Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Falece na Coruña o dramaturgo, actor e director teatral Manuel Lourenzo

Escribiu máis de 150 obras durante a súa extensa carreira e foi Premio Nacional de Literatura Dramática

Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo / Santos-Díez

A Coruña

O actor Manuel Lourenzo Pérez (Ferreira do Valadouro, 1943) faleceu na madrugada deste domingo aos 82 anos na Coruña. O seu corpo será velado no tanatorio Servisa e incinerado posteriormente na intimidade familiar.

Lourenzo foi dramaturgo, actor, director teatral, ensaísta, tradutor, conferenciante e dinamizador cultural. Quizais coñecido entre o gran público polos seus papeis nas series Mareas Vivas (onde facía de Melgacho) ou Fariña (onde interpretou a Vicente Otero, Terito), destacou pola súa extensa obra teatral e polo seu activismo en favor desta disciplina artística.

Licenciado en Interpretación polo Institut del Teatre de Barcelona e profesor tras estudar Maxisterio, desde os anos sesenta fundou numerosos grupos e compañías teatrais independentes como o grupo Teatro Circo, primeiro grupo teatral independente. Foi responsable do Departamento de Dramáticas da Escola Dramática Galega, escribiu a súa primeira obra en 1960, O Moucho, e dirixiu en 1965 O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, o seu primeiro espectáculo teatral.

Coa creación do grupo teatral O Facho, en 1965 inicidou a súa dedicación ao teatro. En 1978 refundou a Escola Dramática Galega e en 1980 fundou a Compañía Teatral Luís Seoane. No ano 1997 recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática por Veladas indecentes e en 2008 a Xunta de Galicia concedeulle o Premio Nacional das Artes Escénicas na súa única convocatoria.

Traduciu pezas dos clásicos gregos e de autores como Goethe, Büchener, Fassbinder, Heiner Müller, de dramaturgos como Sófocles, Eurípides, Puschkin, Chekov, Strindberg, Brecht, Genet, e de autores galegos como Castelao, Cunqueiro ou Otero Pedrayo.

En 2021 recibiu o premio Fernando Rey na gala dos Mestre Mateo

En 2021 recibiu o premio Fernando Rey na gala dos Mestre Mateo / Carlos Pardellas

Durante a súa carreira artística creou máis de 150 obras dramáticas, ademais de catro ensaios sobre o teatro galego. Tamén participou en máis de 15 series e filmes como O Lapis do Carpinteiro, Os mortos van á presa ou Entre bateas. No ano 2021 recibiu o premio de honra da Academia do Audiovisual Fernando Rey durante a gala dos Mestre Mateo e o pasado 2024 recibiu o premio da Cultura Galega.

"Un dos grandes dramaturgos galegos"

Tras coñecerse o falecemento, os pésames non se fixeron agardar. "Manuel Lourenzo non só foi un dos grandes dramaturgos galegos, senón o pioneiro que abriu as portas do teatro galego contemporáneo e o mestre que, desde a Casa Hamlet, formou xeracións de actores e actrices que hoxe seguen a súa senda", expresaba Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura da Coruña. "Na nosa cidade compartiu escenario, aula e vida coas nosas creadoras e creadores, deixando un patrimonio teatral inmenso e unha rede humana que o recordará sempre con afecto e gratitude", engadiu.

"Sentimos profundamente o pasamento de Manuel Lourenzo, piar e referente da cultura galega contemporánea, que recibiu o premio de honra da Academia en 2021", sentía a Academia Galega do Audiovisual nas súas redes sociais, mentres que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, utilizaba as mesmas plataformas para dar o seu pésame: "A nosa cultura perde un referente inesquecible co falecemento de Manuel Lourenzo, homenaxeado este ano co Premio da Cultura Galega en Letras".

Tracking Pixel Contents