O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre a moratoria-trampa ás novas plantacións de eucalipto en Galicia

Plantación de eucaliptos / MARTA G. BREA
Cosme Damián Romay Cousido
O pasado xoves a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia anunciou que se ampliaría a 2030 a «moratoria» ás novas plantacións de eucalipto en territorio galego. Unha noticia reclamada polo movemento ambientalista galego, así como por boa parte do sector forestal e tamén en ámbitos académicos, polos seguintes motivos: excesiva extensión do eucalipto no territorio (o dobre do proxectado para 2032, segundo o Plan Forestal de 1992), o seu impacto paisaxístico e ambiental (profusamente documentado) e o seu comportamento invasor (ditame CC 30/2017 do Comité Científico do ministerio de medio ambiente español).
Porén, a «moratoria» nace con cinco grandes lastres: primeiro, unha deficiente xestación da norma, xa que a administración autonómica non tivo a ben reunirse coas distintas asociacións ecoloxistas para que participaran na mesma. Segundo, uns obxectivos irreais, que serían: conseguir unha maior produtividade (nun contexto con mermas de produción global por doenzas e cada vez máis incendios), garantir a biodiversidade do monte galego (cando só a restauración dos ecosistemas nativos, eliminando eucaliptos, pode garantir esa biodiversidade) e loitar contra o abandono de terras (só posible con políticas estruturais no rural, e non coxunturais como a presente norma). Terceiro, unha bagaxe de fracaso na actual «moratoria» ás novas plantacións iniciada en xullo de 2021, con centos de novas hectáreas de ilegais eucalipto obviadas pola administración galega. Cuarto, a nova norma inclúe cláusulas para plantar eucaliptos en parcelas que nunca o tiveron, mediante intercambios de «dereitos de plantación» en novas parcelas (con casuísticas dificilmente fiscalizables), en detrimento de predios con produtividade baixa, que se deberán reforestar con «piñeiros e frondosas». Pode acontecer que unha hectárea de turbeira (hábitat de interese comunitaria) mal plantada con eucaliptos, teña que ser reforestada con outras árbores alleas á turbeira —causando a súa degradación—, e, acto seguido, unha hectárea de matogueira atlántica ata agora libre de eucalipto se eucaliptice «legalmente». E quinto, segundo esta norma «fomentarase a eliminación dos eucaliptos da Rede Natura que sexan posteriores á regulación que os prohibe nestes espazos»; se consideramos como punto de referencia o ano 2014, co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014, do 27 de marzo), a inmensa maioría do eucalipto plantado en Rede Natura é anterior a ese ano, e polo tanto non se eliminaría.
Conclusión: o G. N. Hábitat califica esta norma como «moratoria-trampa», tremendamente decepcionante, que non só non vai controlar a expansión do eucalipto, senón que vai degradar áreas que ata agora se salvaron da eucaliptización. Só unha moratoria permanente, xustificada polo carácter invasor do eucalipto, podería considerarse obxectivamente beneficiosa para a biodiversidade e a paisaxe galega a medio e longo prazo.
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Uno de los planes más esperados de la Navidad regresa a A Coruña