O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre o Catálogo Galego de Especies Ameazadas

Píllara das dunas.

Píllara das dunas. / SEO Birdlife

Cosme Damián Romay Cousido

O Decreto 88/2007, regulador do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), cumpre a maioría de idade. Dezaoito anos dunha norma que foi acollida con entusiasmo polos colectivos ambientalistas galegos. O texto comezaba coas seguintes afirmacións: «A conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debe de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente», engadindo que «(...) se debe prestar unha atención preferente (...) á conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer».

A primeira lista do CGEA contiña 74 especies de fauna e flora «en perigo de extinción» e 119 «vulnerables» (isto é, un chanzo anterior ao perigo de extinción), que se ampliarían a 75 especies en perigo e 126 vulnerables nos anos seguintes. Segundo o artigo 15 do CGEA, «a catalogación dunha especie implicará a elaboración (dun plan) de recuperación, para as especies en perigo de extinción (e dun plan) de conservación, para as especies vulnerables».

E como estamos a día de hoxe? Só dúas das 75 especies en perigo de extinción teñen redactado e aprobado o plan de recuperación pertinente (o escribidor das canaveiras e o sapoconcho europeo), e só unha das 126 vulnerables conta cun plan de conservación aprobado (a píllara das dunas). Outros plans que foron licitados e entregados no seu momento quedaron nun caixón.

E como de grave é isto? Pois neste lapso de 18 anos, varias especies catalogadas como ameazadas en Galicia desapareceron xa como reprodutoras da nosa terra, caso do arao dos cons e a gaivota tridáctila. A última cita de pita do monte en Galicia é anterior a 2005. Outras especies catalogadas como «vulnerables» no CGEA deberían estar xa «en perigo de extinción» debido ao seu declive neste lapso, como a tartaraña cinsenta, a gatafornela ou a toniña.

E que dicir das especies que cuprirían os criterios para ser «vulnerables» ou estar en «perigo de extición» (ver anexo V do CGEA): galos de auga comúns, mouchos paleárticos, cucos cincentos, cotovías cristadas, lavercas dos campos, grallas pequenas, pardais monteses e mesmo gaivotas patiamarelas, son só uns exemplos de aves que merecerían estar neste catálogo.

Conclusión: o Grupo Naturalista Hábitat pide á Xunta de Galicia que cumpra a lei e licite (ou relicite) de xeito urxente os 198 plans de recuperación e conservación que faltarían por aprobar (isto é, o 98,5% do total). Unha vez realizada esta labor, solicitamos que proceda a ampliar o CGEA, baseándose en información científica acerca das tendencias poboacionais das distintas especies. Só deste xeito se poderá garantir a conservación da biodiversidade galega máis ameazada.

Tracking Pixel Contents