe, unha asociación que apoia ás persoas sen recursos dende a acollida e o voluntariado. As outras tres entrevistadas son latinoamericanas que agora residen na cidade. Estas tres mulleres teñen diferentes idades e migraron en condicións diferentes. Por un lado, atopamos a Salma Sepúlveda, mexicana que estuda na Universidade da Coruña (UDC) e que aporta a visión de migrar en situación de certo privilexio. Por outro, está Luhana Mariveck que chegou dende Perú hai ano e medio por necesidade, a raíz dun diagnóstico de autismo da súa filla, coa idea de buscarse a vida. A última é Andrea Díaz, unha uruguaia que se foi da súa terra fai décadas e que explica como é facer toda a tua vida lonxe do lugar de nacemento. Hoxe xoves saíu o tráiler de Portas Abertas en YouTube, na canle @portasabertas.mp4. Cada xoves das vindeiras semanas irán saíndo os cinco capítulos. «Foron gravados a varias cámaras e cada un deles desenvólvese nun par de localizacións, escollidas polas entrevistadas, con ánimo de que resulten fluídos». O primeiro que sairá é o da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pero para ir facendo boca xa se poden ver avances sobre o documental tanto en Instagram como en TikTok.

O porqué de ‘Portas Abertas’

Que Pauli escollese abordar a inmigración na Coruña non foi casualidade. Estivo residindo en Xapón catro meses grazas a un Convenio Bilateral da USC e alí decatouse de que onde quería vivir era en Galicia e a longo prazo na Coruña. «Alí estaba moi feliz así que sorprendinme a min mesma querendo ficar nunha cidade tan pequena. Dinme conta de que ao meu arredor pasa un pouco o mesmo e púxenme a pescudar na razón pola que a xente da Coruña é tan da Coruña. Durante as miñas investigacións foi cando atopei un informe que dicía que era a cidade galega que máis xente de fóra de España tiña vivindo nela, e foi o que me deu a idea», conta. «Ademais na miña familia somos metade de galegos e metade de uruguaios, de feito a invitada uruguaia é a miña propia nai. Así que con este documental indago un pouco en todo isto e na historia da miña familia, que ata entón era un pouco tabú porque chegaron a Galicia por necesidade», di.

Sinala ademais que considera que hai «bastante prexuízo» cara a xente que migra dende Latinoamérica a Galicia e no documental, a través dos datos e das historias desta xente, lógrase comprender que é exactamente o mesmo que fixeron moitos galegos hai anos. «Moitos emigraron para aló e agora son eles os que chegan a Galicia».

Por certo, que Pauli decantouse por facer enteiramente en galego este documental con ánimo de reivindicar o uso do noso idioma nos proxectos culturais.

Tracking Pixel Contents