Entrevista | Christina Moreira Bispa pola Asociación de Presbíteras Católicas Romanas

A primeira bispa da Coruña: «Somos fillas da Igrexa, queremos o noso lugar nela»

Na Comunidade Cristiá Home Novo, o pai Espiña oficiou a primeira misa en galego nos anos 60. Agora faino unha muller, Christina Moreira, que vén de ser ordenada bispa pola Asociación de Presbíteras Católicas Romanas, que procura unha igrexa máis aberta: «Hai parroquias pechadas porque as mulleres non poden exercer»

Christina Moreira, da comunidade católica Home Novo e ordenda bispa

Christina Moreira, da comunidade católica Home Novo e ordenda bispa / Germán Barreiros

A Coruña

Antes de empezar a conversa, Christina Moreira prevén contra un erro común: non son presbiterianas, son presbíteras; a palabra antiga coa que o Evanxeo define ás primeiras persoas que sucederon aos primeiros discípulos de Xesús. Moreira vén de ser ordenada bispa pola Asociación de Presbíteras Católicas Romanas, creada en 2002 coa ordenación de sete mulleres nun barco no río Danubio: «Non querían ofender a ningún bispo na súa territorialidade. A auga do Danubio era terra de ninguén e de todos».

Como chega a esta vocación?

Chego nun camiño espiritual que vivín sendo catequista da Igrexa Católica na miña parroquia, cando eu era rapaza. Como calquera cura. É unha vocación que me chegou nunha experiencia de oración. O primeiro cura que me escoitou díxome: se foras home, mandábate agora mesmo falar co bispo, pero como non o es, cala para sempre. Aí vin que estaba pasando algo moi inxusto; porque se ti estás recoñecendo que a vocación vén de Deus, que estás facendo? Estás corrixindo, ti, director de recursos humanos, ao ceo? Que isto é de verdade pero que hai un problema coa miña bioloxía? A miña bioloxía vén de Deus, como a miña vocación. Que fas ti dicíndolle a Deus a quen ten que contratar?

Cal é a postura oficial da Igrexa perante a súa asociación?

A resposta oficial da xerarquía católica que está agora mesmo exercendo autoridade na Igrexa Católica é que as mulleres non poden ser ordenadas nin diaconisas, nin presbíteras, nin bispas. E iso non o cambiarán endexamais. A nós parécenos que é unha inxustiza de corte patriarcal, feudal e impositivo. Unha igrexa onde non hai democracia, na que toman as decisións uns poucos homes, na que agora nomean a unhas pouquiñas mulleres para que quede máis bonito, pero non é significativa aínda. A idea é ir cara unha igualdade real, de todas as fillas e fillos de Deus na Igrexa, e que cada quen poida exercer os servizos para os que está preparado e que a comunidade lle pide. Isto é poñer as necesidades da comunidade en lugar prioritario, en troques do mantemento dunha estrutura ou unha tradición, recolocar no primeiro lugar ás persoas e a vontade de Xesús de que a súa boa nova chegase a todo o mundo. Sen excepcións. Se limitamos o nomeamento das persoas que se dedican a facer este traballo, necesariamente estase desobedecendo a Xesús e non se está cumprindo a súa misión. Polo mundo hai parroquias pechadas porque as mulleres non poden exercer.

Están excomungadas?

Si, parece ser. A min non me chegou a noticia, pero se eles queren pensalo… todo o que ten que ver coa chegada das mulleres á ordenación leva acoplada a exclusión dos sacramentos, da vida plena da comunidade. Lamentablemente, a nosa igrexa, en vez de buscar ampliar, chegar á maioría, dedícase a excluír, como se sobrara xente. Estou facendo o mesmo que os homes. É un castigo por ser muller.

Cal é o propósito da asociación?

Nós, o que propoñemos, é a atención a comunidades a escala humana, que hai moitísimas e ademais atendidas por mulleres. Pretendemos demostrar que as mulleres, en todo tipo de servizo, non só en servizos auxiliares aos curas, senón tamén como curas e como o que faga falta, somos a solución para a Igrexa, e non o problema.

Considéranse progresistas dentro da relixión?

Si, progresistas si somos, e ese progreso necesitámolo. Necesitamos ir abrindo espazos para poder traballar, poder anunciar a boa nova de Xesús, partir o seu pan e compartir o seu viño na mesa da Eucaristía, levar consolo e acompañamento espiritual á xente. Todo iso precisamos facelo, porque a xente nolo require; e facelo dicindo: velaquí as mulleres fan este traballo, e as comunidades din que o facemos ben, miren para nos, porque igual podemos aportar algo positivo. En lugar de que nos vexan como estas protestonas rebeldes, maleducadas e reivindicativas, quizais poidan vernos como o que realmente somos: fillas da igrexa que buscamos ter o noso lugar nela, e aportar, contribuír, e facer ben.

Cales serán as súas funcións como bispa?

Conforme a miña vocación, eu celebrarei misa en calquera lugar que mo pidan, porque é o meu traballo, a miña misión, para iso fun ordenada. Como bispa, a miña misión será a de compartir o que eu son e o que eu teño con outras mulleres que queiran acceder ao mesmo. A Orde Sacerdotal, como lle chaman comunmente, é un sacramento, igual que o Bautismo, a Eucaristía, o Matrimonio ou a Unción de enfermos. Ese sacramento, para nós, é moi valioso como católicas, e queremos que, canta muller queira ou desexe servir á súa comunidade nese papel, poida facelo.

No Home Novo pronunciou o pai Espiña a primeira misa en galego, e agora faino vostede.

Si. Espiña soñaba con ter unha diocese coruñesa con bispo propio. Dicíame a presidenta do Home Novo: Dalgunha maneira profética e diferente, estás cumprindo o soño de Manuel Espiña, agora A Coruña ten unha bispa. Se estivese vivo, díxome, estaría moi contento.

Tracking Pixel Contents