Sete anos da vida coruñesa da Transición en vídeos
A Filmoteca de Galicia está a proxectar en varias sesións algunhas das 300 gravacións feitas pola empresa Espello Vídeo na Coruña entre 1981 e 1987, nas que recolleu a actualidade social, política e cultural daquela época

Gerardo Fernández Albor, nun acto público. | Cedida
Unha reunión de emigrantes galegos en París que se celebrou no 1981 e á que acudiu o entón presidente da preautonomía, José Quiroga, foi o primeiro traballo feito pola empresa coruñesa Espello Vídeo, que recolleu a xuntanza cunha gravación no que daquela era unha novidade no sector audiovisual. Ata 1987, o equipo dirixido por Xoán Xosé Cabanas Cao desenvolveu un intenso labor co que documentou de forma exhaustiva a vida social, cultural e política de Galicia e, especialmente, da Coruña.

Manuel Rivas, nun traballo de Espello Vídeo. | Cedida
Case corenta anos despois, e logo de que Cabanas intentara doutras formas que todo este material fora conservado e exhibido, a Filmoteca de Galicia está a proxectalo na súa sala cunha serie de sesións nas que tamén interveñen algunhas das persoas que quedaron inmortalizadas nesas imaxes.

Festival de Ortigueira do ano 1982. | Cedida
«Durante os últimos 20 anos, cando isto empezaba a ter un certo carácter histórico, falei moito cos organismos oficiais supostamente interesados neste tema, como a Xunta e a Televisión de Galicia», explica Cabanas, quen ante a falta de colaboración tivo que conservar os vídeos «nas mellores condicións técnicas» nas que puido. Trala crise do 2008, na que tivo que pechar a súa produtora, entregou os seus fondos á Filmoteca de Galicia, onde foron dixitalizados, e, tras a chegada do seu novo director, Jaime Pena, o organismo tomou a decisión de divulgar estas gravacións.
Cabanas comenta con orgullo que na primeira proxección estiveron presentes o exalcalde Francisco Vázquez, o expresidente da Deputación Enrique Marfany e Nonito Pereira, fillo do que tamén fora crítico musical do mesmo nome. O éxito da convocatoria fixo que das catro sesións programadas se pasara a sete, das que aínda que aínda quedan cinco por facer.
Vídeo industrial
O equipo de Espello Vídeo proviña do traballo en cine co formato Super 8 e cando comezou co vídeo tivo que partir de cero, xa que a maioría da xente descoñecía o que era. Cabanas buscou clientes que lle encargaran traballos audiovisuais e lembra a anécdota de cando falou coa responsable de publicidade dunha gran empresa para ofrecerlle a realización dun vídeo industrial. «A súa resposta foi: para que quero eu un vidro industrial?», cita como exemplo da ignorancia que había sobre este sistema.
Malia as dificultades, Espello conseguiu rodar 300 traballos, «evidentemente, naquel momento de pura actualidade, pero que hoxe, por mor do tempo, convértense en históricos», salienta Cabanas. Cando o equipo gravaba, «a xente naquel momento dicíanos que eramos a tele, xa que a tele galega non empezou ata o 1985». Aínda que el traballara antes nunha importante empresa e coñecía a moitas persoas na Coruña, lembra que co vídeo «non podía pasear pola cidade porque todo o mundo me identificaba».
Espello filmou representacións no desaparecido teatro Luís Seoane, documentou a celebración do Festival de Cine de Comedia da Coruña, fixo entrevistas exclusivas a Camilo José Cela e Joan Manuel Serrat, gravou anuncios de Leyma e da primeira campaña da Xunta a prol do galego, ademais de rodar documentais sobre os regueifeiros e a procesión das mortallas da Pobra do Caramiñal.
O feito de que fora o tempo da Transición fixo que moitas das gravacións sexan de actos políticos e Cabanas pon de relevo que «o que UCD e PSOE nos confiaran ao mesmo tempo as súas gravacións foi para min absolutamente incrible pola confianza que tiñan depositado en nós». O fundador de Espello di estar moi agradecido á Filmoteca pola conservación do seu arquivo, pero menciona que os propios técnicos do centro advirten de que sería precisa unha mellor dixitalización para garantir a súa pervivencia, polo que fai un chamamento ás institucións para protexer «o que non deixa de ser un patrimonio de Galicia».
Suscríbete para seguir leyendo
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- La apertura de la pasarela con acceso para coches sobre la intermodal de A Coruña está prevista para 2030
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- El baile de Os Mallos es «la mejor medicina» vecinal
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada