Profesionais en formar gañadores cun toque persoal no instituto Rosalía Mera

Tres alumnas do instituto de Secundaria Rosalía Mera reciben o primeiro premio no certame Cooperativismo no ensino, da Xunta, por ‘Milgranda, Sociedade Cooperativa Galega’, un proxecto de deseño de prendas de roupa que sexan duradeiras

Andrea, Uxía e Candela, xunto aos seus profesores en Inicia.

Andrea, Uxía e Candela, xunto aos seus profesores en Inicia. / LCO

Á. Abeledo

A Coruña

O instituto de Educación Secundaria (IES) Rosalía Mera, en Labañou, gañou o primeiro premio do certame Cooperativismo no ensino, co seu proxecto Milgranda, Sociedade Cooperativa Galega. A Xunta tamén recoñeceu os traballos de catro centros educativos galegos máis e os de tres cooperativas na edición deste ano do certame e dos premios á cooperación.

As alumnas de segundo curso do ciclo Deseño e Xestión da Produción Gráfica Andrea, Uxía e Candela son as creadoras de Milgranda, Sociedade Cooperativa Galega, un proxecto que lles levou todo o ano escolar, tendo que traballar moitas veces fóra do horario de clase. As rapazas afirman que se basearon nos seus intereses propios:«O deseño gráfico, artes visuais e a caligrafía son cousas que nos gustan moito». Elas non querían caer nun modelo fast fashion. «Pensamos en deseñar prendas que sexan orixinais e teñan personalidade, e que a vida destas non se limite de ningunha maneira, queremos que sexa algo duradeiro», aseguran as rapazas. As mozas din que usan «modelos de impresión menos contaminantes e algodón ecolóxico, e así aportar ao planeta» .

Aparte de gañar o certame autónomico Cooperativismo no ensino, tamén obtiveron o primeiro posto no concurso Inicia, do Concello da Coruña.«Presentarnos antes ao outro concurso axudounos moito», aseguran Andrea, Candela e Uxía, que tiveron que montar o seu propio posto e darlle vida ao proxecto. «Traballamos para que todo fose moi visual, e interactuar o máximo posible coa xente, regalabamos pins, pegatinas», aseguran as rapazas. Andrea, Candela, Uxía e súa profesora Ana queren darlle visibilidade ao comercio local. «Este premio —din— valida os nosos esforzos,e a importancia do modelo cooperativo nos centros e na economía local». Tamén queren recalcar que o traballo en equipo xera un impacto positivo real entre o alumnado.

A coordinadora do proxecto do módulo Empresa Iniciativa Emprendedora do Rosalía Mera, Ana Bello, conta que levan varios anos participando neste certame: «É unha motivación profesional e persoal, porque dende hai uns anos vemos un desinterese e falta de actitude no alumnado. E así intentamos sacalos adiante, e que se motiven». Aparte, indica a importancia que ten que a Xunta teña iniciativas desta índole. «É unha boa forma de que os rapaces vexan que é o emprendemento, e as distintas formas que hai de gañarse a vida», indica Bello.

O certame Cooperativismo no ensino inclúe diferentes modalidades dirixidas ao alumnado dos centros de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; aos centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial; e tamén aos centros de Formación Profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Este ano por primeira vez a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración unificou unha mesma orde a estes recoñecementos da economía social galega co obxectivo de avanzar na simplificación administrativa e na difusión dos valores do cooperativismo entre o alumnado dos centros educativos, así como para darlle importancia a labor que realizan as cooperativas no desenvolvemento deste modelo.

Tracking Pixel Contents