As primeiras novas que tivemos dun tal Sigmund Freud
Sigmund Freud (1856-1939) foi un dos pensadores máis influentes do século XX. Fundou a psicanálise, exerceu unha grande influencia no ámbito da Psiquiatría e da Psicoloxía e no mundo cultural

Retrato de Freud en 1905 (fotografía de Ludwig Grillich), dominio público.
Xosé A. Fraga
Neste episodio comentaremos brevemente a recepción das súas propostas en España e Galicia nas primeiras décadas do século XX e, ademais, unha novidade. Veremos como o Freud duns 23 anos, en 1879, xa foi coñecido por estas terras debido á difusión dun dos seus traballos polo médico Ramón Varela de la Iglesia, un excepcional divulgador da actualidade científica do seu tempo.

Retrato de Ramón Varela de la Iglesia, sobre 1910. / Arquivo familia Varela Núñez
Estudante de Medicina
Malia ser un destacado estudante, Freud tardou oito anos en aprobar os cinco cursos da carreira de Medina. A explicación a ese paradoxo ten que ver con que no seu período universitario dedicou moito tempo a realizar unha formación complementaria á impartida nas aulas, cumpriu o servizo militar e desenvolveu múltiples actividades, guiadas por un insaciable desexo de saber. Por exemplo, interesouse polos traballos arqueolóxicos de Schliemann sobre Troia e pola obra de Sófocles e cun amigo aprendeu o español de xeito autodidacta, mesmo formaron unha especie de sociedade, Academia Castellana. Ademais, asistiu ás conferencias de Franz Brentano sobre filosofía e leu os seus escritos psicolóxicos e tamén acudiu ás conferencias de Theodor Meynert, experto en anatomía do cerebro e interesado pola psiquiatría. Por outra banda, Sigmund creou e dirixiu o seu propio círculo filosófico, no que trataron, entre outros temas, da obra de Ludwig Feuerbach, un dos fundadores do ateísmo humanista contemporáneo.

Jean-Martin Charcot ensinando no hospital da Salpétriêre de París, amosando aos seus estudantes unha muller (‘Blanche’ (Marie) Wittman) en «estado histérico». Dominio público. / LOC
Asemade, nese período foi contratado polo zoólogo Carl Claus, importante difusor da obra de Charles Darwin en lingua alemá, con quen investigou sobre a estrutura dos testículos da anguía na estación experimental de Bioloxía mariña que Claus establecera en Trieste, o que daría lugar ao primeiro artigo científico publicado por Freud. En 1876, con vinte anos, incorporouse ao laboratorio do seu profesor de Fisioloxía e Anatomía miscroscópica, Ernst Wilhelm von Brücke, onde elaboraría a tese de doutoramento. Tras dedicar un ano ao servizo militar, en 1879 licenciouse e doutorouse en Medicina.
Na busca dun perfil profesional
Nos tres anos seguintes continuou traballando sobre a estrutura do sistema nervioso de diversos animais no laboratorio de Brücke. Obtivo interesantes resultados e todo parecía indicar que o seu camiño profesional sería o propio dun salientable investigador nesa área. Porén, en abril de 1882 algo lle levou a cambiar de perspectiva, coñeceu a Martha Bernays e pensaron en casar, polo que decidiu buscar un traballo que lle ofrecera máis recursos económicos, abandonou a investigación de laboratorio e aceptou un posto como médico no Hospital Universitario de Viena e, seis meses despois, na clínica psiquiátrica de Meynert. Un paso transcendente na súa carreira, pois se ben nesa instalación médica realizaba estudos anatómicos sobre o cerebro, na liña doutros previos, accedeu ao traballo coas enfermidades mentais. O 9 de setembro de 1885 sería nomeado profesor da Universidade de Viena.
Dende outubro de 1885 ata febreiro de 1886 estivo en París, no famoso hospital da Salpétriêre, formándose con Jean-Martin Charcot, considerado o pai da Neuroloxía moderna, o estudo do sistema nervioso. Charcot utilizaba desde 1878 a hipnose para estudar experimentalmente as neuroses «espontáneas», sobre todo a histeria. Unha alteración que durante moito tempo —probablemente por prexuízos misóxinos— asociouse só ás mulleres («histérica!»), atribuíndoselle orixe orgánica, no útero. O prestixio de Charcot e outros colegas que usaban da hipnose axudou á difusión desa práctica entre os médicos, nos anos oitenta xa había algúns interesados en España, como o propio Santiago Ramón y Cajal.
No camiño da psicanálise
Se xa con anterioridade Freud prestaba atención ás enfermidades mentais, a experiencia de París acentuou o seu interese. Nada máis regresar a Viena abriu, en abril de 1886, un consultorio dirixido a atender cuestións psicolóxicas. El era un científico que tiña unha sólida formación técnica e coñecemento da anatomía do sistema nervioso pero entendía que ese arsenal non abondaba para comprender e curar trastornos mentais, pois unha parte do sufrimento das persoas tiña que ver con cuestións psíquicas, non materiais. Estaba convencido da existencia dunha especie de mundo oculto dentro de cada ser humano que incidía en diversas patoloxías, un inconsciente ao que pretendía acceder para poder visualizar conflitos profundos e camiñar cara a súa solución. Xa que logo, atreveuse a abrir unha porta a algo que se afastaba da racionalidade convencional.

Retrato de Freud en 1905 (fotografía de Ludwig Grillich), dominio público. / LOC
Inicialmente —para penetrar no inconsciente— utilizou cos seus pacientes a electroterapia e, sobre todo, a hipnose. Despois, xa a principios da década de 1890, recorreu a rememorar experiencias traumáticas, xeralmente conflitos sexuais, especialmente temperás. En 1893 presentaría, co colega Josef Breuer, un texto histórico: O mecanismo psíquico dos fenómenos histéricos. Comunicación preliminar, considerada a primeira conceptualización propiamente freudiana sobre a histeria. Era unha perspectiva revolucionaria, consideraba á histeria como algo psicolóxico, subxectivo, un xeito de defensa contra un suceso traumático de índole sexual. As súas propostas salientaban a relevancia de algo que se tivera ben agachado, a vida sexual, afirmando a súa presenza en todas as persoas e en todas as franxas de idade. Por iso as ideas de Freud eran cualificadas como unha doutrina «pansexualista», que situaba á sexualidade en todas partes.
Sigmund seguiu avanzando na súa busca do inconsciente. O seguinte paso consistiu na utilización dos soños e as asociacións que evocaban. En novembro de 1899 publicou A interpretación dos soños, un elemento central no desenvolvemento da psicanálise, termo que comezou a usar en 1896. Ademais, abandonou o uso prioritario da hipnose e da terapia da catarse e apostou por traballar coa asociación libre, deixar que fluíran no paciente elementos agachados, reprimidos, nun diálogo terapéutico. Entendeu que esa análise, psicanálise, era o único método para investigar de xeito fiable as causas das neuroses, facer consciente o previamente inconsciente.
Para levar a cabo esa conversa precisaba un espazo protexido para esa terapia, un lugar e unhas condicións que permitiran establecer un ambiente de confianza entre o médico e o paciente, no que o terapeuta se limitaba a ofrecer suxestións, preguntas e breves comentarios buscando a liberación de sentimentos agochados, mesmo positivos e negativos cara ao médico.
Así naceu esa imaxe hoxe tan coñecida do psiquiatra, no seu caso Freud, co paciente deitado nun diván e fóra do seu campo visual. As súas ideas e métodos terapéuticos —non exentos no seu tempo de prexuízos misóxinos— seguen aplicándose a día de hoxe e tamén continúan a ser obxecto de debate, cuestionándose o valor científico da psicanálise, considerada unha seudociencia. Por outra banda, os avances médicos permitiron identificar o compoñente orgánico/funcional nalgunhas doenzas mentais, o que levou ao uso dun arsenal farmacolóxico eficaz no seu tratamento.
Chegada das ideas do pai da psicanálise
A principios do século XX Freud comezaría a ser coñecido. Nun primeiro momento no ámbito cultural alemán, polo que acceso ás súas teorías estaba limitado aos dominaban ese idioma. Inicialmente, as ideas freudianas foron rexeitadas ou recibidas con escepticismo polos sectores académicos e médicos en España, mais nas seguintes décadas irían sendo aceptadas total ou parcialmente.
En febreiro de 1893 apareceu traducido ao castelán na Revista de Ciencias Médicas de Barcelona e pouco despois na Gaceta Médica de Granada o importante texto que Freud publicara con Breuer un mes antes sobre a histeria, pero esas temperás aparicións pasaron practicamente inadvertidas. Case vinte anos despois, en 1909, o médico Miguel Gayarre publicou na Revista Clínica de Madrid un artigo: La génesis sexual del histerismo y de las neurosis en general, no que rexeitaba as teorías freudianas, criticando especialmente a relevancia que daba á sexualidade, un lugar común entre os detractores de Freud nese período, síntoma dunha sociedade reprimida e hipócrita.
En Galicia, o coruñés Roberto Nóvoa Santos, catedrático na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, foi quen máis interesado estivo por estas cuestións, contribuíndo á súa difusión. Non resulta moi sorprendente, pois o perfil profesional e preocupacións de Nóvoa gardaban certa semellanza co do médico vienés. Tamén el tiña unha boa formación técnica, como patólogo experimental, e manifestou profundas inquedanzas sobre os fenómenos psíquicos. O avance científico non daba plena satisfacción ás persoas que coma el querían saber das enfermidades mentais, da conciencia, da memoria, da morte. Na busca de respostas ollaba cara novos pensadores, como o propio Freud ou Nietzsche, Bergson, Wilhelm Dilthey, William James, etc.
No segundo tomo do seu Manual de Patología, publicado en 1917, Nóvoa incluíu, como novidade en España, os procesos psicopatolóxicos, presentando, de xeito pioneiro no terreo da Patoloxía xeral as contribucións de Sigmund Freud, ao que recoñecía a súa relevancia pero co que evitaba identificarse plenamente. Na segunda edición do Manual (1922), publicou as ideas básicas do inconsciente freudiano e tratou da psicanálise, establecendo certa distancia co «pansexualismo» de Freud, se ben aceptou a importancia da sexualidade no tema da histeria.
O primeiro Freud
Vimos de falar, moi resumidamente, do Freud recoñecido mundialmente. Agora retrocederemos na súa biografía para saber máis dos seus primeiros pasos científicos, porque nese período, como imos comprobar, foi cando chegou un artigo seu a estas terras. Lembremos que a carreira investigadora do médico vienés comezou traballando ben cedo en Neuroloxía. En 1876, sendo un estudante de Medicina, incorporouse ao laboratorio do seu profesor de Fisioloxía e Anatomía miscroscópica, Ernst Wilhelm von Brücke, un salientable científico.
Sigmund dedicou uns seis anos a ese estudo e publicou uns oito interesantes artigos cos resultados das investigacións. Deu a coñecer dous sobre a medula espinal do que se denominaban «peixes inferiores», realmente Ciclóstomos, animais que, como a lamprea, carecen de mandíbula inferior, tema do que tratou a súa tese de doutoramento. Tamén publicou sobre o sistema nervioso do cangrexo de río, o nervio acústico humano e deu a lume outros artigos sobre métodos de preparación do sistema nervioso e estrutura do mesmo.
Ese valioso labor fixo de Freud un bo coñecedor da Neurobioloxía, cunha excelente formación en cuestións que eran de grande interese científico, como a estrutura das células nerviosas, nun momento en que se estaba a definir un elemento central no coñecemento do sistema nervioso, a doutrina da neurona que Santiago Ramón y Cajal establece a fins dos anos 80 do século XIX. O médico austríaco, que pasaría á historia asociado ao estudo das enfermidades do espírito foi, antes de comezar a interesarse polos trastornos mentais un salientable experto no coñecemento da base material do sistema nervioso.
Os seus tres primeiros artigos investigación apareceron nunha publicación da Academia de Ciencias de Viena. O cuarto é o que imos analizar aquí, Notiz über eine Methode zur anatomischen Präparation des Nervensystems [Nota sobre un método de preparación anatómica do sistema nervioso], publicado no número 26 dunha revista científica editada en Berlín, Centralblatt für die Medicinischen Wissenschaften. No ano 1879, catorce anos antes da tradución ao español do seu traballo con Breuer.
Localizamos un resumo dese artigo na Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. O texto figura na páxina 30 do seu número de 31 de xullo de 1879, onde aparece como obra de «S.Freud» e titulado: «Sobre un meìtodo para la preparacion del sistema nervioso». A revista que o acolle estaba editada, nese momento, en Pontevedra, na imprenta de José Antonio Antúnez. Cómpre salientar a rapidez con se realizou esa difusión do artigo: Freud asinouno o 27 de maio en Viena, recen cumpridos os vinte tres anos, e apareceu impreso o 31 de xullo en Pontevedra, en dous meses!

Parte do resumo do artigo de Freud aparecido na ‘Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América’ (1879). / LOC
O responsable da revista, a persoa que se encargaba de todo o labor de selección de orixinais, tradución e edición, era Ramón Varela de la Iglesia, catedrático de Fisioloxía da universidade compostelá. Mais que este outsider da Facultade de Medicina publicara o texto de Freud non era produto da casualidade. Varela abordou un impresionante labor de difusión médica especializada coa edición, entre outras obras, de dúas relevantes publicacións. A primeira, a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas, aparecendo entre abril de 1877 e xaneiro de 1884 unhas 160 monografías.
A outra publicación foi a que nos ofreceu o artigo de Freud, a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. Nela recollía os resumos que el mesmo elaboraba de artigos recentemente publicados por importantes médicos europeos, especialmente alemáns e franceses. Confeccionouna do 15 de abril de 1877 ao 31 de marzo de 1883. A cantidade de recensións publicadas foi importante; de media, podemos sinalar unha cifra de arredor de 30 por publicación, o que supón un número total de case 2000 resumos. A confección simultánea de ambas publicacións supuña un volume de traballo impresionante, pois Varela participaba activamente en todo o proceso de elaboración. Estas publicacións serviron para que os profesionais sanitarios españois e galegos puidesen coñecer de xeito inmediato valiosas contribucións.
Ramón Varela presentounos o artigo de Freud indicando que «el método que describe el autor en el presente trabajo para la preparación del sistema nervioso consiste, como él lo hace observar, en una modificación del método de Reichert (no texto aparece mal, Reichhert)», pasando a continuación a describilo. O profesor estaba moi interesado nos estudos histolóxicos, dos tecidos que forman o corpo humano, e chegaría a elaborar unha monografía sobre a medula espinal, tema que —casualmente— estudara Freud canda era novo. Obviamente, Varela ignoraba que quen asinaba aquel artigo sería, décadas despois, unha celebridade mundial, o pai da psicanálise.
Suscríbete para seguir leyendo
- Polémica en el mercado de San Agustín: las placeras exigen al Concello que frene el concurso para 23 puestos
- “El valor fundamental del diseño es resolver problemas”
- Despedido por realizar tocamientos y comentarios sexuales a sus alumnos
- Dos nuevos oasis de libros para una ciudad curiosa
- La compra de pisos en A Coruña sube un 25% y alcanza las cifras de la burbuja: esta es la causa
- El tiempo en A Coruña: así viene la penúltima semana de mayo
- Luz verde del Concello a que la Xunta tome las riendas en la urbanización de 4.000 pisos en Monte Mero
- Chayanne «pone el alma» en A Coruña