Entrevista | Francisco Jorquera Voceiro municipal do BNG na Coruña
«Non nos vale calquera orzamento, será a negociación a que aclare se hai acordo»
O cambio de actitude mostrado polo PSOE tras a cuestión de confianza que permitiu aprobar os orzamentos deste ano fixo que o BNG estea disposto agora a negociar os do vindeiro. Pero o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, non dá por feito que se chegue a un acordo e esixe que o proxecto que se presente atenda as necesidades máis importantes da cidade

Francisco Jorquera, na entrada do Concello. | Casteleiro
Non é sorprendente como se recuperou o diálogo entre o BNG e o Goberno local despois da cuestión de confianza?
A posición de firmeza do BNG fixo que o PSOE acabase rectificando. Seguimos sendo moi críticos con moitos aspectos da xestión do Goberno local, pero é certo que o PSOE tomou nota do itinerario que tivo que recorrer para sacar adiante os orzamentos do 2025 cunha cuestión de confianza que saiu derrotada. Nos últimos meses o PSOE retomou as reunións co BNG para dar impulso a moitos acordos que figuraban no acordo de investidura.
Cales salientaría?
A regulación das vivendas de uso turístico ou a nova ordenanza de mobilidade. Tamén o PSOE retomou unha práctica lóxica nunha Corporación municipal sen maiorías, que antes de que o Goberno local traslade un asunto ao pleno o fale co BNG e acepte propostas. Froito diso propuxéronse melloras importantes nas previsións que había para As Xubias e déronse pasos para que o parque da Agra sexa unha realidade dunha vez por todas. Hai un cambio de actitude do PSOE que fai que esteamos ante un escenario distinto ao do ano pasado e o BNG ten disposición a negociar os orzamentos ante esa rectificación.
A alcaldesa dá por feito que se vai conseguir aprobalos.
Eu prefiro ser sempre prudente. Se estamos dispostos a negociar é porque é bo para a cidade que haxa uns novos orzamentos. Pero non nos vai valer calquera orzamento e será a negociación a que esclareza se hai marxe para o acordo. Para iso é imprescindible que atenda ao que para o BNG son as necesidades fundamentais da cidade no vindeiro exercicio.
Por que reclama o BNG que o Pleno recupere o control das contas?
Por unha cuestión de control democrático. O PSOE aproveitou que non se chegou a un acordo nos orzamentos e recorreu a unha vía que contempla a lexislación para sacalos adiante modificando as bases de execución e restando competencias ao pleno para aprobar modificacións orzamentarias, controlar a execución dos orzamentos e mesmo para prescindir dos orzamentos participativos. Para nós unha premisa básica é que se recupere o control democrático dos orzamentos por parte do pleno e tamén a participación cidadá na elaboración dunha parte deles.
Está dando o Goberno local pasos para resolver o problema da vivenda?
Hai pasos que está dando o Goberno local que son froito do diálogo co BNG e nalgúns casos mesmo do impulso do BNG. Hai que utilizar todas as ferramentas do Concello para abordar esta cuestión e un paso importante foi a declaración da Coruña como zona tensionada, a regulación das vivendas de uso turístico e intentar que haxa máis oferta de vivendas municipais en réxime de alugueiro, pero isto ten que ir complementado cunha esixencia ante as administracións con competencias. Moitas veces fico abraiado escoitando o Partido Popular focalizando todas as responsabilidades no Concello, cando a administración competente na vivenda é a autonómica e durante moitos anos na Coruña non houbo promoción pública por parte da Xunta. Agora anuncia novas actuacións neste eido, pero se temos en conta anuncios anteriores que nunca se cumpriron, hai que estar vixiantes e tamén ter firmeza para que o faga e non poña paus nas rodas a medidas como a declaración de zona tensionada.
Xunta e PP dubidan que sexa unha medida eficaz.
A Xunta está practicando ese vello dito da profecía autocumprida. Se poñemos todos os paus nas rodas para que non se poda utilizar a declaración de zona tensionada para rebaixar o prezo dos alugueiros, facémola fracasar. Esta maneira de entender a política arrepíame porque significa utilizar os cidadáns como reféns e parece que á Xunta os cidadáns non lle importan nin que moita xente vexa frustrado o seu proxecto vital por non poder acceder a unha vivienda.
Hai preocupación polo retraso na licitación de servizos municipais sen contrato?
Hai multitude de servizos municipais concesionados onde os contratos caducaron e non se iniciou a nova licitación, algúns deles fundamentais como o transporte público urbano e a xestión de residuos e iso está conducindo a unha degradación das condicións nas que se prestan. Somos moi críticos porque o Goberno local pretende suplir con grandes anuncios a desatención ás cuestión do día a día e constatamos a existencia dun descontento cidadán con esa situación.
Estamos no outono e aínda non se sabe nada dos plans para o Mundial de Fútbol.
Esa pregunta témola trasladado en múltiples ocasións o Goberno local e a resposta dada non permite discernir ningunha das incógnitas que existen. No pleno desta semana dixo que lle sorprendía que o BNG dixese que non tiña información porque toda información se fixo pública, pero o problema é que está caducada, xa que o estadio non vai ser para 48.000 espectadores, non vai ter un terceiro anel nin a nova Tribuna vai estar en Preferencia. Tamén cambiou o reparto do financiamento das obras, Deputación e Xunta din que lles parece moito o que lles piden, non está claro cal pode ser o operador privado e seguimos descoñecendo a cambio de que participaría. O temor a que se a que caia candidatura é lóxico porque os prazos van correndo e polo tanto demandamos do Goberno local información e transparencia.
Vai ser de novo candidato á Alcaldía?
Non se abriu aínda o proceso no BNG e faltan 20 meses para as eleccións municipais. Cando se abra, a militancia opinará e eu tamén teño que facer unha reflexión sobre se debo seguir sendo candidato ou acabou un ciclo. En política hai que ser moi respectuoso cos tempos e saber medilos.
«A prioridade nos terreos do porto non é facer vivenda»
Xa hai quen está dicindo o número de vivendas que vai haber nos peiraos liberados.
Iso preocúpanos porque cremos que nos espazos portuarios as prioridades fundamentais a atender son outras e teñen que atenderse as necesidades presentes e futuras do porto, porque non toda a actividade portuaria e trasladable a punta Langosteira. Tamén hai que gañar zonas verdes e equipamentos públicos e resolver necesidades de mobilidade como os servizos ferroviarios de cercanías e o transporte marítimo. Tamén é fundamental que o Concello e todas as forzas políticas manteñamos a esixencia de que se condone a débeda do Porto con Portos do Estado para a construción do porto exterior para evitar a tentación de pagala con aproveitamentos especulativos. O BNG considera que a prioridade nesa área non é facer vivenda e no suposto caso de que se faga hai que evitar facer un barrio para ricos e manter a titularidade pública do solo.
Apoiará o BNG os proxectos das Percebeiras e das Xubias se hai unha reducción considerable das vivendas previstas?
Dependerá de como se concreten. No caso das Xubias o único que se aprobou foi un convenio que ten que ter plasmación nun plan especial que debe someterse a consideración do pleno do Concello e haberá un periodo de alegacións. Creo que se introduciron no convenio melloras moi importantes polas esixencias do BNG e para nós o fundamental é que se preserven os valores patrimoniais das Xubias, que se rexenere ese espazo litoral e que haxa máis vivenda de promoción pública e protexida, cuestións que xa están plasmadas no convenio. No caso das Percebeiras o plan de ordenación municipal contempla a posibilidade de edificar nese espazo e nós cremos que non debería ser así, pero hai uns dereitos urbanísticos adquiridos e modificar iso é complexo e obrigaría a compensar os propietarios do solo cunha indemnización moi custosa. Pero calquera actuación alí ten que respectar os valores ambientais existentes, ter unha edificación moi pouco densa e gañar de maneira sustancial en espazo público.
Suscríbete para seguir leyendo
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- Los gestores de A Coruña: «A los autónomos más pequeños les va a ser más útil pasarse a Verifactu»
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño