Rosa Rodríguez, medalla Castelao en nome de Atención Primaria: "De nena andaba detrás da xente coa xeringa na man"
Este ano xubilouse no centro de saúde de Adormideras logo de 35 anos como médica de familia nos que viviu «de todo»

A médica de familia xa xubilada do centro de saúde de Adormideras, Rosa Rodríguez. | Germán Barreiros/Roller Agencia
«Miña nai sempre me conta que, sendo eu moi nena, os Reis me trouxeron unha caixa enorme con moitas cousas, entre elas unha máquina de coser, para a que non mirei nunca e sigo sen mirar, había bonecas e un xogo de enfermeira. Desde que vin aquilo, xa non xoguei con nada máis, andaba detrás da xente coa xeringa na man», lembra a médica Rosa Rodríguez que este ano recibirá a Medalla Castelao en nome de toda a Atención Primaria, logo de deixar o centro de saúde de Adormideras, do que se xubilou en maio despois de 35 anos de profesión. Sempre tivo clara a súa vocación, desde que aquel 6 de xaneiro descubriu na fiestra, ao carón dos seus zapatiños, algúns dos materiais que formarían parte da súa vida. Aquel desexo infantil contou co apoio e a axuda da súa familia para se facer realidade, xa que Rosa puido marchar da casa e ir estudar a Santiago.
«O meu papá era unha persoa xa bastante avanzada para aquela época, sabía ler, sabía escribir a máquina, era moi vivo para os números e cando eu tiña cinco ou seis anos conseguiu un traballo no Banco Español de Crédito, Banesto, en Ourense. Naquel momento, abriron tamén unha corresponsalía en Sober, e levábaa coa axuda da miña mamá. Entón trasladámonos a vivir da aldea a Sober», explica Rodríguez, de alí a familia foi movéndose por Galicia adiante segundo o pai ía progresando no banco. «Entrou de conserxe e acabou de director, era algo habitual daquela», resume Rodríguez, que lembra que, como os seus pais non tiveran a oportunidade de estudar, querían que os seus fillos puidesen facelo.
«Eu non me sinto merecedora de tal distinción a título persoal, pero recólloo en nome de toda a Atención Primaria, polo seu compromiso e dedicación, tamén no nome do meu centro de saúde e de todo o seu persoal e, aínda que non é da miña propiedade, a min sempre se me enche a boca ao falar da miña enfermeira, Gena Díez, que foi un piar básico para poder facer o traballo», comenta Rodríguez que foi sorprendida polos seus doentes no seu derradeiro día de traballo. Rodríguez defende que unha Atención Primaria «potente resolve moitísimo» porque é a porta de entrada no sistema sanitario.
«A nosa especialidade é a de Medicina de Familia, temos a mesma formación de catro anos logo da carreira e de facer o MIR, coma quen escolle neumoloxía ou outra especialidade. Estamos na porta de entrada e temos moitas funcións, entre elas, acompañar ao longo da vida os pacientes e ás súas familias», relata Rodríguez, a quen lle gustaban, especialmente, os días tranquilos nos que podía botar tempo cos seus residentes, ensinarlles o que ela sabe e aprender todo o que podía deles. «Eu creo que recibín moito máis do que din», valora Rosa do seu labor como docente.
Outro dos momentos bonitos da súa profesión, lembra Rodríguez, eran as visitas a domicilio dos doentes que xa non podían ir vela a ela ao centro de saúde. «Proporcionarlles confort, estar un ratiño con eles na súa casa era algo que me gustaba moito, o que pasa é que xa ía logo de ter vistas a corenta persoas na consulta. Non ía a correr, pero a costa de alongar a xornada, pero que médico non fixo horas polos seus pacientes? eu creo que todos as fixemos, a min iso non me parece excepcional», di con humildade e sabendo que nestes 35 anos tivo que se enfrontar a situacións de todo tipo.
«Hai momentos, como cando falece un fillo, nos que non hai consolo, así que, o único que se pode facer é acompañar e ter empatía. Tamén hai erros na nosa profesión, pero cando levas tantos anos e te entregas, ata os propios pacientes che saben perdoar e te animan. É moi bonito. Para min o mellor foi botar tantos anos coa mesma xente», afirma, porque esa circunstancia lle axudou a xerar un vínculo con eles e saber atendelos moito mellor.
«Está demostrado que ter un mesmo médico de familia só quince anos, xa non digo 35 como estiven eu, diminúe a mortalidade nun 25%, os ingresos hospitalarios nun 28% e as visitas a Urxencias, un 30% porque coñeces moi ben o doente e ao seu entorno e podes resolver moitas cousas, pero para iso temos que contar con profesionais e tempo e agora temos unhas axendas sobrecargadas e falta de persoal e iso nótase. Facemos o que podemos», confesa.
Para Rosa o trato co paciente era algo esencial, así que, cando rematou o MIR e lle tocou elixir especialidade tiña dúas opcións enriba da mesa: Medicina Interna e Medicina de Familia, como as prazas da primeira se esgotaron antes de que lle tocase escoller a ela, xa non tivo nada máis que pensar e, vendo agora a súa vida con perspectiva, considera que foi «un grande acerto» terse quedado coa Medicina de Familia porque foi unha especialidade da que se namorou e que se converteu en algo máis que o seu traballo, na súa «paixón».
Aínda que ata 2020, con tantos anos de experiencia Rosa xa podería pensar que lle tocara vivir «de todo» enfundada na súa bata branca, non contaba con que chegaría a pandemia. «Vivímola con moita agonía. Ao principio, os pacientes que sabían facer as pantallas nolas facían e nolas daban. Foi unha situación moi dura», relata Rodríguez, que destaca como un dos mellores cambios aplicados no sistema sanitario, a implantación da historia clínica electrónica, IANUS, que lles permite saber en todo momento en que punto se atopa o doente.
«Antes, se quería saber dunha persoa que tiña un ingreso longo, eu o que facía era ir visitalo ao hospital porque se non ía, non me enteraba do que lle estaba pasando», comenta Rosa, que critica a «sobrecarga» que teñen actualmente os profesionais. «Empezas a mañá con 35 doentes na axenda e acabas con 45 e 50, son moitos», resume, e confía en que «nos próximos anos» mellore o déficit existente de profesionais na Atención Primaria.
- Los dueños de perros en A Coruña celebran las nuevas sanciones: 'La gente aprende por las malas
- Residente se cae del Morriña Fest en A Coruña por la vinculación del festival con el fondo KKR
- El ocio nocturno se reivindica en A Coruña: 'Estamos en un momento de dificultad, pero somos optimistas
- A pleno la ordenanza definitiva de eficiencia energética de A Coruña para su entrada en vigor este mes
- Fallece la paciente de cáncer ultrarraro Iara Mantiñán: una entre un millón
- El Concello de A Coruña empieza a poner multas por no limpiar los excrementos de los perros: hasta 30.000 euros para los reincidentes
- Los conductores de autobús de A Coruña reclaman una mejor climatización y más baños
- Bomberos de A Coruña, campeones del mundo en subir escaleras