‘Vitamina G’ para o galego dos alumnos da Sagrada Familia da Coruña
Os premios Mil Primaveras e DígochoEu recoñecen un proxecto de dinamización lingüística en redes sociais desenvolvido polo alumnado de 5ºC do centro: «É o idioma que nos diferencia doutras comunidades». A mestra Mariña Lema tomou a determinación de mellorar o nivel da súa clase a través dunha actividade que utiliza as redes para xerar interés entre a rapazada

Alumnado de 5ºC do centro Sagrada Familia. / Iago López
Calmuzo, borraxeira, nordés, marusía ou a expresión «manda chover na Habana!». Son palabras que non adoitan estar no vocabulario de moitos veciños da cidade, pero si no do alumnado de 5ºC do centro Sagrada Familia. Unha clase moi especial que, ao comezo do curso e coa guía da súa mestra, Mariña Lema, tomou a determinación de mellorar o seu nivel de galego. E fíxoo do mellor xeito posible: axudando aos demais a aprendelo tamén. Así nace o proxecto Vitamina G, unha iniciativa de dinamización lingüística en redes sociais desenvolvida polos propios alumnos, que xa lles valeu, entre outras cousas, o premio Mil Primaveras e o DígochoE da Crtvg.

A mestra Mariña Lema grava a unha alumna. | I.L.
«Creamos Vitamina G para que nós, e os outros cursos do cole, aprenderamos máis galego, e despois quixemos crear tamén unha páxina web e un Instagram», resume un dos alumnos, Yago Serantes. E con que finalidade? Pois moi sinxela. «Porque é unha lingua xenial», comenta outro escolar, Ángel Nieto. E a verdade é que a metodoloxía invita a mergullarse na iniciativa: unha vez ao mes, o alumnado prepara, grava e comparte nas redes sociais un vídeo no que explican, con retranca e desenvoltura, o vocabulario e os conceptos relacionados cun determinado ámbito: o Nadal, o Samaín, o Entroido, a colleita ou a cociña, entre outros moitos. Puideron demostrar o aprendido na gala dos Premios Dígocho Eu, na que levaron o premio de Ouro na categoría de Educación Primaria. En Educación Secundaria resultaron gañadoras as propostas do CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda.
Os vídeos non son a única ferramenta que empregan para aprender o alumnado da Sagrada: «Tamén escoitamos moitas cancións en galego para aprender máis», comenta outra alumna, Isabella Catán. Entre as preferidas da clase, Quen é a que canta?, de Fillas de Cassandra e Tanxugueiras, ou La Favorita, de The Rapants.
Mentres gravan, cantan e investigan, eles mesmos amplían o seu propio vocabulario, e, aínda que Vitamina G empezou como un proxecto destinado aos seus compañeiros do propio centro, axiña comprobaron que podía ser útil tamén fóra. «Ao principio foi para que os outros cursos aprenderan con nós, pero despois pensamos que non só tiñan que aprender os do cole, tamén noutras partes», explica outro dos escolares, Ibrahim Martínez. A implicación de toda a clase e o compromiso para que os contidos fosen evolucionando fixeron o resto. E funciona? Para Mohamed Touk, outro dos compañeiros, si: «Antes non falabamos galego, e agora xa falamos. É o idioma que nos diferencia doutras comunidades», sinala.
Funcionou tan ben que unha das alumnas, Emma Martín, decidiu mudar de idioma definitivamente e incorporarse ao uso da lingua diariamente. «Son neofalante porque, cando cheguei a 5ºC, vin que Mariña falaba sempre galego e quixen falalo tamén. Tamén foi por Vitamina G», comenta. E é que detrás dun gran cambio case sempre hai un grande exemplo. Para esta clase, ese exemplo é a súa mestra, Mariña Lema, impulsora da iniciativa entre bambolinas. «Este proxecto xurdiu porque o alumnado non tiña suficientes recursos para falar galego, e decidimos crear os vídeos para mellorar a súa comunicación oral. Ás veces non son capaces de expresar as palabras axeitadas porque non as coñecen, porque temos moito alumnado de fóra. Agora xa van falando con máis naturalidade», comenta. A elevada porcentaxe de estudantes de orixe estranxeira da clase, lonxe de ser un obstáculo para o éxito do proxecto, amplía as súas fronteiras: xa son varias as tías, avoas e outros familiares que seguen con interese os vídeos dos seus sobriños e netos dende a outra beira do mar, e, de paso, de seguro van quedando tamén con algunha palabriña que outra.
- Zara vuelve loca a A Coruña con una colección exclusiva de San Juan: solo a la venta en la calle Compostela
- Los nuevos bonos de Media Distancia en Galicia saldrán a la venta el 23 de junio
- El ‘tiktoker’ que se come la ciudad de A Coruña
- Comienza el adiós del viejo hospital: las máquinas ya derriban el Hotel de Pacientes
- Daniel Domínguez, nuevo director de LA OPINIÓN A CORUÑA
- El tiempo en A Coruña: la niebla toma el relevo de las altas temperaturas en plena cuenta atrás para San Juan
- Prohibido correr con la bici en la Torre
- La Policía Nacional acude a Riazor por un aviso de intento de agresión sexual en los baños públicos