O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre o estado do «medio ambiente» en Galicia

Parque eólico en Galicia. / Julián Vázquez
Cosme Damián Romay | Membro do G.N. Hábitat
O xoves 5 de xuño celébrase a nivel global o Día do Medio Ambiente. Foi establecido para conmemorar o inicio da Conferencia sobre o Medio Humano auspiciada pola Organización das Nacións Unidas en Estocolmo entre o 5 e 16 de xuño de 1972. Desde entón, en todo o mundo celébranse anualmente nesa data centos de actos conmemorativos arredor do estudo, conservación e divulgación do noso medio natural (expresión sinónima, e quizais preferible, a «medio ambiente»).
Falar dos «problemas do medio ambiente» deseguido nos evoca a contaminación do aire e das augas, a deforestación, a extinción de especies, os incendios forestais, as verteduras de hidrocarburos no mar… Grandes problemas globais que, se miramos máis preto de nós, son tamén os mesmos que atinxen a Galicia, con matices. Deste xeito, se quixeramos facer unha avaliación dos grandes problemas ambientais galegos, necesariamente hai que mencionar os cambios acelerados nos usos do terreo: en menos dun século, pasamos dunha sociedade esencialmente agricultora, gandeira e pescadora, cun uso extensivo do territorio, a outra máis volcada no sector servizos e cun uso do territorio máis intensivo, relacionado a miúdo coa industria forestal.
En efecto, Galicia é hoxe en máis dunha quinta parte un monocultivo sen valor ambiental de eucalipto, e unha superficie similar foi plantada tamén con piñeiro (industria madeireira). Moitas zonas que hai cen anos eran agrícolas ou gandeiras son agora plantacións forestais, coa conseguinte perda de biodiversidade asociada a zonas abertas.
A instalación acelerada e ampla de parques eólicos nos altos dos montes de media Galicia supón tamén un impacto á biodiversidade e unha devaluación da calidade da paisaxe. Os incendios forestais seguen a ser recorrentes, e as verteduras contaminantes gasosas ou líquidas están lonxe de erradicarse. As especies exóticas invasoras están cada vez máis presentes, sen aparente freo. Espazos protexidos no papel pero non na realidade.
No mar, centos de mamíferos e aves mariñas morren cada ano por causa de artes de pesca insostibles ambientalmente, e a espada de Damocles da eólica mariña peneira sobre o mar territorial fronte a Galicia.
E poderiamos seguir con este diagnóstico pesimista enchendo páxinas e páxinas, se ben sempre hai un raio de esperanza: esa parte, cada vez maior, da sociedade galega, concienciada e activa na defensa do noso maltreito medio natural. Mans sempre necesarias nesta loita continua que, con perseverancia e un chisco de sorte, mellorará a calidade ambiental da nosa terra.
Conclusión: o G. N. Hábitat celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente reivindicando a necesidade de accións decididas en favor do estudo, conservación e divulgación dos hábitats naturais e da biodiversidade asociada.
- Detenido por matar a su pareja a puñaladas en la Sagrada Familia
- Norma Duval visita A Coruña acompañada de su anfitrión David Perdomo
- El Salvador de Madariaga es el centro con la mejor nota media: 7,487
- A la venta por 145.000 euros un estudio con piscina en Labañou
- El proyecto de 135 pisos en Adoratrices, en A Coruña, bloqueado hasta abrir el parque del Agra
- Detenido un hombre por matar con un cuchillo a su pareja en Sagrada Familia
- Este es el motivo que puso a A Coruña en la cabeza de visitantes a inicios de año, y los desplomó en mayo
- Esta es la previsión del tiempo en A Coruña a 14 días