Entrevista | Ricardo Cao Reitor da Universidade da Coruña
«O máis importante para implantar Medicina é ter un bo hospital, e nós temos un magnífico na Coruña»
O reitor da UDC, Ricardo Cao, reflexiona sobre o acontecido no panorama político e académico en Galicia despois do seu anuncio de impartir docencia do título en 2027 e reafirma que a institución coruñesa ten «todos os vimbios» para solicitar o título e «dar resposta á demanda social e formativa»

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. | Carlos Pardellas
Como viviu estas semanas? Agardaba desatar este temporal?
Vivinas intensamente, con moita ilusión, porque creo moito no que estamos a propoñer. Non esperaba unha reacción, en xeral, tan forte. Creo que é bo poñer enriba da mesa os temas cando son importantes. Se iso é con luz e taquígrafos e coa opinión dos cidadáns, é bo.
Hai quen ve o anuncio como un órdago ou un pulso. Defende que foi un proceso moi meditado, con conversas previas na Universidade e no Chuac. Como foi este proceso?
Todo isto ten que ver co famoso acordo do 2015, no que se poñían as bases para unha colaboración estreita das outras dúas universidades, que non temos o título de Medicina, nos tres últimos cursos no ciclo clínico. Ese acordo apenas se desenvolveu nestes dez anos. Ao pouco de ser reitor, na primeira reunión do Consello de coordinación de Docencia Clínica, plantexamos establecer un grupo de traballo para camiñar decididamente cara esa descentralización. Desgraciadamente, despois de meses de traballo non se concluíu cun resultado positivo, e mesmo os indicios que houbo nestes últimos meses foron de ir no sentido contrario ao do acordo. Iso provocou que reflexionásemos seriamente en cal é a mellor opción, sen ideas preconcibidas. Se un aterriza en Galicia e non sabe nada deste tema, que pensaría? Esencialmente o que nós estamos propoñendo: que fai falta unha nova titulación que axude a dar resposta á demanda social e formativa, e, ademais, que temos todos os vimbios para facelo dende a UDC: temos moitas titulacións no ámbito sanitario, e, tamén, unha chea de mestrados nos que se están formando doutores en Medicina dende hai moitos anos, dende ámbitos tecnolóxicos e TIC, nos que somos fortes, e que nós propoñemos para esa titulación de Medicina.
Non hai razóns para a pretendida sacrosanta situación de manter un único título en Galicia
A demanda precede mesmo á UDC. Comeza en 1985, coa proposta dos médicos do daquela Juan Canalejo de impartir docencia dende o hospital. 40 anos de debate cunha constante: a negativa da Universidade de Santiago a que existan dúas facultades. A que atribúe esta resistencia?
Esa é a gran pregunta. O que estamos facendo é poñer argumentos enriba da mesa. Estamos actuando para tratar de convencer con eses argumentos, porque temos moitos. O que non acabamos de ter é ningún argumento da outra parte de por que esa pretendida situación sacrosanta de manter unha única titulación en Galicia. Entendo que, quen sostén iso, tería que explicar o porque; e que hai no que nós propoñemos que é prexudicial para o sistema. Todo o contrario, nós queremos enriquecer o sistema. Ao mellor, o que era o modelo universitario de docencia de hai 30 ou 40 anos mudou. Ao mellor, daquela era habitual unha facultade xigantesca e masificada, e hoxe non estamos nesas circunstancias. Cremos que nós temos unha obriga, como universidade e institución pública de educación superior, de axudar a dar resposta a esa docencia máis persoalizada, individualizada e baseada nas evidencias e na práctica clínica.

O reitor, nun momento da entrevista en LA OPINIÓN. | Carlos Pardellas
Insiste moito nos argumentos académicos, pero, cos posicionamentos dos partidos e administracións, o debate virou cara o político. Ve intención de converter a solicitude nunha pretensión política ou mesmo localista, e deixar en segundo plano o académico?
Pola miña banda, non. Agradezo profundamente os apoios que estamos recibindo; pero eu non quero que, na nosa proposta, se poña como un argumento máis enriba da mesa o localismo. Os argumentos deben ser racionais, técnicos, científicos, académicos como os que estamos poñendo. Creo que tampouco debían utilizarse os argumentos localistas para ir en contra da proposta.
Un dos desencontros é que a USC defende a súa autoridade, como titular do grao, de nomear os docentes no Hospital da Coruña.
O acordo de 2015 o que plantexaba era a colaboración das tres universidades na parte clínica. Iso parece obvio que, o que non significa, é que o modelo de descentralización sexa facer de todos os hospitais galegos, como o Chuac, un hospital vinculado á Universidade de Santiago. Entendemos que nunca foi a idea do acordo, nin cremos que o deba ser agora. O que debemos de facer é que as outras dúas universidades colaboremos moito máis intensamente na docencia clínica.
É un malentendido formal?
É un elemento máis que nos dá unha idea clara de que se está pretendendo camiñar no sentido contrario ao previsto no acordo. Por suposto que estamos pola labor de convocar prazas vinculadas, como xa fixemos. Temos nove prazas vinculadas no Chuac coa UDC. O Chuac tivo a distinción de hospital vinculado dende hai 25 anos, cando se asinou o concerto (convenio entre o Sergas e as Universidades). O último concerto asinado é do 2001, e daquela tiñamos 20 prazas vinculadas, a metade nas áreas médicas. Agora temos só nove. Foron a menos. Estamos totalmente dacordo en vincular prazas, como xa fixemos. As dúas últimas prazas vinculadas, que se convocaron e cubriron pola UDC, que ademais son xefes de servizo, están aínda sen asignación docente no grao en Medicina. É outra evidencia máis de que non se está utilizando toda a potencialidade que temos para a colaboración.
Sendo o Hospital un dos puntais da solicitude, non existiu posicionamento público. Existe esta reivindicación no Chuac?
Un dos axentes co que me estou reunindo, evidentemente, é o persoal do Chuac. Falei moito co xerente nestes meses, hai unha dependencia directa tamén da Consellería nese posto, e tamén con moitos xefes de servizo. Moitos deles posicionáronse abertamente nos medios despois da nosa manifestación. Co Chuac temos unha simbiose total na parte de investigación. É un hospital magnífico, e ten, xunto coa UDC, un Instituto de Investigación Biomédica (Inibic). Un dos artigos que se publicou foi por parte da directora científica do Inibic, que ten praza vinculada. O Inibic é un caso de éxito total. Vén de celebrarse a súa acreditación, por terceira vez, como instituto de investigación sanitaria acreditado pola Carlos III. Hai 25 en toda España que teñen esa acreditación, e só hai dous nos que se dea o caso de que a Universidade que crea, conxuntamente co sistema sanitario, ese instituto, non teña a titulación de Medicina: A Coruña e Vigo. Isto tamén é un síntoma. Temos 60 docentes de áreas médicas que evidencian esa simbiose en todas as áreas. Temos os vimbios dende o punto de vista docente, e esa sinerxia tan estreita entre Hospital e Universidade, que ten no Inibic o paradigma visible.
Gustaríame escoitar argumentos, o localismo non é un argumento, é unha emoción
A primeira reacción pública da Xunta foi «absoluto desconcerto», pero agora admite que o acordo é susceptible de melloras. Vostede defende que estaban informados. Agardaba a reacción?
Non agardaba a reacción, pero non me gusta poñer moito énfase nas accións-reacción, no visceral. Temos que poñer os argumentos enriba da mesa. Non me esperaba a reacción, pero fíxose así. Penso que están tratando de trasladar agora outra imaxe diferente. A nosa proposta é moi construtiva. As tres universidades distinguímonos por colaborar, con toda lealdade, nunha chea de mestrados e graos. Informática, que só estaba na Coruña e agora tamén en Santiago e Vigo, é un exemplo de descentralización que está funcionando moi ben. A consecución de Galicia da competencia no litoral dáse grazas á colaboración intensísima do noso grupo de investigación do Observatorio do Litoral, no ámbito do Dereito Administrativo, que existe porque, entre outras cousas, temos unha titulación de Dereito na UDC dende hai 30 anos e que traballou moito neses ámbitos. Que se descentralice poñendo titulacións noutras universidades non ten por que ser malo, todo o contrario, ten sido moi bo.
Hai comunidades autónomas que apostan por duplicar o título en varias das súas universidades, mais a OMS recomenda unha facultade por cada 2 millóns de habitantes.
Os números hai que analizalos de xeito obxectivo. Neste momento, en España hai 39 facultades de Medicina públicas, e outras 15 privadas. Temos 48 millóns de habitantes. Se fas a conta, son 800.000 habitantes por facultade. A situación que temos en Galicia é que é a facultade de España, con diferenza, con maior número de estudantes. Son 403 despois do aumento do 15% de hai uns anos; aumento que vai chegar pronto ao ciclo clínico, que é onde está habendo o problema actual para atender a toda a docencia clínica, xa cos números antigos. 2.200 estudantes na facultade de Medicina, e medrando. Unha comunidade con 2,7 millóns de habitantes, con 3.000 persoas que solicitan entrar en Medicina; moitas delas con calificacións fantásticas, pero que non lles chegan. Unha porcentaxe delas indo estudar a outras comunidades. En Castilla y León hai catro universidades públicas, dúas delas centenarias, como a nosa benquerida USC: Valladolid e Salamanca. 200 prazas nunha delas, noutra un pouco menos, ata agora. A decisión da Junta é aumentar un chisco o número de prazas desas dúas, e poñer dúas novas titulacións en Burgos e en León, con 80 prazas de entrada en cada unha delas. Vanse poñer en un pouco menos das 600, sendo 2,3 millóns de habitantes. Hai cousas que son evidentes.
Ao mellor antes era habitual o modelo de facultade xigantesca e masificada, pero hoxe non
O funil na falta de médicos non está unicamente na formación. Tamén despois, no mercado, polas condicións laborais da sanidade pública. Aumentar o número de prazas de formación soluciona realmente o déficit de médicos?
Se hai falta, deberíamos formar máis, dende o meu punto de vista; outra cousa é que haxa moitas oportunidades laborais. Ocorre tamén noutros ámbitos sanitarios, como a Enfermería, onde formamos moitos, e moitos marchan a outros países. España é un dos países peor situados en canto á taxa do número de enfermeiros e enfermeiras por cada 100.000 habitantes. Se temos máis necesidades de profesionais, teremos que formar máis. Non é só un problema de número, senón de tipo de ensino. Apostamos por unha titulación de Medicina non moi numerosa nas prazas, pero si moi personalizada, moi sustentada no ensino baseado en práctica clínica, coas novas tecnoloxías moi presentes. Aí temos unha fortaleza importante dende a UDC, e unha colaboración moi estreita co hospital a través do Inibic. Todo iso, apostando por unha docencia totalmente no hospital durante os tres últimos anos. Estes días tivemos Conferencia de reitores universitarios españoles, (CRUE) e aproveitei para falar con moitas e moitos reitores que están implantando titulacións de Medicina nas súas universidades. Todo o mundo dicía o mesmo: o máis importante para implantar unha titulación de Medicina é ter un bo hospital, e nós temos un magnífico na Coruña.
A universidade privada é outro actor que non estaba no 2015. Existe a preocupación de que a demanda existente poida ser absorbida por iniciativas privadas?
Si, está enriba da mesa, pero nós, como institución de ensino público superior, o que temos é que dar resposta ás necesidades que existen. O que non podemos permitirnos é que xente con talento, que non teña os recursos para afrontar a súa formación a través de universidades privadas, ou desprazándose a outro lugar de España, quede sen formar ou se forme fóra. Gustaríame que todos fixeramos unha reflexión, sobre todo dende as institucións públicas, e tendo en conta as reaccións tan airadas á nosa proposta. Que aconteceu unha semana antes, cando unha unha universidade privada manifestou a súa intención e asinou un convenio cun hospital para poñer enriba da mesa a que sería a novena titulación de Enfermería en Galicia? A reacción foi totalmente diferente. Sería bo que sirva como punto de comparación para ver que, no caso de Medicina, as reaccións iniciais foron totalmente extemporáneas. Nós temos que seguir traballando con convencemento para poñer enriba da mesa a nosa aposta e levala adiante.
As posturas, tras estas reunións, están moi lonxe. Hai plan B?
Gustaríame escoitar argumentos, porque nós estamos dando moitos. O localismo non é un argumento, é unha emoción, unha sensación. Nós tamén estamos ilusionados, pero non só polo apoio que estamos tendo; senón porque cremos que estamos poñendo enriba da mesa un proxecto ilusionante, e que dá resposta ás demandas que temos, sociais e formativas. Quen opine que a nosa proposta ten algún problema, por favor que nos dea un argumento.
- Los dueños de perros en A Coruña celebran las nuevas sanciones: 'La gente aprende por las malas
- Residente se cae del Morriña Fest en A Coruña por la vinculación del festival con el fondo KKR
- El Morriña Fest se reivindica como un festival coruñés tras el ‘no’ de Residente
- El ocio nocturno se reivindica en A Coruña: 'Estamos en un momento de dificultad, pero somos optimistas
- A pleno la ordenanza definitiva de eficiencia energética de A Coruña para su entrada en vigor este mes
- Fallece la paciente de cáncer ultrarraro Iara Mantiñán: una entre un millón
- El Concello de A Coruña empieza a poner multas por no limpiar los excrementos de los perros: hasta 30.000 euros para los reincidentes
- Los conductores de autobús de A Coruña reclaman una mejor climatización y más baños