Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A alemá que se namorou de Galicia

O escritor Óscar Losada e a ilustradora Alba Ceide levan a un cómic de 64 páxinas a historia de Margot Sponer, filóloga alemá que en 1926 viaxou a Galicia para estudar o galego antigo. Lanzaron unha campaña de ‘crowdfunding’ para financiar a súa publicación

Óscar Losada e Alba Ceide amosan exemplares de ‘A tese de Margot’. |  Casteleiro / Roller Agencia

Óscar Losada e Alba Ceide amosan exemplares de ‘A tese de Margot’. | Casteleiro / Roller Agencia

A Coruña

A historia de Margot Sponer, filóloga alemá que en 1926 viaxou a Galicia para estudar o galego antigo, é un exemplo de valentía e compromiso coa nosa lingua. Óscar Losada, xornalista e escritor, leva coa ilustradora Alba Ceide a súa historia a un cómic chamado A tese de Margot. «Hai un libro biográfico sobre ela, de Antón Figueroa. Esta biografía é moi interesante e conta a historia polo miúdo». Engade que «nos eidos da cultura e do deporte onde traballo, atopas moitas historias femininas que quedaron esquecidas no tempos, algunhas sen razón, pero todas con méritos para que non sexan esquecidas».

Sobre o xurdimento do cómic, Losada explica que «temos que agradecer que unha persoa de Alemaña decida facer un estudo do galego e o portugués antigo, que faga esa tese cando ninguén a fixo aquí, a primeira tese do idioma galego». O escritor reivindica a súa figura: «Nós entramos no corazón de Margot e Margot debe entrar nos nosos corazóns e non esquecela. Polo traballo que fixo e o interese no noso idioma».

Respecto á colaboración con Alba Ceide, Losada declara que foi «marabilloso» xa que coñecía o traballo da ilustradora. «Interesoume o seu traballo, quedamos, falamos, conxeniamos, tiñamos ideas que iban polo mesmo camiño». Destaca que «ao longo da obra cada quen foi dando o seu, cando un propoñía algo, o outro o aceptaba porque sabía que melloraba a obra». A ilustradora tivo gran liberdade creativa na súa parte do traballo, do que Óscar Losada di que está «moi satisfeito e moi contento».

Á hora de equilibrar a parte biográfica e política, Losada comenta que «había que ir un pouco a todo. Ela en Galicia non estivo tanto tempo, pero o que estivo foi moi intenso. Falamos desa parte galega, aparece Vicente Risco, aparece Fernández-Armesto, coñecido como Augusto Assía. Tamén sae o texto que lle pediron para a revista Nós». Como home do deporte, Losada non podía deixar pasar os Xogos Olímpicos de Berlín nesta historia, xa que «estes foron utilizados por Hitler para darse bombo», e pola súa importancia histórica «incluímos unhas páxinas».

Preguntado pola relevancia de Margot para Galicia e Europa, Losada responde que «pode aportarnos ese amor pola lingua que o teñen desde fóra e non o temos desde dentro. O galego pode ser moi universal, e desde aí podese mirar a outros lugares do mundo». Se Margot puidese ler o cómic, o escritor pensa que «disfrutaría da parte galega». Lembra que lle mandaron da Fundación Vicente Risco unha postal que ela lle enviara.

Para facer realidade o proxecto, Losada e Ceide lanzaron unha campaña de crowdfunding en Verkami (chamada Apoiando a tese de Margot) para financiar a edición do cómic, que conta con 64 páxinas a todo color. A campaña chega a última semana a punto de conseguir o obxectivo, pero aínda necesita un último empurrón. Os exemplares empezarán a repartirse a partir do próximo mes para dar a coñecer a historia desta gran muller.

Tracking Pixel Contents