O recordo da pedra «esencial do teatro galego»
Francisco Oti, investigador e dramaturgo, publica ‘Tespis e o contexto teatral coruñés’, libro que honra ao grupo teatral

Espectáculo ‘Na alta mar de Mrozek’. | Cedida
O teatro galego non se entende sen aquelas compañías que, en tempos difíciles, decidiron crear, formar e actuar nun idioma e nun contexto social que lles era adverso. Entre elas, o Grupo Tespis ocupa un lugar esencial, aínda que durante décadas quedou relegado a un segundo plano. Agora, este sábado, 11 de outubro, ás 12.00 horas o Galgo Azul Espazo Cultural (avenida da Gramela, 16, A Coruña), acollerá a presentación do novo libro de Francisco Oti, Tespis e o contexto teatral coruñés, unha obra que devolve ao primeiro plano a traxectoria dun grupo «esencial pero pouco recoñecido» na historia do teatro galego.

Algúns membros do grupo Tespis, no ano 2024. | Cedida
Oti, dramaturgo e investigador teatral, leva anos afondando nas raíces da escena galega. «Interésame moito a nosa historia, sobre todo para saber de onde vimos», explica. «Hai grupos coñecidos, pero outros quedaron esquecidos, e Tespis é un deles. Pasaron por el máis de 120 persoas da Coruña e da contorna, pero faltaba o seu recoñecemento e a recuperación da súa traxectoria», explica.

Espectáculo ‘Os irmandiños’, de Daniel Cortezón. | Cedida
O autor xa publicara hai tres anos un volume máis xeral sobre o teatro galego. Aquel traballo levouno a descubrir colectivos dos que apenas quedaban rastros. «Cando investiguei o Teatro Estudio de Ferrol decateime de que Tespis tamén fora clave e, con todo, apenas se falaba del», recorda Oti, por iso se decidiu a «reconstruír esa historia».
Foron tres anos de investigación que o levaron a arquivos da Universidade da Coruña, ao Centro de Documentación Teatral e mesmo á Biblioteca Nacional en Madrid. «Non foi doado. Atopar materiais, carteis, programas ou testemuños foi complicado, pero paga a pena. Tespis é unha parte fundamental da nosa memoria teatral», asegura.
O grupo, fundado nos anos 60 por José Redondo Santos, converteuse nunha auténtica escola de intérpretes e creadores. Por el pasaron figuras hoxe recoñecidas como María Pujalte, Fely Manzano, Santi Prego, Luísa Veira ou Fernando Morán. «Era un grupo formativo, pero tamén moi comprometido», explica Oti.
Subliña que Tespis tivo que moverse «entre augas» nun tempo difícil, no tránsito do franquismo á democracia. «Ao principio facían teatro en castelán, pero nos anos 70 comezaron a facelo en galego, e iso complicaba as cousas. Había censura, falta de medios e pouca visibilidade, pero a súa aposta polo idioma e pola cultura galega foi valente e pioneira».
No libro, o autor recolle tamén a relación de Tespis con outros grupos comarcais e o seu papel na consolidación do teatro profesional en Galicia. «As persoas que hoxe fan teatro en galego están, en boa parte, construíndo sobre os cimentos que puxo Tespis», sinala Francisco Oti.
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Uno de los planes más esperados de la Navidad regresa a A Coruña