Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Paulo Rodríguez Director do teatro Rosalía

«Os abonados van a máis, veremos onde lles poñemos o tope»

Detrás de cada tempada que empeza no teatro Rosalía hai moitas horas de traballo, de botar contas e de cadrar axendas, o director do recinto, Paulo Rodríguez, explica que este outono chegaron a 741 abonados, unha cifra que lles fai pensar onde poñer un tope para que o público non sexa sempre o mesmo

Paulo Rodríguez, no patio de butacas do teatro Rosalía

Paulo Rodríguez, no patio de butacas do teatro Rosalía / Carlos Pardellas / CARLOS PARDELLAS

A Coruña

O Rosalía inicia un outono máis a súa tempada e ten que competir cunha chea de propostas cada fin de semana que se programa en diferentes espazos culturais da cidade, como afrontan a configuración do abono?

Competir non é a palabra exacta, porque no IMCE xestiónanse moitos recintos de capacidades diferentes, con públicos obxectivos moi ben segmentados. Do que se ocupa Colón non se ocupa o Rosalía e do que nos ocupamos nós, non se ocupan nin o Fórum nin o Ágora nin, moito menos, o Coliseum. O noso programa é continuísta. O Rosalía é o único teatro histórico de Galicia que funcionou ininterrompidamente desde a súa construción. O pulso e a querenza polo teatro están moi consolidados na cidade. Os abonos dannos un músculo de público que moi poucos teatros teñen a nivel estatal.

Mantéñense estables nos anos, van a máis ou a menos?

Van a máis e estamos discutindo onde lles poñemos o tope porque hai que deixar un número de prazas libres para que o público se poida osixenar e non sexa sempre o mesmo. Non queremos danar os abonados porque moitos deles son históricos e levan anos fielmente vindo. Vai haber un momento no que poñamos un límite por sesión e estamos chegando a el. Na tempada de abono da pasada primavera pensabamos que estabamos xa no noso tope, con 634 abonados e. actualmente, na tempada de outono estamos en 741. É relaxado saber que tes media sala cuberta en cada sesión e que hai que vender moito menos, pero dentro do concepto de servizo cultural municipal, tamén temos que coidar que chegue a moita xente.

Como explican ese incremento nos abonos, a que se debe?

A pandemia foi un punto de inflexión, houbo xente maior que colleu medo a estar en sitios pechados e houbo unha rexeneración. Dentro dos novos abonos hai un perfil de idade máis baixo, incluso temos xente moi noviña. Logo da pandemia entraron moitas mulleres de entre os 45 e 55 anos cun perfil de independencia económica e inquedanzas culturais. Moitas veñen con amigas ou soas. Recuperamos, que é moi interesante, persoas que foron abonadas no seu día, que tiveron que parar por coidados, xa sexa de ascendentes ou descendentes e que, no momento no que se liberan desa tarefa, volven ao teatro. Isto é moi reconfortante.

Actualmente saen entradas para concertos e espectáculos con moitísima antelación e a prezos moi altos, está afectando esa nova venda ao teatro?

Non, porque traballamos en eidos diferentes. É certo que o proceso de festivalización está á orde do día e é un efecto case global. O noso é todo máis próximo, máis quilómetro cero, máis orgánico e humano. O público de teatro da Coruña está moi formado, ten moito criterio e ten a opción de ver teatro case todas as fins de semana. Hai militancia cultural. Pero a euforia por asegurar unha entrada tamén se está a dar no teatro, cando saímos á venda coas entradas soltas a catro ou seis meses vista sempre se esgotan nos primeiros días e, se non se venden todas, o que queda é no galiñeiro.

O abono obriga a programar pezas que o público non iría ver se tivese que comprar a entrada solta, é un reto facelo cada tempada para un público tan formado?

Facer un abono é moi difícil, hai unha parte fixa e outra que podes elixir. O meu cabalo de batalla é a emancipación absoluta do público, aínda que creo que me xubilarei sen conseguilo e sen ver como outros o conseguen. Encantaríame non ter un abono, facer a programación e que cadaquén elixise os seus itinerarios formulando os mesmos descontos e as mesmas vantaxes que no abono. É dicir, que o público teña que decidir que vai ver. Eu fago unha grella de vinte espectáculos ao semestre e ti tes que coller doce para ter o desconto. Hai moitos abonados que non queren iso, que queren que lles digan o que teñen que ver. Nós non nos fixamos nas cabezas de cartel senón na solvencia e na calidade dos espectáculos, que é un dos alicientes da nosa programación. Nós somos como os médicos de familia, receitamos xenéricos e específicos e buscamos un equilibrio nas propostas. Ás veces tamén nos permitimos algunha licencia de facer algunha temática máis dirixida. No outono do ano pasado, por exemplo, fixemos a proposta de facer unha programación centrada en unipersoais e había quen nos dicía que quedaramos sen cartos, cando eran todas obras de formato medio ou grande e moi potentes. Atendemos tamén ao pulso da sociedade con temáticas de memoria, LGBTI...

Quédalle pena de non traer algún espectáculo porque hipotecaría o resto da programación ao ser moi caro

Esa frustración témola constantemente, pero as fins de semana que hai no ano son as que son. Ademais, a precariedade dos actores e actrices fai que teñan que estar en varios elencos á vez e casar axendas é moi difícil. A frustración é grande, pero a satisfacción do que se trae tamén, e a resposta que temos do público é moi boa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents