Cambre, Peruleiro e Riazor, sedes dos premios Xerais 2025
Os Premios Xerais pechan esta edición cun pleno de gañadoras coruñesas - Abril Camino colle o relevo a Marta Villar no galardón de novela, con ‘Mulleres que viven xuntas’ - Érica Esmorís, de Peruleiro, e Andrea Maceiras, de Cambre, repiten dez anos despois os galardóns Merlín e Jules Verne

Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras. / LOC
Pleno de autoras coruñesas nos Premios Xerais de literatura. Abril Camino, o seudónimo que utiliza Rocío Otero, alzouse co XLII galardón de novela coa súa obra Mulleres que viven xuntas. Érica Esmorís foi distinguida co XL Premio Merlín de Literatura Infantil, con Erin e o lobo e Andrea Maceiras conquistou o XVII Jules Verne de Literatura Xuvenil, con O corvo sobre a neve. Cada un deles está dotado con 10.000 euros e coa publicación das obras.
Para Esmorís e Maceiras, este galardón ten un significado aínda máis especial porque hai dez anos que coincidiron no mesmo certame e resultaron gañadoras nas mesmas categorías, Maceiras,con Europa Express, e Esmorís, con Nena e o mar. Mesmos premios, mesmas persoas, pero diferentes momentos vitais dez anos despois.
«A min esta historia colleume hai dous anos nun momento de moito traballo e tamén de crise de inspiración. Non me pasara nunca antes, aínda que é bastante común nos autores. Veume á cabeza unha cousa que me contara miña nai, pero pensei que non podía afrontar a escrita dunha novela, así que, empecei a escribir coa idea de facer un relatiño curto, pero eu non sei facer iso e saíu esta novela», relata Camino. Esa faísca na que prendeu este Mulleres que viven xuntas foi a historia de dúas parentes —pero non da súa familia máis achegada— que facían vida xuntas.
«Temos moi presente a historia de Elisa e Marcela e, aínda que sabemos que foi real, vémola aínda como ficción, como que iso na nosa contorna non o hai, pero eu penso que si que o hai e que o houbo e moito e que o segue habendo, aínda que xa non en xente nova, senón en mulleres tanto da cidade como do rural que viven xuntas, que son amigas e que todo o mundo o sabe e que, aínda que non se sabe que é o que pasa de portas para dentro, podémolo intuír. A min o que máis me gusta de todo é que a sociedade, sen nomealo, acéptao», resume esta veciña de Riazor, que ten claro que, se a relación fose máis explícita e non se comportasen fóra da casa «coma irmás», non estaría tan normalizada ou sería criticada.
Partindo desa idea, empezou a armar a historia das súas protagonistas, que vai desde os anos sesenta, en pleno franquismo, até o 2019, «por non meter a pandemia», e que percorre o rural dunha aldea de preto de Santiago e o Londres de mediados do século pasado.
«Este premio chega como un reforzo de que, aínda que as últimas experiencias editoriais non me foron ben, vexo que queda xente con ganas de ler o que teño que contar. Chega no momento ideal da miña vida porque, aínda que se es escritora é moi difícil deixar de selo de todo, eu estaba dándome un ano de marxe para repensar as cousas e ver outras opcións profesionais, porque para min a escrita foi a miña única fonte de ingresos até hai un ano», comenta Camino, que levaba un ano e medio vivindo «o feo do mundo editorial» onde «todo o que podía saír mal, saíu mal». Para ela que este salvavidas sexa «en galego» cunha volta ás orixes ten un significado aínda máis especial. Colle o relevo da xornalista malpicana de LA OPINIÓN Marta Villar que, o ano pasado foi premiada co Xerais pola súa segunda novela, Detective Ferruchi.
Para Érica Esmorís, que vive en Peruleiro, este Erin e o lobo nace «do centro do corazón» porque ten moito que ver coa súa propia vida, «con ser filla e con ser nai», porque na realidade Erin é tamén o nome da súa filla que foi quen lle serviu de inspiración para crear a protagonista. Esmorís, que é veterinaria, aínda que agora non exerce, quixo que a esa nena da obra a acompañasen tamén os animais. «Para min seguen a ser do máis importante», tanto é así que, aínda que reside nun «pequeno piso» convive «cunha cadela e dous gatos» e co desexo de, algún día, mudarse ao campo e «ter moitos máis».
«Este é un libro de aventuras que fala dunha nena que é como a luz, vive nun bosque, illada, así que, nunca coñeceu unha cidade nin un colexio nin un neno, porque os seus pais así o decidiron, pero para o seu sexto aniversario, o seu pai regálalle un libro que o cambia todo e que ten a maxia que fai que ela se poida comunicar co bosque e o bosque con ela. Hai tamén un ser que é escuro, un lobo azul que se chama Noite e vive nunha cova. Son opostos, pero comparten o seu desexo de atopar o seu lugar no mundo», relata a escritora.
Para Esmorís, este premio Merlín supón «un momento de recoller o sementado» e agora terá que vir, de novo, o proceso de escribir e de crear. «Este premio é un respiro, un colchón económico para poder seguir crendo no que estou facendo e para non ter que coller traballos que me quiten tempo e enerxía, aínda que eu, normalmente, collo todo o que me ofrecen, pero tamén me gusta saber que me podo dedicar uns meses a escribir», comenta Esmorís, que asegura que a alegría «foi dobre» ao saber que repetía premio con Maceiras.
O mesmo sentimento comparte a autora de O corvo sobre a neve, porque desde aquel primeiro premio Xerais naceu entre elas unha amizade que dura xa dez anos.
Maceiras, que é veciña de Cambre, comezou hai dous anos a traballar nesta historia que se desenvolve «nun contexto glacial de cambio climático, onde hai emigrantes climáticos» e que ten un protagonista que sobrevive grazas «a unha criatura con intelixencia artificial» e a «seis libros clásicos da literatura xuvenil». Con esta idea de que os libros son refuxio se identifica moito Maceiras. «A miña intención con esta historia é a de mostrar a capacidade que ten a literatura para axudarnos en momentos moi complicados», relata a escritora, que recibe o Jules Verne nun momento non que a dotación económica lle permite «comprar tempo» para poder seguir creando novos proxectos. Actualmente, combina a escrita coa docencia universitaria en Ciencias de Educación da Coruña.
«No libro, a intelixencia artificial é moi particular, ten a forma dun corvo e é un asistente de vida, é a compañía dun personaxe que, polo demais, é absolutamente solitario», describe Maceiras que non quixo coller ningún lugar concreto do mapa como referencia porque defende que trata cuestións que nos «afectan de xeito universal» e de temas que preocupan tanto a pequenos como a maiores.
Este ano presentáronse aos premios Xerais 121 orixinais, o que supón, segundo a editorial, o dato de participación máis alto dos últimos anos. Logo da publicación das obras, celebrarase o acto de entrega dos premios, será o 11 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
- Detenido por matar a su pareja a puñaladas en la Sagrada Familia
- Norma Duval visita A Coruña acompañada de su anfitrión David Perdomo
- El Salvador de Madariaga es el centro con la mejor nota media: 7,487
- A la venta por 145.000 euros un estudio con piscina en Labañou
- El proyecto de 135 pisos en Adoratrices, en A Coruña, bloqueado hasta abrir el parque del Agra
- Detenido un hombre por matar con un cuchillo a su pareja en Sagrada Familia
- Este es el motivo que puso a A Coruña en la cabeza de visitantes a inicios de año, y los desplomó en mayo
- Esta es la previsión del tiempo en A Coruña a 14 días