Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A historia da novena arte en Galicia

O historiador Uxío Pérez lanzou o seu primeiro libro, ‘Viñetas en Vegliota’, no que afonda na historia do nacemento da banda deseñada galega e a importancia que tivo a nivel cultural e literario

O escritor de ‘Viñetas en Vegliota’, Uxío Pérez. |  LOC

O escritor de ‘Viñetas en Vegliota’, Uxío Pérez. | LOC

Á. Abeledo

A Coruña

O que empezou como un traballo fin de máster sobre a banda deseñada galega, acabou nun libro que fala sobre o seu comezo nos anos setenta e o patrimonio artístico e literario que cada vez goza dun maior prestixo. O coruñés Uxío Pérez graduouse en Historia pola Universidade de Santiago e realizou o Mestrado en Xestión de Patrimonio, aí foi onde decidiu apostar por este tema. «Como fan da banda deseñada intereseime en seguir esa liña. A profesora da materia de Metodoloxías comentoume que na facultade había xente que dedicaba os seus estudos a cultura de masas de cómics», explica Pérez.

A raíz de defender o seu traballo o tribunal animoulle a sacalo a diante e apostar por editalo. «Aparte das correccións e certas críticas, tamén me dixeron que vían potencial no proxecto porque lles parecía un campo máis ou menos novidoso», indica.

A paixón de Uxío Pérez pola banda deseñada nace do festival Viñetas do Atlántico. «Dende pequeno, como neno coruñés que lle gustaban os cómics, meus pais levábanme a Viñetas», sinala Pérez. Para o xove historiador este festival fíxolle crecer dándolle importancia a cultura da banda deseñada. «Isto fai que medres sabendo que, aínda que Galicia non sexa o lugar máis importante a nivel produción de cómics, ten certa vixencia. Cando un crece aprende cousas patrimoniais e a valorar a historia», explica Pérez.

A recollida do material teórico e visual levoulle arredor de tres meses. «Ás veces foi un pouco complicado porque tampouco hai moito material publicado, había redicións e outras estaban en catálogos web», indica. «O meu punto de partida foi a tese doutoral de Xulio Carballo, que trata sobre as orixes da banda deseñada e inspiroume moito», indica.

A portada do libro contén unha das pranchas de O home que falaba en vegliota en relación co título do libro, xa que vegliota refírese ao galego. «É unha metáfora sobre a persecución lingüística», di.

A banda deseñada galega ten características bastante claras. «Xorde nos anos 70 como un esforzo consciente por un grupo de intelectuais e xente do entorno da cultura por crear un medio de masas propiamente galego», explica. A lingua tamén marca o estilo utilizando o humor e a retranca propia.

Tracking Pixel Contents