O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre o Monte Xalo e os hábitats de interese comunitaria
David Chas Barbeito e Eva Martínez Veiga
O Monte Xalo é unha das áreas naturais máis singulares do extremo noroeste galego, xa que nel nacen ríos e regatos (como o Valiñas, Brexa, Biduído, Anllóns e Barcés) fundamentais para o abastecemento de auga das comarcas de Bergantiños e das Mariñas —que inclúe a cidade da Coruña—. Estes cursos de auga fórmanse a partir de brañas que, ademais de servir de «esponxas» que alimentan mananciais e fontes, teñen un papel ecolóxico esencial ao filtrar e depurar naturalmente a auga da chuvia, grazas á acción das plantas propias destes ecosistemas. As brañas tamén albergan unha fauna escasa e valiosa no contexto galego. Porén, este equilibrio natural atópase baixo ameaza debido á proliferación de macroproxectos industriais como parques eólicos, plantas de hidróxeno verde, minas, instalacións de tratamento de xurros e, no caso do Xalo, unha gran central hidroeléctrica de bombeo —declarada recentemente proxecto estratéxico polo goberno galego—. Asociada a este bombeo está planificada a construción dunha balsa de almacenamento de auga de grandes dimensións sobre as brañas do rego Biduído, afectando tamén ás fontes do río Anllóns.
A balsa tería como función principal intercambiar auga co lago das Encrobas, que ocupa o oco da antiga mina de lignito de Meirama. Nese proceso, xeraríase electricidade —a costa de destruír hábitats naturais—. Prevense cambios bruscos de nivel da auga do lago, anulando a vida das súas ribeiras, e as turbulencias poderían remover sedimentos tóxicos acumulados no fondo da antiga mina. Estas augas sucias do lago pasarían ao río Barcés, que abastece o encoro de Abegondo-Cecebre, principal reservorio acuático da comarca.
Ademais, esta obra suporía a desaparición da mellor representación no Monte Xalo dun hábitat prioritario para a Unión Europea: matogueira húmida con Erica tetralix e Erica ciliaris (hábitat 4020*). Tamén afectaría directamente a catro especies de anfibios vulnerables segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas: a rela común (Hyla molleri), a ra ibérica (Rana iberica), a ra vermella (Rana temporaria subsp. parvipalmata, hoxe Rana parvipalmata) e a salamántiga galega (Chioglossa lusitanica).
A execución das obras, cun prazo estimado de entre catro e cinco anos, tamén suporía un impacto paisaxístico e social significativo, xerando ruídos e movementos de terras que afectarían directamente á veciñanza. A seguridade das vivendas situadas baixo a futura balsa estaría comprometida no caso de rotura da mesma.
Conclusión: o G. N. Hábitat e os colectivos ambientalistas da zona cuestionan este modelo de «progreso», que prioriza infraestruturas mastodónticas cun afán mercantilista fronte á conservación dos ecosistemas e a saúde da cidadanía. A biodiversidade das zonas húmidas do Monte Xalo, ademais de ter valor natural, garante a calidade da auga que consumimos, e isto é crítico para o benestar das xeracións presentes e futuras.
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- Los gestores de A Coruña: «A los autónomos más pequeños les va a ser más útil pasarse a Verifactu»
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño