Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A romaría da Coruña, de alma inmortal, que reverdece en agosto

O tempo húmido non foi quen de afogar á Romaría de Santa Margarida, que subiu un ano máis ao parque do mesmo nome cargada de música e tradición. Este domingo é o día grande, con cinco actuacións musicais para despedir agosto

Rapazas bailando danzas tradicionais ao son de Pan sen Fron. |  Carlos Pardellas

Rapazas bailando danzas tradicionais ao son de Pan sen Fron. | Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Cada vez menos veciños lembran a ermida de Santa Margarida, derribada hai xa máis de seis décadas, pero o que non desapareceu, e revive ano tras ano, é a romaría que se celebraba dende sempre no monte que levaba o seu nome, agora parque. O domingo é o seu día grande, con cinco concertos, pero a celebración, culminación das festas de agosto da cidade, leva tres días congregando a veciños, artistas e artesáns da cultura tradicional galega baixo os eucaliptos do parque. Este sábado o tempo non é o mellor, con rachas de choiva, pero as pandeiretas e cantos dos músicos resoaron no ceo cargado de humidade, os romeiros comeron rosquillas nos carreiros de pedra de Santa Margarida e houbo comidas e obradoiros.

Un dos grupos de romeiros que se xuntaron para comer. |  C. P.

Un dos grupos de romeiros que se xuntaron para comer. | C. P.

As actividades comezaron algo antes do mediodía. En torno á Casa das Ciencias había expositores que exhibían mostras de entidades da cidade ou instrumentos musicais. Os artesáns Pablo Sánchez e José Catoira, de Laboratorio de Cordas, amosaban aos veciños, por segundo ano, os instrumentos musicais de corda que producen nun taller da cidade, esculpidos a man en madeira e dirixidos en grande medida a practicantes de música tradicional. A participación dos artesáns é un xeito de «darlle unha volta á festa», comentaban, e preservar o carácter de reivindicación da cultura galega que sempre tivo, incluso durante os anos do franquismo. Organizáronse obradoiros, que continuaron durante a tarde. Nos carreiros próximos había postos de comida, se ben algún comentaba que a choiva fixo este ano máis frouxo que outros.

E tamén houbo música. Antes da hora de comer actuou nun lateral da Casa das Ciencias o grupo de voz e percusión Pandeireteiras Sen Fronteiros, Pan sen Fron, con algunhas das integrantes sentadas a unha mesa e rodeadas por un semicírculo de ducias de romeiros, cos nenos sentados diante. E cando soaba a música, no centro da xente, adolescentes que non debían chegar á maioría de idade danzaban cos brazos en alto os bailes ancestrais, e o mesmo o facían corros improvisados do público, algúns con técnica, outros sen moita pero compensando de sobra co entusiasmo. Cando a música acougou, unha das integrantes do grupo repartiu pedazos dunha mazá ben saborosa, cortados con coitelo, entre o público que cadraba cerca; non ten sentido facer unha romaría en Galicia se non se comparte comida.

Este domingo, se a auga o permite, os concertos empezan ao medodía cunha actuación de Donaire e a Banda Municipal. Ás 13.00 horas actuará Casapalma e ás 17.00 horas haberá un pasarrúas de Espadana, para dar paso a Xiro media hora despois. Ás 19.00 horas toman o relevo Os Melidaos, Rura e El Nido, e despois rematan a romaría e tamén agosto. Mais ambos volverán.

Tracking Pixel Contents