Oliver Laxe: «A película quere achegarse ás novas xeracións escépticas e desencantadas»

O director coruñés chegou este domingo a Alvedro co Premio do Xurado en Cannes á súa última película, ‘Sirat’. O prestixioso festival francés reñeceu ata a data, as catro películas da súa filmografía. A cinta chega o próximo 6 de xuño aos cines buscando conectar con todo tipo de público despois de deslumbrar á crítica. A distribuidora americana Neon buscará levala á carreira dos Óscar

Oliver Laxe saúda a Amador Arias, protagonista de 'O que arde', na súa chegada a Alvedro

Oliver Laxe saúda a Amador Arias, protagonista de 'O que arde', na súa chegada a Alvedro / Carlos Pardellas

A Coruña

O director coruñés Oliver Laxe é o neno bonito de Cannes. As catro películas que conforman a súa filmografía foron recoñecidas polo prestixioso festival de cinema. O seu último éxito é Sirat, un filme que conta a historia dun home que busca a súa filla nunha rave perdida nas montañas de Marrocos. A cinta gañou o Premio do Xurado, exaequo coa alemana Sound of Falling. O próximo 6 de xuño chega ás salas co obxetivo de conectar co público despois de conquistar á crítica.

Catro películas, as catro premiadas en Cannes. Que sente ao triunfar no maior festival de cinema do mundo?

Está ben, aínda que cada vez é máis complicado. Son moitos anos de traballo e significa un respaldo á nosa maneira de facer cinema.

Ese respaldo do que fala, pensa que pode axudar a que se aposte no cinema nacional pola liberdade do autor?

Depende do autor, esa liberdade. Tócanos a nós tirarnos ao abismo e saber como queremos que sexan as circunstancias. O contexto axuda, pero nós queriamos facer a película que queriamos facer, e tiñámola moi clara.

Sirat chega ás salas o 6 de xuño. Que público pensa que pode conectar coa película?

A verdade é que me sorprendeu moi positivamente o festival. Pensamos que podemos chegar a todos os públicos: un público novo, que ten sede deste tipo de experiencias, que busca emocións intensas, e un público máis maior, que quere profundidade e gravidade.

Marrocos é o escenario, unha terra que está moi presente no seu cinema.

Coñézoa moi ben. É unha paisaxe máis árida e escultórica ca galega. É o espazo perfecto para estas epopeas que fago (ri).

A película foi mercada por Neon (distribuidora que leva seis Palmas de Ouro consecutivas) para a súa distribución nos Estados Unidos. Que cre que pode achegar ao percorrido da película?

Eles pensan que a película pode facer carreira nos Óscar. A nós abrúmanos, porque nunca pensamos niso. O que máis confianza me dá é que podemos chegar ao público novo. Deseñamos unha película para achegarnos a estas novas xeracións con falta de referentes, tan escépticas e desencantadas.

Para Galicia foi un orgullo esta edición de Cannes, con vostede como director e Romería de Carla Simón rodada en Vigo. Fala isto do bo momento do noso cinema?

Levamos moitos anos facendo ben as cousas desde varios estamentos, tamén desde as institucións. Penso que é froito dun proceso de deixar de ter complexos a moitos niveis da sociedade.

Vai facer esta noite (por este domingo) a preestrea en Navia de Suarna (Lugo), terra á que está moi conectado. Por que a elixiu?

Eu vivo alí, fago unha estrea e é normal que convide a xente á miña casa. Ademais, sei que os meus van coidar da xente que veña. Estamos intentando que o eixo oriental teña a súa lexitimidade en Galicia. Estatisticamente, o eixo atlántico absorbe o 95% dos fondos culturais do país. Intentamos facer da periferia, centro, e que teña o seu protagonismo cando o ten que ter.

Tracking Pixel Contents