Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Grupo Naturalista Opina

Sobre trolas e certezas arredor dos lumes

Cosme Damián Romay Cousido

Nas derradeiras semanas houbo un auténtico maremágnum de opinións nos distintos medios de comunicación (en especial en redes sociais) acerca dos recentes incendios forestais que asolaron amplas áreas do noroeste ibérico, con perdas patrimoniais e, máis grave aínda, humanas. Gran parte destas valoracións mostraban indignación e impotencia polos lumes e, tamén, solidariedade coas vítimas dos mesmos. Tamén existiron análises lúcidas e científicas da situación, útiles para entender o escenario destas desgrazas, que, infelizmente, foron deseguido ninguneados por opinións anónimas, infundadas e maliciosas. Abundan exemplos destas trolas. «Os lumes son causados porque os ecoloxistas non deixan limpar o monte»: FALSO. O ecoloxismo non impide limpar o monte, e mesmo sinala que a gandería en extensivo é vital para diminuír a biomasa dos sotobosques e reducir o risco de incendio (*). «A Axenda 2030 é a culpable dos lumes»: FALSO. Esta Axenda das Nacións Unidas non é responsable de tales lumes; de feito, e como sinalan os profesores da Universidade de Oviedo Alfredo Ojanguren e David Álvarez, é a man humana a que está detrás dos 80% dos lumes, cunha impunidade escandalosa («lei do silencio» en aldeas e vilas), e con intereses que van desde a especulación cos terreos, costumes gandeiras e cinexéticas ou conflitos administrativos. Isto, e a ausencia dunha xestión eficaz do territorio —cunha política forestal nefasta— estarían detrás dos lumes. «As plantacións de eucalipto están limpas e ben reguladas»: FALSO. As plantacións de eucalipto cuxo sotobosque se roza anualmente son moi minoritarias no contexto galego. Máis aínda: desde a plantación, a maioría das parcelas con eucalipto son de facto abandonadas ata que chega a quenda de corta (12-18 anos). Ademais, incúmprese constantemente a Lei 7/2012, de Montes de Galicia, con centos de plantacións a menos de 50 metros de casas. «As plantacións de eucalipto e piñeiro non arden»: FALSO. O incendio das macroplantacións de eucalipto de Pedrógão Grande (Portugal), en xuño de 2017, supuxo a morte de 66 persoas, con 254 feridos. O incendio de masas de eucalipto en Trabada (Mariña luguesa) de outubro de 2023 arrasou 2.300 hectáreas en tempo record. E, sen ir máis lonxe, este mes de agosto os lumes que se estenderon por centos de hectáreas de plantacións de eucalipto e piñeiro de Ponteceso, O Sexo (Agolada), Oia, Vilaboa e norte de Portugal ameazaron aldeas enteiras.

Conclusión: basta que aconteza unha desgraza (como é esta dos incendios) para que as trolas afloren nos medios de comunicación. Un dos traballos do G. N. Hábitat é, precisamente, desmentilas e identificar onde están os discursos coherentes, científicos e fiables, aportando información útil e contrastada (*).

(*) gnhabitat.org/o-grupo-naturalista-habitat-analiza-as-causas-da-crise-dos-incendios-forestais/

Tracking Pixel Contents