«Espazo Lugrís», non grazas. Dez propostas para nomear a beleza

Murales de Lugrís no edificio da rúa Olmos. |  Cedida por O Mural

Murales de Lugrís no edificio da rúa Olmos. | Cedida por O Mural

Rodrigo Osorio

O pasado mércores, Xunta e Concello reuníronse —coa ausencia da Deputación por motivos de axenda— para «abordar conxuntamente o futuro dos murais de Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos». A nota de prensa da Xunta di que o obxectivo desta xuntanza é «abordar as diferentes opcións que permitan garantir a mellor protección e coidado destas pezas, así como estudar a posibilidade de crear un espazo de dinamización cultural que poña en valor esas obras».

Benvida sexa a serodia iniciativa da administración autonómica que, nos últimos catro anos, desaproveitou un feixe de ocasións de impedir o empeoramento dos frescos e adquirir a prezo de saldo o edificio no que se atopan. Oxalá desta xuntanza saía unha solución urxente para esta obra única do muralismo na Nosa Terra.

Nas diferentes novas puidemos coñecer unha proposta de nome para ese eventual centro «de dinamización cultural» do que fala a Xunta: «Espazo Lugrís», un nome feo para o que ofrezo algunhas alternativas para o caso de que os nosos mandatarios decidan facer o que hoxe semellan estar a prometer.

A primeira norma para bautizar calquera espazo tería que ser a de non caer na tentación do «presentismo». Non é preciso inventar nada cando o que existe é bo e relevante. O inmoble no que están os murais resulta que foi, de acordo coas pescudas de Rubén Ventureira, o primeiro restaurante á carta da cidade da Coruña. Amais expertos como Mercedes Sánchez Pons, profesora de conservación e restauración da Universitat de València, manteñen que un dos valores máis importantes deste lugar é que «de xeito case que milagroso mantivo dende a súa creación a función e o sentido concibido polo artista, [...] xa que logo o espazo continuou a se utilizar como local de restauración de xeito ininterrompido». Por iso, o seu nome dende 1830, Restaurante Fornos, debería ser a primeira opción. Caberían variantes para o caso de que os políticos decidiran, como semella polo seu anuncio, abandonar para sempre o seu uso hostaleiro: Casa Fornos, coido que sería a principal.

De calquera xeito é importante recordar que as tabernas eran nos tempos de Lugrís (e moitas delas seguen a selo nesta altura do século XXI) os verdadeiros «espazos de dinamización cultural», lonxe das cuadrículas da cultura institucional. Unha taberna viva, cunha sala de exposicións no entresollado e un pequeno escenario na planta baixa sería a mellor homenaxe que lle poderiamos facer a Urbano Lugrís. Mais, se teiman en non ser conservadores e queren inventar unha outra cousa serían bos os nomes máis enraizados na obra do noso artista. Quizais o meu preferido sexa A Casa da Felicidade. Esta denominación xoga cun dos textos que o autor fixo no envés dunha das arcadas do baixo (Hic habitat felicitas) que é á vez unha brincadeira cun grafiti obsceno de Pompeia. Quixo Lugrís proclamar que o mellor nome para o Fornos era a casa da ledicia? Non o creo, mais seguro que non lle importaría que seguísemos máis de 70 anos despois co seu xogo de sentidos.

Tampouco estaría mal usar nomes da súa obra pictórica e mesmo, se ao cabo non hai taberna, o espírito dos gabinetes de curiosidades tan queridos por Urbano. Sobre esta argumentación propoño dous nomes: O cuarto do vello mariño ou O anticuario do porto. Estes son os títulos de dúas táboas xemelgas que pintou en 1946 e que recollen o mellor da súa poética amais de encaixar perfectamente nun espazo arredor da súa arte.

Tamén poderiamos rescatar algún nome da súa obra literaria: Taberna do porto de Os; A serea e o pescador (semella que podemos ver pendurado sobre o lintel un cartel sen palabras como nas vellas tabernas inglesas co deseño que Urbano fixo para ese relato) ou O buzo e a serea;... ou algunha outra que se podería consultar a Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, grandes recuperadores da súa obra escrita.

Aínda que, na meirande parte das ocasións, o menos orixinal ou á moda é o mellor e máis efectivo: Casa Lugrís sería esa opción que serviría para deixar claro que é o que se lembra e honra naquel inmoble.

Outro nome precioso e cheo de sentidos, aínda que seguro orixinal de máis, podería ser A furna de Fingal. Sabemos que Die Fingalshöhle, a abertura d'As Hébridas de Felix Mendelssohn, foi unha das pezas musicais favoritas do pintor. Da lenda de Fingal tomou o apelido para o seu heterónimo, Ulises Fingal, e o nome daquel espazo garda no seu seo a beleza da natureza, a pintura, a música e a lenda, os catro piares da sabedoría sobre os que Urbano Lugrís armou unha obra que temos que ser capaces de conservar por todo o que di de nós.

(Coda) Tras lembrar o pouco caso que as nosas mandatarias fixeron a cidadanía en todos estes anos sobre as medidas a adoptar no Fornos, o autor destas propostas tivo moito medo de lles facer suxestións por se, por vir de quen veñen, deciden rexeitalas. Desgraciadamente un non pode estar calado e menos ante a posibilidade de que «a casa da felicidade» acabe encerrada nun esterilizado e ermo «Espazo (de dinamización cultural) Lugrís».

Tracking Pixel Contents