Entrevista | Martiño Noriega Médico de familia e exalcalde

«A sanidade pública é un corrector das desigualdades sociais»

Doce anos despois de exercer como alcalde, primeiro en Teo e despois en Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega retomou a súa profesión como médico de familia ao comezo da pandemia. En ‘Os médicos tamén enferman’ relata o seu retorno ao mundo sanitario nestes anos precarios

Martiño Noriega.

Martiño Noriega. / A. H. Rios

M. González

A Coruña

Martiño Noriega fala este xoves na librería Moito Conto (19.00 horas) sobre Os médicos tamén enferman, nun acto no que estará acompañado por Lorena Bembibre.

Cal son as motivacións que o levaron a escribir este libro?

É un libro que se escribiu de maneira demorada, entre o 2021 e o 2024, e supoño que había aí un motor que era a necesidade de deixar constancia da experiencia de traballar na Atención Primaria, sobre todo nunha época inicialmente moi dura como foi a pandemia, e tamén cos problemas estruturais que ten a propia Atención Primaria na sanidade pública. E logo intentar reflectir, mantendo a confidencialidade médico-doente, a voz dos pacientes, o que escoitaba cada día na consulta, ese cable a terra que, dalgunha maneira, a min situoume en tempo e espazo despois de tantos anos de exposición pública.

Fala dunha sanidade pública «en perigo de extinción».

Regresar á miña vocación para min foi moi gratificante, nun momento tamén moi duro como as primeiras semanas de pandemia, e a min supúxome reubicarme, retomar e coller o pulso á Atención Primaria, saber que non hai que estar opinando de todo e a todas horas, e pararme a escoitar... Creo que para min tamén foi terapéutico. A medicina, ademais da miña vocación, é o que me da liberdade para practicar o activismo, porque non dependo da política institucional para vivir. Tamén, certo é que me atopei unha medicina de familia que non foi a que deixara, moi agredida, moi tensionada, moi sobrecargada asistencialmente e cada mes que pasou dende que me incorporei no 2020 a situación está peor. Estamos en feitos consumados: os médicos enferman porque están sobresaturados, pero as verdadeiras vítimas son os pacientes, que teñen unha sensación coido que de desamparo.

Sempre se fala da necesidade dunha medicina máis humanizada. Difícil así?

É terriblemente complicado. Hai días nos que non sabes se vas a dar rematado co traballo do día, intentando compatibilizar iso cunha boa prestación de servizo e tamén coa necesidade de ter tempo para escoitar. Pero ese tempo non existe e hai que sacalo de debaixo das pedras. E iso tensiona moito unha consulta do día a día. Eu creo que se se sostén nestes momentos a Atención Primaria é polos profesionais e tamén pola comprensión dos pacientes, a pesar de que as queixas cada día van en aumento.

Esta situación fai tamén que os pacientes perdan a súa confianza no sistema sanitario?

Eu nestes anos envorqueime na prestación do servizo público e o retorno da xente foi sempre marabilloso. A xente valora cando hai un esforzo, pero tamén é consciente desa situación. Paréceme ben que se fiscalicen as baixas laborais, pero habería que fiscalizar tamén os tempos de agarda nas especialidades hospitalarias. Hai situacións que afectan ao conxunto da sanidade pública e que repercuten na prestación de servizo á xente e iso, dalgunha maneira, tamén se intenta reflectir no propio libro.

Tamén recolle algúns casos coñecidos.

Hai xente da que tiven a sorte de ser médico, como de Isaac Díaz Pardo ou do meu compañeiro e amigo Xosé Manuel Beiras e si que aparecen recollidos no libro porque hai unha parte de exercer a medicina que vai máis alá da regulada, que vai máis alá da consulta do día a día no Sergas. Son pequenas homenaxes, ou pequenas chiscadelas, que aparecen recollidas no libro.

Di que Isaac Díaz Pardo escribiu no limiar dunha publicación que era complicado decidir se vostede se tiña que adicar á medicina ou á política. Dubidou?

Non dubidei. Eu estiven na política activista, que non ten que ver coa institucional, dende a adolescencia. O período no que estiven en política institucional foi un compromiso, unha experiencia impagable, e sigo practicando a política activista a día de hoxe, saco tempo de onde non o hai, pero non dunha maneira retribuída, porque a política tamén hai que facela dende o activismo, non pode estar unicamente refuxiada nas institucións. Teño sorte de traballar na miña vocación, que é a medicina, es iso dáme liberdade para facer outro tipo de cousas, xa sexa escribir como practicar o activismo.

É difícil manter a vocación intacta cando se traballa nestas circunstancias?

Eu ás veces falo de que somos a orquestra do Titanic do sistema sanitario público e a medicina de familia. Eu intento poñer todas as miñas enerxías e a miña vocación no exercicio profesional, tratar de dignificar, como me consta que fan milleiros de sanitarios e sanitarias tódolos días no servizo da sanidade pública, e logo, entender que hai que incidir na cuestión política para que cambien as cousas e que, por exemplo, se deixen de fomentar espazos de negocio en torno á sanidade pública que son nocivos e prexudiciais de cara o futuro. Supoño que temos que sacar enerxías de onde non hai e intentar estar en tódolos campos para intentar cambialo todo. Non chega unicamente con centrarte na cuestión profesional.

Queda espazo para ter esperanza?

Nos momentos máis duros non podemos deixar de rir. O día que deixemos de exercer o humor estaremos perdidos. Cómpre recuperar a luz da primavera para recuperar esta invernía. Eu sempre digo que a sanidade pública é un corrector das desigualdades sociais porque equipara a todo o mundo, e iso non se debe perder.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents