A Festa dos Porcos, rir e disfrutar

Outro ano mais a festa dos barrios de Labañou e San Roque de Fóra dáse cita na praza da Tolerancia, onde haberá actividades para todos os públicos. Nesta edición o pregoeiro será Paco Lodeiro, e ademais farán un arroz con porco da man do chef coruñés Moncho Bargo, veciño da zona

A Comisión de Festas de Labañou co cartel da Festa dos Porcos, na praza da Tolerancia. |  Germán Barreiros

A Comisión de Festas de Labañou co cartel da Festa dos Porcos, na praza da Tolerancia. | Germán Barreiros

Á.Abeledo

A Coruña

A Festa dos Porcos comeza este sábado, 14 de xuño, nos barrios de Labañou e de San Roque de Fóra. A praza da Tolerancia é o núcleo da festividade. O membro da Asociación de Veciños de Labañou, Pablo Leira, comenta que a organización da festa faise con moita antelación: «En xaneiro xa nos poñemos a organizar e contactar cos grupos e as empresas, aínda que ao final sempre nos colle o toro». Como preámbulo, este venres, 13, dende as 17.00 horas, se celebra na praza da Tolerancia a segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala, no que actuarán Ortiga, Alana, Pava e Ulex, xunto a unha actuación sorpresa.

Esta festa ten como obxectivo reunir ao barrio, onde todas e todos poidan gozar da música, dos xogos e da compañía. Leira comenta que, en 2019, «a festa recuperouse grazas a un obradoiro onde recollían vídeos do barrio, os veciños maiores contaban a historia da festa e gustounos a idea».

Dende pola mañá, a disco ambulante Lilicleta encherá de música e humor o barrio. As 11.30 horas na praza da Tolerancia haberá un obradoiro infantil da man de El Tigre de Papel. Pablo Leira afirma que buscan «ofrecer algo diferente, como non hai atraccións, darlle outras opcións aos nenos e as nenas». «El Tigre de papel traballa coas manualidades, este ano os nenos farán porcos de papel, os diversiporcos», indica. A partir das 13.00 horas actuará Attaca Percusión, grupo formado polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Este ano, o pregoeiro é Paco Lodeiro, figura representativa do barrio, músico, cantante e presentador de televisión. «Paco Lodeiro é xente de barrio —di Leira—, sempre está disposto a votar unha man». Sobre as 14.00 horas actuará Pan Sen Fron, grupo coruñés de música tradicional.

Nesta edición, haberá un arroz con porco para centos de persoas. A preparación do prato está nas mans de Moncho Bargo, veciño do barrio e chef do restaurante Pracer na Coruña. Leira di que a idea do arroz naceu dunha conversa no parque: «Empezou como unha broma, un veciño dixo que podía conseguir unha paellera xigante, e comentoullo a Moncho, e este dixo que se lle poñían a paellera el participaba». A partir das 17.00 horas, haberá xogos tradicionais para os cativos, e ás 18.00 horas, o circo Sempre Arriba.

Ás 20.00 horas actuará a cantante galega con raíces arxentinas Catuxa Salom, a cal fusiona ritmos tribais latinoamericanos con música en galego e toques electrónicos. Arredor das 22.00 horas subirá ao escenario Manoulious Dop, banda que mestura pop, rock, funk e disco. Pechará a noite Pablo Balseiro & The Verbenian Orquestra, o proxecto deste guitarrista e cantante de San Roque de Fóra, barrio ao que dedicou o seu primeiro disco.

Tracking Pixel Contents