Unha homenaxe ás avoas: Carmucha toca a pandeireta virtual
Dous mozos coruñeses crearon esta ferramenta que, co seu nome, homenaxea ás avoas galegas. Este ‘software’ permite aos produtores musicais e ás academias de baile crear ritmos de música tradicional galega dunha forma sinxela. O lanzamento será no mes de setembro

Carlos Lijó e Miguel Ocampo, creadores de Carmucha, no seu estudio. | Germán Barreiros/Roller Agencia
No corazón dunha nova onda de interese da mocidade pola música tradicional galega, nace Carmucha, unha ferramenta dixital pioneira creada por Carlos Lijó, programador de aplicacións, e o músico e produtor Miguel Ocampo. Trátase dun plugin virtual de percusión tradicional galega, deseñado para facilitar a produción musical e o ensino de baile, adaptado tanto para profesionais como para afeccionados.
«O proxecto empezou hai un tempo co meu amigo Miguel, que ten un estudo de gravación», conta Carlos. «Vimos que ata agora non había nada parecido na música tradicional galega. Algunha app de pandeireta para móbil, pero pouco máis. Así que se nos ocorreu crear unha ferramenta virtual seria, algo profesional».
O nome do proxecto, Carmucha, tamén ten unha carga simbólica: «Eu quería facerlle unha homenaxe á miña avoa, que tocaba a pandeireta, pero chamábase Esther e non soaba tan galego», di entre risas Carlos, que finalmente optou por poñerlle Carmucha. «É un nome que evoca as avoas que nas foliadas sempre eran as primeiras en sacar a pandeireta». Aínda así, a súa avoa está presente no software: «A primeira pandeireta que sae en Carmucha chámase Yeya, que era como a chamabamos nós».
Carmucha funciona como un plugin VST, é dicir, unha extensión que se integra en programas de produción musical. Permite ao usuario escoller entre distintos patróns rítmicos de pandeireta, tamboril ou bombo, reproducilos, modular o son, engadir efectos ou simplemente arrastralos á súa pista de gravación. Todo está feito dun xeito sinxelo e intuitivo.
«Quen o instale no ordenador poderá abrir o plugin no seu programa de produción, escoitar os ritmos que trae, e cando atope un que lle guste, simplemente o arrastra á pista para usalo. Así de fácil. Ademais, a velocidade do ritmo adáptase automaticamente ao proxecto do usuario», explica.
Carlos encargouse do desenvolvemento e deseño do programa, mentres que Miguel, percusionista dun grupo, achegou o coñecemento musical nas gravacións que se fixeron en MOB Studios, en Arteixo. «Eu non tiña moita experiencia na música tradicional», admite Carlos, que sinala que, pola contra, Miguel «si toca en grupos deste estilo e entende moito máis».
As mostras de son foron gravadas por eles mesmos con instrumentos reais: «Non collemos nada doutros sitios. Todo o que soa é orixinal. De feito, no vídeo de YouTube (que subiron para mostrar como funciona o software) soa unha pandeireta que era da miña avoa. Graveina eu na casa, aínda que con calidade regular, a modo de proba. Agora xa estamos gravando as versións profesionais no estudio», di Carlos.
O proxecto non se limita ao mundo da produción musical; tamén está pensado para ser utilizado en academias de baile tradicional: «Queremos que os mestres poidan poñer un ritmo e practicar os pasos a distintas velocidades».
O lanzamento oficial está previsto para setembro e será totalmente gratuíto e libre desde a súa páxina web: «Non o fixemos con ánimo de lucro. É un xeito de devolver algo á cultura galega e de democratizar o acceso á música tradicional».
- “De ebanista soy casi maestro; de empresario sigo siendo un aprendiz”
- La huelga de bus de A Coruña se iniciará este miércoles al no haber acuerdo entre sindicatos
- Colas desde hace 80 años: el secreto de los churros que fascinan a A Coruña
- Los buses interurbanos y escolares de A Coruña inician el miércoles una huelga indefinida
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- Reciclar tiene premio en A Coruña: rebaja de hasta el 55% en la parte variable de la factura de la basura
- El local de A Coruña que pasó de generación en generación vuelve a empezar con otra familia
- Roto el preacuerdo en la huelga de autobuses de A Coruña: podría ser indefinida desde el lunes 9 de febrero