Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Normalización lingüística virtual

Un catálogo de videoxogos en galego onde poder buscar por distintas categorías será unha realidade grazas ao proxecto no que traballa o director de Recuncho Gamer, Iago Gordillo. Tamén busca poder chegar ao ámbito docente, e traballar distintas materias a través dos videoxogos

O director de Recuncho Gamer, Iago Gordillo, nunha captura dun dos seus vídeos. |  LOC

O director de Recuncho Gamer, Iago Gordillo, nunha captura dun dos seus vídeos. | LOC

Á. Abeledo

A Coruña

A popularidade dos videoxogos é unha realidade, da igual a idade que teñas e os teus gustos, xa que hai unha gran variedade. Pero cando se trata de buscar este produto en galego, complícase atopalo. O director do Recuncho Gamer, Iago Gordillo, busca coa súa proposta Xogalego crear un catálogo de videoxogos en lingua galega.

É unha iniciativa que nace en Recuncho Gamer, un portal audiovisual que fai divulgación dos videoxogos como produto cultural en galego. «No último ano intentamos localizar videoxogos en galego, e estaba a cousa realmente complicada, sobre todo a nivel usuario, porque as plataformas principais de videoconsolas e as tendas dixitais non recoñecen o galego como lingua», explica Gordillo.

A tenda de videoxogos de ordenador Steam ten artículos en galego. «Hai dous, tres anos que teñen estes produtos, pero os resultados que che aparecen non son sempre fiables», di Gordillo. En setembro do 2024 fixeron unha proba, da lista de 60 produtos que tiñan a etiqueta de galego, só un estaba nesta lingua.

A proposta financiada pola Deputación do primeiro Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social, pretende ser un nexo entre un catálogo de videoxogos que estean dispoñibles en galego, e categorizar os xogos por xénero, estilo e recomendados.

Dende Recuncho Gamer explican que hai iniciativas de dobraxe, as redes sociais, pero no caso dos videoxogos non hai nada parecido. «Parécenos interesente o videoxogo como elemento normalizador xunto co cine, series e elementos audiovisuais en galego», explica. Unha das chaves para conseguir a normalización lingüística son os referentes. «Hai canles coma a de Alberto Busto ou O Davis, que fan contidos en directo », sinala. A industria de videoxogos está en proceso. «Aínda non hai un gran videoxogo en galego, como o catalán Neva, que recibiu premios a nivel internacional», engade Gordillo

Están a traballar para que en novembro salga a páxina xogalego.gal. O proxecto tamén busca achegar algúns videoxogos que sexan útiles para traballar na aula. «Ter un catálogo onde buscar por categorías, e levalos a outros ámbitos como o docente para traballar xeografía ou a figura de Rosalía de Castro», di Gordillo.

Pódese participar a través do catálogo e aportanto información. «Hai moitos videoxogos que non teñen entidade, pero é interesante saber que existen, como é o caso do videoxogo A xustiza pola man, inspirado no poemario de Rosalía», explica. Aparte están pendentes de pechar unha colaboración co Museo do Videoxogo.

Tracking Pixel Contents