‘Por que non hei de cantare’, a festa da música tradicional
A Banda Municipal de Música únese este domingo, ás 12.15 horas, coas pezas tradicionais relacionadas coa Coruña e a súa contorna

Pedro Lamas, Andrea Montero e Nilo García, cos músicos da Banda Municipal, nun ensaio, no Coliseum. / Casteleiro / Roller Agencia
«Por que non hei de cantare nace dun feliz encontro entre a Banda de Música Municipal co convite de Nilo García como director para este concerto, a el pareceulle que era unha ocasión moi acaída para facer un concerto arredor das Letras Galegas e contactou comigo para ver se podiamos facer un repertorio neste sentido e levamos meses traballando para debullar as posibilidades. Quixemos facer un concerto extraordinario contando con colaboradores de luxo, como son as Lilaina, a arpista francesa Bleuenn Le Friec, o Coro das Mariñas, creado para a ocasión, que son homes que lle van dar o contrapunto ás pandeireteiras e dúas parellas de baile do grupo Santaia de Santa Cruz (Oleiros) e coa Banda Municipal, que é todo un símbolo da cidade», resume o compositor e músico Pedro Lamas, que reivindica as bandas populares como artífices de que se estendese a música tradicional.
Para quedar coas once pezas que van soar este domingo, a partir das 12.15 horas, no teatro Colón, e que contarán con máis de sesenta artistas sobre o escenario, tanto Lamas como García fixeron moitos descartes até xuntar un repertorio que recolle a música relacionada coa Coruña e a súa contorna. «A simbiose da música das bandas coa música tradicional e co selo dos arranxos de Pedro Lamas, porque el bebe da música tradicional pero tamén do jazz, fai desta unha proposta diferente e singular», relata García.
Para Andrea Montero, unha das integrantes de Lilaina, o feito de que este ano sexan as cantareiras as homenaxeadas no Día das Letras Galegas e de que sexan as mulleres as que estean no foco non debería quedar «nunha anécdota», senón que cre que debería servir para seguir avanzando neste recoñecemento á tradición oral. «Nós imos cantar o que levamos cantando toda a vida, pero con outra linguaxe e imos cantar desde a gratitude a estas mulleres, é unha homenaxe por e para elas, ademais é moi emocionante para nós cantar coa banda», admite.
Tanto é así que a imaxe e a voz de Eva Castiñeira estarán presentes no espectáculo para que os integrantes da banda deixen os seus instrumentos a un lado e o público a súa posición de receptor, para que todos canten con ela. «É unha maneira tamén de promocionar a nosa lingua. Queremos que todos cantemos esas coplas aprendidas da nosa tradición», reivindica Lamas, que anima a que ninguén espere ao luns a que lle conten o que pasou no Colón, senón que vaian ao teatro porque vai ser unha experiencia única e con moita historia detrás.
Por exemplo, a da peza Los Caneiros, que foi composta por Eduardo Rodríguez-Losada, o pai do arquitecto do teatro Colón, e que vai ser, por primeira vez, interpretada por unha banda de música, o a do Cantar da ponte do porco, que é unha canción que lles cantaba a avoa das Lilaina a elas e que arranxou Lamas para que puidese ser tocada pola banda; ou a da Danza, de Eva Castiñeira.
«Eu penso que estamos nunha época na que cantar nos ten que dar alegría, temos que ser un pouco máis felices nesta sociedade na que sempre estamos pensando en correr e non alimentamos esa alma», relata Nilo.
Para Lamas este Por que non hei de cantare é tamén un punto de encontro entre dous públicos que non adoitan cruzarse, o da banda municipal e o da música tradicional. «Esperamos que se poida reeditar unha proposta similar, con outra xente, nos vindeiros anos», sexa Lamas.
- Cristina Paz, la mejor nota de la PAU en A Coruña y tercera en Galicia: 'Fui muy nerviosa pero salió muy bien
- Norma Duval visita A Coruña acompañada de su anfitrión David Perdomo
- El Salvador de Madariaga es el centro con la mejor nota media: 7,487
- El proyecto de 135 pisos en Adoratrices, en A Coruña, bloqueado hasta abrir el parque del Agra
- A la venta por 145.000 euros un estudio con piscina en Labañou
- Las nuevas ayudas al transporte del Estado en A Coruña: rebaja a BiciCoruña y bus gratis hasta los 15
- Sammy Pet Café: un local para todos los paladares y hocicos en A Coruña
- Avalancha de sardinas por San Juan: veinte barcos descargan 64 toneladas en la lonja de A Coruña