O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre o ruído en espazos naturais

Vista del parque de Bens, con el hábitat de los brezales secos europeos al fondo.

Vista del parque de Bens, con el hábitat de los brezales secos europeos al fondo. / | // G.N. HÁBITAT

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo en nome do G. N. Hábitat

Vénse de celebrar no parque de Bens, na periferia da cidade da Coruña, un festival de música electrónica que contou co apoio das administracións local e autonómica. A pesar de ser o terceiro ano que se celebra, houbo críticas desde o primeiro momento por parte de entidades ambientalistas, entre elas o G. N. Hábitat. Aparte de lixo descontrolado, afeccións a especies de fauna protexida e degradación de hábitats de interese comunitaria —e mesmo a contaminación acústica do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Illas de San Pedro—, sinalamos o incumprimento do Plan de Acción en Materia de Ruído de 2017. Segundo este documento municipal, o parque de Bens é un espazo natural para o cal existe unha protección acústica, que supón que non se deben superar os 55 decibelios (se ben chegáronse a medir 101,5 decibelios durante o festival!).

Cómpre subliñar que o ruído é un dos impactos no medio máis perniciosos, con afeccións tanto aos seres humanos (estrés, ansiedade…) como á fauna ameazada e/ou protexida; neste último caso, lístanse os seguintes impactos:

a) Redución da distancia e área na cal os animais silvestres escoitan outros ruídos, isto é, diminución da capacidade sensorial para xerar respostas a ese estímulo.

b) En resposta ao ruído, prodúcense cambios substanciais na procura de alimentación e comportamento antidepredador (altera a alerta dos animais).

c) O ruído ten efectos importantes no éxito reprodutivo.

d) A contaminación acústica afecta á densidade e á estrutura de comunidades; por exemplo en aves mariñas que descansan.

e) a comunicación entre as especies animais vese afectada polo ruído, producindo trastornos de vocalización e enmascaramento acústico.

Fronte a isto, ademais de ordenanzas e plans municipais, os artigos 7, 21 e 23 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, contemplan a protección da biodiversidade en espazos naturais contra o aumento da contaminación acústica. Existe incluso a opción da creación de Reservas sonoras de orixe natural, ideais para áreas pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos, para ENILes e para outras zonas de interese natural.

Conclusión: conscientes desta problemática, o G. N. Hábitat seguirá rexistrando queixas pola celebración deste tipo de eventos ruidosos en espazos acusticamente sensibles como o parque de Bens, suxerindo ubicacións alternativas (por exemplo salas pechadas e mesmo terreos do Porto da Coruña) e reclamando o cumprimento das normativas ambientais, tanto municipais, como autonómicas e estatais. Ademais, proporá a creación de Reservas sonoras de orixe natural en espazos naturais da contorna da cidade da Coruña, como é o caso dos ENILes Illas de San Pedro e Torre de Hércules.

Tracking Pixel Contents