Tito Calviño, mestre de mestres

Un dos grandes cantantes das orquestras galegas, Tito Calviño, compaxinou os escenarios coas clases particulares de guitarra que daba na casa. Das súas aulas saíron grandes rockeiros da música galega, como Manuel Silveira, de Zënzar, ou Antón, dos Papaqueixos, que onte lle renderon homenaxe

Homenaxe a Tito Calviño (no centro), en Portas Ártabras. | Iago López

Homenaxe a Tito Calviño (no centro), en Portas Ártabras. | Iago López

A Coruña

Con dez anos, Tito Calviño (Portomouro, Val do Dubra, 1950) decidiu que quería ser músico, non había na súa casa ningún instrumento nin quen lle ensinase solfexo, pero el tiña unha vocación clara e decidida desde que actuou por vez primeira coa orquestra da súa vila, a Imperial, sendo un neno, en 1960. Ese ano, empezou a ir na procura do seu soño e participou, «como neno prodixio», segundo define Xurxo Souto, no concurso Desfile de estrellas, de Radio Nacional, na Coruña. Conta que non tivo a súa primeira guitarra até os «trece anos», cando empezou a estudar música no conservatorio de Santiago pero, desde entón, xa non se separou dela.

Calviño compaxinou a súa actividade profesional enriba do escenario, como vocalista e músico de orquestra, coa de profesor particular de «guitarra, solfexo e elemental de piano», unhas clases que, vistas no seu conxunto, revelaron a un «inesperado mestre dos rockeiros galegos», segundo explica Xurxo Souto, porque das súas aulas saíron músicos que, despois, serían claves para a música rock en galego.

«Eu sempre din clase na casa, a pequenos ou maiores, a quen mo pedía. Aínda que non levo a conta, penso que debín ter máis de 200 alumnos», contaba onte Calviño a este diario, unhas horas antes de que lle rendesen homenaxe os seus antigos estudantes, en Portas Ártabras, co gallo da presentación do libro A culpa foi de Zënzar, de Laura Romero, ela tamén baixista do grupo de Cerceda.

«Parece que o mundo das orquestras e do rock and roll son antitéticos, pero vivimos nunha sociedade na que todo está enguedellado, tanto, que Tito Calviño, o gran vocalista das orquestras galegas, foi profesor do primeiro guitarrista de Zënzar, Manuel Silveira, que é de estética heavy, tamén doutro rapaz, que se chama Gonzalo Grela, do grupo Broa... A min sorprendeume cando mo dixo e entón, lembreime de que Antón, dos Papaqueixos, di que a única formación musical que el ten son unhas clases nos Castros, con Tito Calviño», lembra Xurxo Souto que, aínda sen se ter recuperado da sorpresa inicial, descubriu detalles daquelas clases, que o asombraron aínda máis, como que o mestre Calviño lles mandaba facer un exercicio os seus alumnos cunha canción do grupo Ilegales.

«Despois desta pequena convocatoria que fixemos, empezaron a chegarme mensaxes de persoas que lembraban a Calviño no escenario, botando a guitarra ás costas e facendo un contorsionismo musical que deixaba a todo o mundo fascinado, así que, era e segue sendo moi bo cantante, cunha voz moi bonita, un virtuoso da guitarra e, a parte, un auténtico showman», resume Souto.

Calviño defínese a si mesmo como «cantante» e, despois, como «guitarrista clásico», porque esa foi a súa formación, e tamén como feito que o diferencia do seu fillo, co que comparte nome e profesión, xa que tamén é músico —entre outros proxectos,era habitual velo ao lado de Sés, nos seus concertos, acompañándoa á guitarra—. «Guitarrista de rock é o meu fillo», resume Calviño.

Como afeccionado, asegura que lle gustan moitos tipos de música, sobre todo, a clásica,a brasileira e a hispanoamericana e «a de sempre, a de toda a vida». Non é casualidade, xa que, logo de empezar a traballar desde moi novo nas agrupacións galegas, como a orquestra Compostela, Los Key ou Los Players, de Ferrol, deu o salto a Miami, onde tocou con Los Fantásticos de España e, posteriormente, con Los Chavales de España. Ao seu regreso, xa no ano 1980, volveu a Los Key e, no 1981, da man de Sito Sedes, entrou a formar parte de Los Satélites, «na época na que triunfaba no programa Aplauso, de Televisión Española, presentado por Conchita Velasco», especifica Xurxo Souto. E, aínda que o seu currículo e moito máis longo, pódese resumir en que, na última etapa, cantou na orquestra Trébol e acompañado de pianistas.

«A min paréceme lindísimo pensar no gran Tito Calviño mandándolles aprender unha canción de Ilegales a estes rapaces que agora son grandes músicos e a ilusión que eles senten ao homenaxear o seu mestre, a quen lles abriu o camiño para se expresar como músicos coa guitarra», recoñece Souto.

Calviño, afeito aos aplausos e ás actuacións en directo, reivindica tamén esta parte da súa vida como mestre de todos aqueles que chegaban á súa casa coa ilusión de aprender un pouco do seu mundo. «O mellor de dar clases é o cariño que se lles colle aos alumnos, hai algúns que non vexo desde hai trinta anos e que me chamaron esta semana», sentenza este mestre de mestres.

Tracking Pixel Contents