Entrevista | Judit Fontenla Directora xeral de Mobilidade
Judit Fontenla: «Pode haber disfuncións nas liñas de buses e o que facemos é dar resposta»

Judit Fontenla, cos buses da actual estación de fondo. | Iago López/Roller Agencia
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, explica que a estación de buses da intermodal, un dos grandes proxectos autonómicos na cidade, está xa ao 75% e entrará en funcionamento a mediados de 2026. A responsable autonómica, exconcelleira da Coruña polo PP, admite que pode haber «necesidades non recollidas» no plan que regula os buses interurbanos, pero defende que a Xunta traballa para darlles resposta.
Canto queda para rematar a obra da nova estación de bus?
Contamos con rematar a obra a finais deste ano. Estamos nun 75%. Estamos cumprindo os prazos e as previsións que tiñamos de execución. O aparcamento provisional está xa rematado, o edificio de realoxos para Adif está entregado, e agora estamos rematando o aparcamento definitivo e a súa conexión coa estación de ferrocarril, así como o edificio da estación de buses.
Cando empezará a funcionar?
Dependerá da conexión intermodal e de como avancen as obras doutras administracións. A nosa intención é, como moi tarde, tela en funcionamento a mediados de 2026.
Houbo problemas na obra?
Non tivemos complexidades fóra do que é o discurrir dunha obra desta envergadura. Si tivemos que ampliar o remate por mor da ampliación do aparcamento, a petición de Adif. Investimos na intermodal 45 millóns de euros entre as tres administracións, a Xunta inviste 13,6, e ten características superiores a outras en canto a cumprimento de requerimientos de eficiencia enerxética. Tivemos de media 80 traballadores executando a parte da Xunta, con picos de 120,con todo tipo de especialistas. É referente na cantidade de pilotes sobre os que estruturamos a obra: empregouse unha máquina pilotadora para introducir cerca de 300 pilotes que chegaron ata os 16 metros. E a cuberta das dársenas ten unha das mallas espaciais máis grandes que se teñen colocado na cidade.
A actual estación cumpriu 50 anos. Esta durará outros tantos?
É unha obra de grande envergadura, e plantéxase un período amplo, todo o longo prazo que se poida.
Queda por definir que pasará coa estación actual. Tanto Xunta como Concello reclaman a propiedade do terreo, e o convenio da intermodal recolle que negociarán este punto.
O Estado transferiulle a estación de autobuses á Xunta e polo tanto entendemos que é a titular. O uso que se fará destas instalacións unha vez que se desafecte como estación de autobuses non é un tema que estea pechado. O concesionario é o Concello, e temos que falar con el sobre o que ocorrerá.
A idea sería preservar as instalacións actuais, ou derrubalas e facer novos edificios?
Cando se produza o traslado á intermodal temos que estudar o uso do chan e as instalacións, pero non está pechado ese tema.
Sobre a intermodal haberá unha pasarela peonil e ciclista, que o Concello pide ampliar para coches.
Iso é obxecto de conversas e negociacións na comisión de seguimento do convenio intermodal.
E como se financiaría esa obra?
Nesa comisión se está valorar cal sería o reparto deses costes.
A Xunta aportaría fondos?
A Xunta ten que determinar, dentro da comisión, se aportará fondos.
Hai queixas reiteradas sobre os buses interurbanos da comarca por parte dos usuarios. Como ve a Xunta o cumprimento do Plan de Transporte Público que regula as concesións de liñas de bus?
Entendemos que o Plan de Transporte Público é vivo, aberto, sofre modificacións e temos que adaptalo ás necesidades de cada momento. En pico de demanda pódense producir necesidades que non están recollidas. O que facemos é dar resposta: este verán o fixemos cos buses entre Entrexardíns e a praia de Mera. O verán pasado tivemos queixas do Concello, e este reforzamos frecuencias en horas pico da mañá e da volta. Poden existir disfuncións, hai unha gran demanda de transporte público como consecuencia das políticas tarifarias da Xunta no caso da xente nova, de usuarios maiores de 65. Temos que adaptar o plan a ese incremento.
Haberá medidas concretas de reforzo nos próximos meses?
Na área metropolitana realizamos unha comisión de seguimento hai un mes, e implantamos modificacións polas peticións dos Concellos que nos fixeron chegar ao longo dos últimos seis meses. Quedamos de estudar as que nos transmitiron na propia comisión e as que nos remitirán. E de cara a setembro temos pendente ver as peticións de reforzos á Universidade e aos polígonos da contorna da Coruña.
Potenciarase que alguén vaia en bus dende Oleiros ou Cambre para traballar a Agrela ou estudar na Universidade da Coruña?
O que lle trasladamos aos concellos, na última reunión, é que necesitabamos que concretasen as súas peticións. Na actualidade xa hai liñas de bus interurbana que van desde Meicende, Arteixo e puntos da área metropolitana e que chegan a Pocomaco e o polígono de Agrela. O primeiro que temos que ver é se é factible adaptar o que existe. Se hai outras necesidades, ver se podemos facer un esforzo extra e se é viable poder reforzar os polígonos ou a universidade.
Fala de viabilidade económica?
Estamos falando de viabilidade dentro do plan de transporte público, con concesións ata 2030, e dentro desas conexións é onde temos encaixar eses aumentos de liñas, se fose viable economicamente, e se temos a capacidade de medios dentro do contrato. Non sería un tema a implantar fóra dos contratos. Ou valorar, como temos implantado noutros concellos, a colaboración cos propios concellos a través de servizos de interese municipal. Temos que analizar todas as fórmulas.
As obras dos Cantóns inclúen trasladar a parada de Entrexardíns.
É froito dunha obra do Concello, foi unha decisión trasladada á Xunta recentemente e a valoramos máis ou menos conxuntamente. Decidiuse que a parada tiña que trasladarse a Correos. Faremos todas as comunicacións ás concesionarias. Non podo trasladar unha valoración, foi por dunha obra allea á Xunta e de comunicación moi recente.
«Na reforma da fachada marítima é fundamental como deseñemos a mobilidade»
Hai varios proxectos que poderían modificar a mobilidade na comarca no futuro, aínda que non sexan da Xunta. A ampliación de Alfonso Molina, xa en marcha, a da ponte da Pasaxe, a cuarta ronda, a reforma dos peiraos interiores na que participa a Xunta na comisión A Coruña Marítima...
Na fachada marítima, a apertura da cidade ó Porto, é fundamental como deseñamos a mobilidade. Teremos que ter en conta se temos que reformular a entrada dos autobuses da cidade e o estamos a analizar. Estase a traballar con axentes de transporte para analizar cal é a mobilidade do futuro. Pero estase nunha fase de licitación do master plan, é un traballo que faremos todos os axentes de aquí aos vindeiros anos. Sobre o resto de actuacións, non podo entrar en profundidade, tería que ser o Concello o que valorase en conxunto. Como coruñesa e directora xeral de Mobilidade, si que me gustaría que a mobilidade mellorase, que mellorase o transporte público, as carencias que teñen os carrís bici, que pensase un pouco máis nos peatóns, nas familias, unha cidade un pouco máis amable coa mobilidade pública.
Suscríbete para seguir leyendo
- “De ebanista soy casi maestro; de empresario sigo siendo un aprendiz”
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- La huelga de bus de A Coruña se iniciará este miércoles al no haber acuerdo entre sindicatos
- Colas desde hace 80 años: el secreto de los churros que fascinan a A Coruña
- Los buses interurbanos y escolares de A Coruña inician el miércoles una huelga indefinida
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo
- Reciclar tiene premio en A Coruña: rebaja de hasta el 55% en la parte variable de la factura de la basura
- Roto el preacuerdo en la huelga de autobuses de A Coruña: podría ser indefinida desde el lunes 9 de febrero