O Grupo Naturalista Hábitat Opina

Sobre a xestión dos espazos naturais protexidos galegos

Pasarela ás praias do parque natural de Corrubedo.

Pasarela ás praias do parque natural de Corrubedo. / EFE

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo en nome do G.N. Hábitat

Maio é un mes importante para a reivindicación dos espazos naturais e da súa biodiversidade. En efecto, existen varias datas sinaladas no calendario naturalista, como o pasado luns 12, no cal se cumpriron 17 anos da primeira (e infrutuosa) proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia. Ademais, o vindeiro mércores, 21, conmemorarase o Día da Rede Natura 2000; o xoves, 22, o Día Internacional da Diversidade Biolóxica; e o próximo sábado. 24. celebraremos o Día Europeo dos Parques Naturais. Estes días sinalados serven para facer balance do que se fixo ata agora en relación cos diferentes espazos naturais protexidos, e tamén para reclamar as pertinentes melloras na súa xestión, que redundarían nunha mellor preservación da biodiversidade.

Volvendo á Rede Natura 2000 en Galicia, vemos que seguimos de pechacancelas estatal en superficie protexida, con menos do 12% do territorio terrestre galego baixo esta protección. Sería desexable —como mínimo— duplicar (e idealmente triplicar) esa porcentaxe, partindo da base da Infraestrutura Verde de Galicia, recentemente publicada. Aínda que desde 2014 existe un Plan Director aprobado para estes espazos pertencentes á Rede Natura 2000 galega, seguen sufrindo agresións ambientais diarias. Infelizmente, non existe unha vixilancia suficiente nestas áreas protexidas, polo que case todas as devanditas infraccións fican impunes.

En xeral, podemos dicir que a Rede Natura 2000 en Galicia non está a funcionar como debería, e que sería necesaria maior superficie protexida e maior cumprimento das leis ambientais, con maior vixilancia e campañas informativas. No caso dos seis Parques Naturais galegos, a aprobación no último lustro dos Plans Rectores de Uso e Xestión (PRUX) engadiu unha dose de esperanza para unha mellor xestión dos valores naturais destas áreas protexidas.

En todo caso, e a pesar de avances en parques naturais como Corrubedo, fica moito traballo por facer. E, por suposto, amplas áreas das montañas orientais galegas, terzo norte galego e das Rías Baixas abofé que tamén merecerían ser consideradas parques naturais.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia ten tamén o seu PRUX e tamén moitos deberes por facer (por exemplo coa pesca e a turistificación), se ben as decididas actuacións contra árbores exóticas invasoras, como acacias e eucaliptos, e os rigorosos seguimentos de fauna, veñen sendo aplaudidos por moitos colectivos ambientalistas.

Conclusión: o G. N. Hábitat celebra estas efemérides naturalistas en maio poñendo o foco na necesaria mellora na xestión dos espazos naturais actualmente declarados. Tamén insta á administración autonómica a que tome boa nota das reivindicacións de diversos colectivos (entre eles o G. N. Hábitat) en aras dunha necesaria ampliación do número e extensión da rede de espazos naturais protexidos de Galicia.

Tracking Pixel Contents