Episodios da cultura científica

Os experimentos sobre galvanismo de Humboldt na busca da «forza vital»

Humboldt co uniforme de inspector de minas. Rafael Ximeno Planes, 1803. |

Humboldt co uniforme de inspector de minas. Rafael Ximeno Planes, 1803. | / Acervo histórico del Palacio de la Minería. Facultad de Ingeniería, UNAM, México DF

Xosé A. Fraga | Historiador e divulgador da ciencia

O próximo 5 de xuño coincidirán dúas celebracións: a do Día Mundial do Medio Ambiente e a da partida en 1799 desde A Coruña de Alexander von Humboldt (1769-1859) cara á súa expedición científica americana. Unha afortunada e coherente casualidade, polo perfil ambientalista do sabio prusiano.

Lembraremos ese segundo feito cunha nova edición dos Diálogos internacionais Humboldt organizados polo Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e a Autoridade Portuaria da Coruña no castelo de Santa Cruz (Oleiros), unha actividade aberta ao público interesado. Para ese evento contaremos con dous salientables especialistas na obra de Humboldt, os académicos Miguel Ángel Puig-Samper (Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC), que nos falará da relación do prusiano coa comunidade científica hispana, e Alberto Gómez Gutiérrez (Universidad de los Andes, Bogotá, Colombia), quen abordará o encontro entre Humboldt e Francisco José de Caldas («el gallego Caldas»).

O Humboldt recoñecido mundialmente está asociado á viaxe científica por América, o explorador que nese territorio mediu e analizou múltiples parámetros ambientais, recolleu numerosos exemplares de seres naturais, observou e describiu a interacción entre os diversos compoñentes do medio... Mais hoxe neste episodio imos falar das súas actividades científicas no período previo, unha experiencia que o preparou para o posterior estudo da natureza do Novo Mundo. Concretamente, dos seus experimentos sobre o galvanismo na busca da comprensión da esencia da vida e do funcionamento dos fluídos naturais.

Unha das láminas dun libro de Humboldt sobre os experimentos galvánicos.

Unha das láminas dun libro de Humboldt sobre os experimentos galvánicos. / LOC

Galvanismo e electricidade, os «fluidos imponderables»

Luigi Galvani comprobou en 1791 que conectando dous metais diferentes ao corpo dunha ra morta as patas desta se contraían como se o animal estivera vivo. Entendía que se xeraba dentro do anfibio unha forza electromotriz, de aí o nome que lle deu: «electricidade animal». Poucos anos despois, en 1797, Alessandro Volta descubriría a pila, a primeira batería eléctrica, baseada en reaccións químicas de dous metais en contacto, mergullados nunha disolución salina.

As investigacións de Galvani e Volta formaban parte do grande interese dos científicos de finais do século XVIII e comezos do XIX no estudo do que denominaban «fluídos imponderables» (non medibles para eles), como a electricidade, magnetismo, calor, luz... Un complexo labor que pretendía coñecer a natureza deses fenómenos e a relación entre eles nun período no que as interrogantes sobre o tema eran moitas.

Na busca da «forza vital», os experimentos galvánicos

Membro da elite prusiana, Humboldt tivo unha formación notable e variada, canto materias de estudo como institucións onde as cursou. Unha delas foi a Academia de Minas de Freiberg, dirixida polo gran xeólogo Abraham Gottlob Werner, onde recibiu unha aprendizaxe que lle facilitaría o seu primeiro emprego desde 1792, a inspección de minas de Franconia, onde visitou instalacións, elaborou informes, ideou algún aparato e ascendeu a inspector xefe.

Humboldt foi quen de compatibilizar ese seu labor na supervisión de minas con outras actividades. Así, estudou a distribución das plantas e a súa Fisioloxía e comezou un ambicioso programa de experimentos sobre os efectos da electricidade nos seres vivos. Asemade, traballou sobre a disposición dos sedimentos, estratos, na superficie do planeta.

O suposto descubrimento por Galvani da «electricidade animal» animou ao científico prusiano a realizar unha serie de investigacións sobre ese «novo» fluído, realizando experimentos dos que dou conta nun extenso libro que publicou en alemán no 1797, con 28 anos, traducido ao francés só dous anos despois. Asemade, nos catro anos que dedicou ao tema estableceu moitos contactos e intercambios de información con diversos especialistas interesados polo asunto.

Os múltiples experimentos que levou a cabo partían do exemplo de Galvani, a construción dunha «cadea galvánica», formada por dous metais diferentes conectados entre si e cunha ra, na que Humboldt introducía numerosas variantes. El tamén coidaba que o fluído xerado procedía do ser vivo afectado, o que lle interesaba moito, pois o achegaba á investigación dun tema ben atractivo para el, a suposta «forza vital» que explicaba o funcionamento dos seres animados en base á súa interacción con substancias químicas e físicas.

Nos experimentos probou diferentes materiais e seres vivos prestando especial atención ao movemento do fluído, que era segregado —segundo el— polas fibras nerviosas e musculares. Porén, malia o notable esforzo despregado fronte a un tema ben complexo, as pescudas de Humboldt sobre o galvanismo non acadaron os obxectivos que se propuxera, identificar correctamente a natureza do proceso galvánico.

En realidade, sabemos que o fenómeno identificado por Galvani ten outra explicación. A diferencia de afinidade polos electróns nos dous metais provoca unha circulación deles, electricidade, que se detería pero que continúa polo contacto cun medio húmido e ácido (por exemplo, a ra). En tempos de Humboldt isto non se coñecía e, ademais, el entendía —erroneamente— que o galvanismo era un fluído parecido pero diferente á electricidade.

O libro posúe varias curiosidades e/ou aspectos contraditorios. Por exemplo, o científico expresou nel o limitado dos resultados que obtivo, recoñeceu que «non acadei adiantar no coñecemento do Galvanismo algo máis que os que me precederon», mesmo indicou que o publicou por insistencia dos amigos, mais coidaba, ao mesmo tempo, que o seu traballo supuña avances e que axudaban coñecer a «característica básica da vida».

Outra peculiaridade reside no enfoque dos seus experimentos. No comezo do libro presentouse como un científico moderno, que traballaba só en base aos feitos observados e sen prexuízos: «Abstívenme con todo coidado de toda preocupación teórica nos experimentos galvánicos». Pero despois de numerosas probas deixou a un lado esa prevención e se animou a especular sobre as relacións «que ten con outras forzas da natureza». Ademais, nun determinado momento implicouse persoalmente nos experimentos, aplicando no seu corpo a corrente galvánica. Unha decisión que probablemente tiña que ver coa influencia exercida sobre pola perspectiva filosófico-científica do escritor e científico Johann Wolfgang von Goethe, e pola visión romántica, que demandaba a intervención subxectiva do observador, algo que aplicaría na súa descrición da natureza americana.

Un «fracaso reconducido» sobre un tema suxestivo

Malia que Humboldt non tivo éxito cos seus experimentos galvánicos, o fracaso non foi vivido como tal pola comunidade científica do seu tempo. Ese paradoxo ten que ver con dúas circunstancias. A primeira e principal, a confusión e descoñecemento do tema entre os científicos naquel momento; a segunda, coidamos, coa extraordinaria capacidade do prusiano para promocionar a súa figura e realizacións. O seu libro, pois, deulle sona e, ademais, fora eloxiado polas experiencias sobre o seu propio corpo, cualificándoo —de xeito ben esaxerado— como «mártir voluntario do galvanismo»; asemade, nalgún caso, as súas pescudas foron presentadas próximas ao descubrimento da pila, algo moi distante da realidade.

Por outra banda, as experiencias de Humboldt e outros colegas sobre galvanismo, electricidade e certas reaccións químicas e a posible existencia dunha forza vital espertaron o interese de certos sectores da sociedade. Así, por exemplo, Mary Shelley indica na introdución da edición de 1831 do seu célebre libro Frankeinstein que a orixe da idea que deu lugar á novela estivo en escoitar ao seu marido, Percy Shelley, falar dos experimentos do Dr. Darwin [Erasmus Darwin, avó de Charles], dar vida a un ser non vivo, a electricidade como motor.

Recepción en Galicia

Os experimentos galvánicos de Humboldt, malia as deficiencias sinaladas, constituíron –no período previo á súa expedición americana– a súa principal, e positiva, carta de presentación entre os científicos españoles, que accederon a eles pola edición do seu libro en francés, posteriormente traducido ao castelán. Poderíamos pensar que nas universidades españolas se localizarían as persoas interesadas polo galvanismo e a electricidade, pero no período no que suceden os experimentos de Humboldt, a Química e a Física non figuraban, ou o facían de xeito ben limitado e anacrónico, nos currículos universitarios. Por iso foron outras institucións que atenderon ás propostas do científico prusiano, en especial os colexios de Cirurxía, nos que interesaba moito a posible aplicación terapéutica deses fluídos. Non nos debe de estrañar, pois, que fose un profesor do Colexio de Cirurxía de Santiago o científico que máis interese demostrou polo galvanismo en Galicia. Falamos de Eusebio Bueno Martínez, quen, catedrático de Botánica, tamén se encargou do ensino Química, Física xeral e Mineraloxía no colexio compostelá. Entre as súas notas de traballos atopamos diversas referencias ao galvanismo, mesmo sobre a aplicación médica que del realizou, deixando escrito: «Humboldt ha sido el primero que propuso el galvanismo para la curación del reumatismo».

Aprendizaxe útil

Na expedición americana e no período posterior Humboldt abandonou as súas dúas liñas iniciais de traballo, a relativa aos estratos e á natureza da forza vital e fenómenos físico-químicos asociados. Porén coidamos que os experimentos sobre galvanismo resultaron frutíferos para a súa formación.

Axudáronlle a desenvolver un aspecto notable de calquera esforzo científico moderno e no que Humboldt se convertería nun mestre: a articulación dunha rede de relacións, a construción de conexións valiosas con numerosos especialistas importantes. Tanto a aprendizaxe técnica como a creación desa rede de contactos axudarían a Humboldt no seu traballo de exploración científica americana e na súa posterior divulgación.

Tracking Pixel Contents