Decanos en activo da loita veciñal

Os barrios da Coruña loitaron sempre por causas que consideraban xustas, como que chegase o alumeado público ás súas rúas ou que se desmantelase o supermercado da droga de Penamoa. Directivos históricos das entidades veciñais que seguen en activo lembran os seus cabalos de batalla

Manifestación da asociación veciñal do Ventorrillo, á que se uniron outras entidades, contra Penamoa, no ano 2009.

Manifestación da asociación veciñal do Ventorrillo, á que se uniron outras entidades, contra Penamoa, no ano 2009. / Carlos Pardellas

A Coruña

O presidente da asociación de veciños de Visma, José Ramón Calvete, está seguro de que no seu ADN está a loita veciñal e que eses xenes os herdou do seu avó, que fora alcalde de barrio até o ano 1936. Se bota a vista atrás lémbrase a si mesmo «con quince anos, coas caixas de cervexa intentando recadar cartos para a asociación veciñal». Entrou sendo aínda menor pero seguiu toda a súa vida na entidade, intentando axudar os veciños en todo o que podía.

Falando coas persoas que levan décadas sendo a cara visible dos problemas dos barrios e das súas loitas hai un nome que lembran os que empezaron alá polos anos setenta a se mobilizar para conseguir unha cidade máis habitable, o do crego Marcelino Liste, pola súa entrega e o seu compromiso.

«O noso maior orgullo son os cursos que facemos, di Juan Iglesias, de A Barcarola»

Nalgúns barrios, cando empezaron as asociacións veciñais «estaba todo por facer», explican os directivos que seguen en activo, porque dependendo de onde viviran, había ou non colexio, transporte público, centro de saúde, biblioteca, saneamento, auga da traída ou equipamentos deportivos, así que, cada un coas súas necesidades, cada un pensando nun barrio mellor, decidiron dar un paso adiante e encabezar a loita veciñal. Ningún se arrepinte da decisión tomada, aínda que esta andaina estea chea de desabores e de renuncias. «Como isto é un traballo voluntario, o día que me canse, déixoo», conclúe, por exemplo, Isabel Fouz da asociación Entre Rondas, iso si, saben que todo o traballo que fan é, como explica José Ramón Cernadas, de Feáns, «con ilusión» para poder botar a vista atrás e pensar que «pagou a pena» porque deixan o barrio mellor do que o atoparon.

Para a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, Luisa Varela, estas entidades teñen moito de loita compartida e colectiva, que se fan sen pensar nin no económico nin no persoal, porque, ás veces sacrifican moito máis que o seu tempo. «Estamos tamén na federación autonómica e na nacional e conseguimos cousas que son importantes para os demais, que é o que nos anima a seguir adiante», relata Varela que se tivo que enfrontar a folgas do lixo, a protestas polo transporte público ou á desaparición dos asentamentos chabolistas da cidade durante os seus mandatos.

«Nalgúns barrios estaba todo por facer cando se crearon as asociacións»

Porque na Coruña loitas houbo moitas, desde aquelas manifestacións —con Xurxo Souto e Manuel María na pancarta da asociación veciñal de Monte Alto— para defender que non se derrubase a residencia de persoas maiores de Adelaida Muro para construír pisos de luxo, ou a de manter a súa biblioteca aberta no campo de Marte, cando o PP lle retirou a subvención que a mantiña, ata a aínda viva reivindicación dos veciños da Agra do Orzán para teren un parque e máis zonas verdes, ou a dos veciños e veciñas do Orzán e da Pescaría, que non descansaron até erradicaren o botellón das súas prazas ou a dos veciños e veciñas do Ventorrillo, que pedían que se eliminase o asentamento chabolista de Penamoa, o que chegou a ser o gran supermercado da droga do noroeste peninsular.

O Ventorrillo

Precisamente foi José Ángel Souto quen colleu o relevo de Rosa Barreiro no 2016, na asociación do Ventorrillo, así que el entrou na entidade nunha época moito máis tranquila, cando o ir e vir de toxicómanos polo barrio era xa un recordo pasado. O seu primeiro contacto coa entidade foi como «profesor de informática», despois, Barreiro pediulle que lle botase unha man co «papeleo» e empezou como secretario e, co tempo, foi elixido presidente. «Grazas ás redes sociais agora temos máis comentarios positivos, vemos que a xente o pasa ben coas cousas que facemos e no eido reivindicativo, remitimos as solicitudes ao Concello para que se faga realidade o que nos piden os veciños, escribimos alegacións a proxectos e, ultimamente, apoiamos aos residentes nas Casas de Franco», relata Souto, a quen lle gustaría aínda facer «máis cousas».

Peruleiro-Os Mariñeiros

Uns vinte anos leva Ana Rodríguez na asociación de Peruleiro-Mariñeiros e di que «houbo de todo», desde problemas con okupas, que requiriron a intervención policial, até momentos ben alegres, como cando se inaugurou o parque dos Mariñeiros.

Catro Camiños

Tamén Juan Iglesias, da asociación A Barcarola, de Catro Camiños, se tivo que enfrontar a momentos duros, sobre todo, internamente. «A min metéronme na asociación para encher unha lista. Primeiro, estiven de vogal, despois empezaron a pasar cousas estrañas, como que chamaban a concursos da tele co teléfono da asociación, que alguén tiña o cuño da Barcarola e organizaba unhas festas pero non formaba parte da asociación... ata chegamos a ter á Policía Local en dúas ocasións na sede. Unha, nas eleccións e outra, nunha reunión porque se agarraban das camisas e saían os botóns polo aire», lembra Iglesias, que é presidente desde 2002. «A miña idea era pacificar un pouco o tema e non foi fácil», recorda, pero conseguírono e agora, están xa noutra etapa. «O noso maior orgullo son os cursos que facemos, ata a pandemia ía fenomenal, porque chegamos a ser case 600 socios e era o que tiña que ser, unha asociación que pide que se melloren as beirarrúas, a iluminación, que o Concello non se esqueza do barrio... Pero co coronavirus complicouse moito e baixamos aos vinte socios. Agora estamos a recuperar e a ver se chegamos aos 200», comenta Iglesias, que asegura que a asociación é case como unha segunda casa para moitos veciños. «Nós temos unha canción que di: ‘Vimos pasalo ben’. Se non o pasas ben, escusas de vir», sentenza Iglesias.

Federación de asociacións veciñais da coruña e área metropolitana

Tamén un pouco por casualidade empezou Luisa Varela na loita veciñal. A finais dos anos noventa ela ía a clases á Barcarola e, un día, propuxéronlle formar parte da directiva. Aceptou e empezou a involucrarse máis cando viu as«cousas raras» das que fala Juan. «Foron momentos complicados, pero acabou a cousa ben», resume Varela e desvela que foi ela quen lle pediu a Juan Iglesias que encabezase el unha lista para dirixir a entidade. Deron tamén o paso de federarse e, entón, Varela pasou a formar parte da candidatura de José Antonio Folgueira —histórico presidente da federación de asociacións veciñais— que, cos anos, pediríalle que encabezase ela a lista da súa substitución, cargo no que está desde 2008. «Pesa máis o bo que o malo. A min gústame solucionar as cousas e houbo momentos mellores e peores.Co PP era imposible, pero con Marea cheguei a bos acordos e cos demais tamén», relata Varela, que sente orgullo por ser a segunda muller que preside a federación veciñal (fundada a principios dos setenta), tras a nacionalista Margarida Vázquez.

O Birloque

Ademais de estar na directiva da asociación veciñal Os Anxos moitos anos como presidente e, actualmente, como vicepresidente, Manuel Vales forma parte tamén da federación como encargado das infraestruturas, así que, a súa loita estivo na rúa, pero tamén nos planos. «A AC-14 modificouse moito grazas a nós. Agora estamos coa Cuarta Ronda, co Vial 18, cos accesos ao polígono de Visma, para que se faga un paso superior que desatasque a rotonda do pavo real... Son cousas que levan moito tempo», resume Vales, que di que, igual que a outros lles gusta «ir ao fútbol», a el gústalle loitar polo «benestar dos veciños». Vales cumprirá en maio «setenta máis trece anos», así que, a súa pegada está en Alfonso Molina e na terceira ronda pero tamén noutras moitas obras máis.

Manuel Vales, de O Birloque: «A terceira ronda modificouse moito grazas a nós»

Manuel Vales. |  Carlos Pardellas

Manuel Vales. / Carlos Pardellas

Feáns

José Ramón Cernadas é presidente da asociación veciñal de Feáns desde hai vinte anos, aínda que el cun grupo de amigos xa facía actividades no barrio antes. «Cando os anteriores se cansaron, collemos nós o recado», lembra Cernadas, que asegura que nunca Feáns foi tan famoso como cando fixeron o «cochocross», que non era outra cousa que unha carreira de porcos, aínda que fixeron moitas outras iniciativas, como a festa da tortilla ou dos chicharróns. A loita de Feáns agora é «contra o tráfico» porque actualmente o pobo queda «agoniado» entre tantos coches e por manter a súa esencia. «Queremos que Feáns siga sendo Feáns», coas súas hortas e cos seus patos no río. Cernadas anima os mozos a que «poñan o buzo» e collan o relevo, como eles fixeron cos que os precederon.

Visma

«A miña avoa dicía que o meu avó lle facía máis caso aos de fóra que aos da casa. Foi un dos fundadores da mutua de gandeiros La Pastora, que era como unha aseguradora. Con catorce anos, os domingos pola mañá ía con el visitar as casas dos gandeiros e recorriamos a cidade, e xa eu facía daquela de secretario sen selo», lembra José Ramón Calvete, que recorda que xa no ano 1977 se empezou a falar de que «uns promotores querían expropiar os terreos dos veciños de Visma». Foi este feito o que fixo que a xente se unise «contra un polígono» e crease a entidade veciñal, que tivo a súa primeira sede no baixo dunha veciña que vivía en Inglaterra. Alí levaban refrescos e cervexas para poderen recadar fondos para poñer en marcha a asociación e para loitar por cousas tan básicas como que chegase a «auga ás casas» ou que se conectase a rede de sumidoiros ou o alumeado público. «Lembro que o Concello nos poñía as farolas de segunda man e que os veciños tiñamos que poñer a man de obra». Calvete explica que, daquela, o barrio estaba «esquecido» e conseguir calquera cousa custaba moito, tanto, que ata os letreiros cos nomes das rúas llos tivo que dicir el aos operarios do Concello. Despois, conseguiron moitas outras cousas das que se senten orgullosos, como teren centro cívico ou ampliar o cemiterio.

José Ramón Calvete, de Visma: «Con quince anos eu xa andaba recadando fondos para a asociación»

José Ramón Calvete. |  Carlos Pardellas

José Ramón Calvete. | / Carlos Pardellas

Palavea

Involucrado na asociación de Palavea leva José Manuel Gómez Meilán 17 anos. Estivo de vogal catro anos, e despois xa foi presidente até o ano pasado e agora é o vicepresidente. Foi un veciño o que lle pediu que formase parte da entidade cando, logo de ter emigrado, volveu definitivamente ao seu barrio da nenez. Destes case vinte anos de entrega á loita veciñal, Gómez Meilán destaca a rehabilitación dos catorce bloques do grupo Santa Cristina, a reforma do centro cívico, do mercado, do parque infantil e das rúas. «Había moitas carencias no barrio», comenta, e apunta a que as segue habendo e urxentes, como que o Concello poña ao servizo dos veciños as instalacións deportivas da fábrica de armas, pero que outras xa se foron conseguindo como a apertura da pasarela que une Palavea con Pedralonga e que se levaba pedindo «máis de vinte anos». Aínda que se bota a vista atrás está contento por todo o conseguido e porque a entidade teña moita vida grazas ás actividades que fan, Gómez Meilán non nega que houbo «momentos moi duros» nestes anos.

Entre Rondas

Antes de ser a presidenta da asociación Entre Rondas, Isabel Fouz estivo na entidade veciñal da Agra do Orzán e, antes, nas asociacións de nais e pais, así que, a súa loita vén de lonxe. «Alguén ten que asumir a presidencia, pero eu nunca estiven soa, sempre fomos un colectivo de persoas preocupadas polo barrio», resume Fouz, que segue de representante municipal en tres colexios. Para ela, a loita veciñal, aínda que con desgustos, está construída con pequenas vitorias, como conseguir que se arranxen as rúas ou que «volvese o monumento aos Liberais á praza das Conchiñas». Quedan, polo de agora, moitas reivindicacións históricas por cumprir, como o parque da Agra ou a retirada do muro do Observatorio para que o barrio gañe zonas verdes. Fouz reivindica a multiculturalidade da Agra e a boa convivencia que hai entre veciños e a vida que hai e que se fai de portas para fóra

Isabel Fouz, de Entre Rodas: «Antes desta asociación estiven na da Agra e antes, nas ANPAS»

Isabel Fouz. |  Carlos Pardellas

Isabel Fouz. / Carlos Pardellas

O Castrillón-Urbanización Soto

De lonxe lle vén tamén a Ramiro Otero a vocación da loita veciñal, porque en Mugardos, en 1976 xa estaba nunha asociación. Hai oito anos que lle colleu o relevo a Domingo Verdini na presidencia da asociación Castrillón-Urbanización Soto IAR.«O que máis nos enorgullece é ter seguridade no barrio, pero hai outras conquistas, como o complexo deportivo do Castrillón», relata Otero. O seu predecesor, Domingo Verdini, entrou na asociación veciñal en 1980 porque, naquel momento, no barrio non había «nin un só metro cadrado de equipamentos, nin de zonas verdes nin de espazos libres», así que, ese foi o motivo polo que decidiu dar o paso e, agás un par de anos ou tres, estivo sempre na directiva da asociación veciñal, 26 anos como presidente e, agora, como secretario. «Eu sabía que me metía nun proxecto a longo prazo, porque a clave da transformación do Castrillón-Urbanización Soto empeza no plan xeral de 1985. No ano 1981 houbo unha reunión co concelleiro de Urbanismo, Rafael Bárez, no que se deseña o futuro do barrio, e no que se decide que vai estar rodeado de dous grandes parques, Eirís e Oza, e que ten que ter todos os equipamentos, escola infantil, colexio, instituto, centro comercial, centro deportivo, biblioteca, centro cívico... e que as dúas zonas van estar unidas pola praza Pablo Iglesias», lembra Verdini, que non esquece que, desde aquela, non só se puxeron en marcha moitos servizos senón que algúns tiveron que ser xa ampliados. «Por cada avance que chega hai moitas propostas e moito traballo detrás», resume.

Domingo Verdini, de O Castrillón: «Hai moitas propostas e moito traballo detrás de cada avance»

Domingo Verdini e Ramiro Otero. |  V. Echave

Domingo Verdini e Ramiro Otero. / V. Echave

Tracking Pixel Contents