Entrevista | Lucía Veiga Nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual
«O audiovisual reverte máis do que se pensa na sociedade»
A actriz coruñesa Lucía Veiga será durante os próximos dous anos a presidenta da Academia Galega do Audiovisual. Defende o poder da comunidade, a forza das asociacións e da unidade das persoas

A actriz Lucía Veiga.| Aigi Boga
A actriz coruñesa Lucía Veiga vén de ser elixida presidenta da Academia Galega do Audiovisual para os vindeiros dous anos, unha entidade encargada de dar voz a todas as profesións que son necesarias para sacar adiante xa sexa unha película, unha serie ou calquera outro produto audiovisual. Veiga foi, entre outras moitas personaxes, Norma Muíños, na serie Rapa; Natalia, en Clanes; e Charo Velasco, na película de Icíar Bollaín Soy Nevenka.
Por que se decide a presentarse ao cargo de presidenta da Academia Galega do Audiovisual?
Eu toda a vida fun e son defensora do asociacionismo e botei moitos anos en varias asociacións, de estudantes, de folclore, en Xacarandaina... Creo nas virtudes e nas cousas que pode conseguir a xente cando se xunta. Decidinme porque me convenceron, porque dentro de min hai xa ese xerme, pero o presidente saínte, Álvaro Pérez Becerra, foi quen mo propuxo porque detectou en min esa tendencia a chegar a acordos. Dá moita vertixe porque son moitas responsabilidades e é moito o tempo que hai que investir e hai que escoitar moito e a moitas partes que teñen intereses diferentes, pero espero que sexa un período satisfactorio para todos.
A Academia abrangue moitas profesións, desde intérpretes a produción e vestiario, hai moitos intereses encontrados? O que é bo para uns e malo para os outros?
En asociacións máis restritivas podería ser máis doado poñer de acordo a todos os socios e non o é porque os perfís son moi diversos. A Academia Galega do Audiovisual é moi plural. Trátase de ver o audiovisual como un todo que, se funciona e está ben engraxado, beneficia a cada unha desas partes. A Academia non é só de cine, tamén é de televisión e doutros medios. É un reto engadido ao de poñer de acordo a moita xente diversa. Eu creo que a única maneira de facelo é a empatía, escoitar e intentar chegar a acordos de mínimos que son os que impulsan ao sector no seu conxunto, que é o obxectivo.
Hai algún proxecto concreto que queira levar adiante nestes dous anos de mandato?
Aínda me estou poñendo ao día coas cousas que están en proceso e por continuar. Esta última xunta directiva acadou convenios moi favorables e sentou na mesma mesa a moita xente distinta e mesmo coa Administración e as institucións, porque teñen que ir da man nestes casos. Como socia que chega a encabezar unha directiva, porque somos un equipo máis grande que nos imos apoiar e repartir o traballo, o máis importante é conseguir que os socios teñan sentimento de pertenza á Academia e aumentar esa masa social e ese compromiso para que a xente sinta a Academia como súa e que lle dea o valor que ten e que saiba que cousas lle pode dar a cada un.
Chega nun momento no que, cando menos como espectadores, o audiovisual galego ten moi boa sona.
Si, estase poñendo moitísimo en valor o noso audiovisual nacional e internacionalmente. Vimos de celebrar con Óliver Laxe o seu premio en Cannes, temos tamén moita máis presenza do galego en plataformas. Estamos nun momento doce que hai que manter e potenciar.
A Coruña quérese potenciar como polo da industria cultural, cre que lle queda aínda marxe de mellora?
Moita. A Coruña está moi presente como base de operacións, hai produtoras que teñen aquí a súa sede, tamén a Academia, estamos ben situados, preto de moitos escenarios naturais de rodaxe, ademais dos platós. Eu penso que está bastante repartida a industria por Galicia, que é un plató natural moi grande.
Que precisa o sector para seguir medrando e mellorando?
O audiovisual depende moito do público, así que, hai que seguir coidándoo, estar pendentes da calidade dos produtos, do que interesa ofrecer e que lles deamos vaia con calidade, con ética e criterio, que teña un obxectivo. Precísase tamén un consenso coa Administración, o audiovisual é un sector que precisa de apoio porque é cultura pero é industria á vez e reverte na sociedade moito máis do que se pensa. Precísase que os membros do audiovisual sintan a pertenza a ese único medio tan plural.
Hai algún proxecto que como Academia lles gustaría desenvolver para ter máis presenza entre o público xeral ou aínda é cedo para facer esta pregunta?
É cedo, pero si que é certo que, nos últimos tempos, a Academia empezou a facer ciclos para levar a produción galega a salas, tanto de películas longas como curtas, e non só ás capitais, senón tamén de todo o territorio galego. Hai un obxectivo que temos desde hai xa un tempo que é o da declaración de Entidade de Interese Público porque estamos convencido de que é así, de que o audiovisual reporta un beneficio para todos. Seguiremos con ese reto e ese achegamento do noso traballo á sociedade.
Pode ser o rural unha oportunidade para o audiovisual ou esta industria precisa de grandes cidades?
Eu penso que si, que está nas mans dos creadores e das produtoras, porque poden abrir a súa mente e incluír historias de todo tipo e localizadas en calquera recuncho. Se o noso obxectivo é chegar á sociedade temos que intentar mostrar o abano máis completo posible.
- Cristina Paz, la mejor nota de la PAU en A Coruña y tercera en Galicia: 'Fui muy nerviosa pero salió muy bien
- Norma Duval visita A Coruña acompañada de su anfitrión David Perdomo
- La plantilla de basuras de A Coruña exige una asamblea por la «falta de transparencia» de STL
- El Salvador de Madariaga es el centro con la mejor nota media: 7,487
- El proyecto de 135 pisos en Adoratrices, en A Coruña, bloqueado hasta abrir el parque del Agra
- Las nuevas ayudas al transporte del Estado en A Coruña: rebaja a BiciCoruña y bus gratis hasta los 15
- Sammy Pet Café: un local para todos los paladares y hocicos en A Coruña
- Multas para acabar con los excrementos de los perros de A Coruña