O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre como actuar se atopamos un paxaro desvalido

Como actuar se atopamos un paxaro desvalido / Archivo EFE / Katia Christodolou
Cosme Damián Romay | Biólogo do G. N. Hábitat
En primavera e verán podemos atopar algunha ave no chan que non pode voar. Quizais bateu contra un vidro e está aturdida; ou ben feriuna unha ave de rapina, un gato ou un humano; ou ben se trata dunha ave nova aprendendo a voar (voadeira) ou que caeu do niño antes de tempo. Por norma, debemos conservar a calma e estudar a propia ave e a súa contorna.
Se está visiblemente ferida e/ou sanga, deberemos chamar ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe (CRFS) da nosa provincia (*), ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil (062), a Emerxencias de Galicia (112) ou ben a Protección Civil ou á Policía Local do noso concello.
Se non está ferida, observaremos se xa está totalmente emplumada ou non: se está núa, cos ollos pechados, ou ben ten plumón ou unhas poucas plumas, pode ser unha cría que caeu do niño. Nese caso, se vemos o niño e está accesible, collerémola con coidado e tentaremos retornala, alonxándonos deseguido; os seus pais aceptarana sen problemas. Se non vemos o niño, ou non está accesible, podemos facer nós unha plataforma ou cunca mesturando herbas, pauciños e algo de barro. Ese niño improvisado situarémolo entre as pólas dunha árbore con follaxe densa, preto de onde atopamos a cría, pero lonxe do alcance dos gatos. Alí acomodaremos á desvalida cría e nos alonxaremos, observando a posible visita dos proxenitores nas seguintes dúas horas. Se os pais non regresaron, entón é unha cría orfa e chamaremos a algunha das entidades arriba mencionadas.
Se o paxaro que vemos está emplumado, temos que mirar se se trata dun cirrio (Apus apus ou Apus pallidus), aves que non poden engalar se están no chan. Se é un cirrio, entón alzarémolo co brazo sen propulsalo e a ave tentará despegar por si mesma. Se non é un cirrio, e non hai gatos á vista, por norma debemos deixala no sitio, xa que probablemente sexa unha cría voadeira que buscará un sitio máis seguro no seguinte voo. Se sospeitamos que hai gatos preto, podemos recollela con coidado e poñela nun lugar tranquilo, elevado, lonxe do alcance dos felinos e á sombra, como o interior dunha árbore con follaxe densa. En ningún caso debemos levala á casa: a lei di que está prohibido recoller e ter polos de calquera ave silvestre.
Conclusión: non todos os paxaros desvalidos que atopamos están realmente desvalidos. Só nalgúns casos precisan da nosa axuda, que principalmente será que chamemos a un centro de recuperación de fauna ou a outra autoridade. E nunca levalos á casa: son animais salvaxes, non mascotas!
(*) A Coruña: CRFS Santa Cruz, Oleiros (881 960 405 / 686 597 745); Lugo: CRFS O Veral, Lugo (982 828 441 / 649 668 923); Ourense: CRFS Alto do Rodicio, Maceda (988 302 051 / 628 358 652); Pontevedra: CRFS Carballedo, Cerdedo-Cotobade (886 206 919 / 606 656 017).
- Hijos de Rivera ultima la obra del edificio Comcor y prepara su traslado
- Las Inmaculadas venden su edificio de Puerta Real al empresario José Souto
- La ubicación de la Feria del Libro de A Coruña y Mostrart cambia por las obras
- Marc Anthony 'valió la pena' en A Coruña
- Mercedes Mosquera se despide de Duende: «Llevo entre cajas desde los 9 años»
- El edificio de San Roque se salva de ser demolido tras casi 20 años de conflicto
- Miguel Bosé deslumbra en el Coliseum
- Conductores del bus urbano piden prohibir que suban patinetes eléctricos