Javier Castiñeira, actor de Amorodio Teatro: «Tócanos seguir sachando por un teatro galego de calidade»

Javier Castiñeira, actor coruñés do AmarodioTeatro na obra 'Brazaletes' / LOC
Amorodio Teatro estrea ‘Brazaletes’, un monólogo protagonizado polo actor coruñés Javier Castiñeira, cofundador da compañía. A obra poderá verse en oito teatros da provincia de A Coruña nos próximos días, seguindo a liña do elenco dun «teatro comprometido» coas súas raíces
Como nace Amorodio teatro?
A compañía, de feito, fundámola catro compañeiros a finais de 2020 e principios de 2021 que fomos Carmen Facorro, Alba Nogueira, Raquel Velasco e máis eu. Era algo que xurdiu da nosa etapa de estudos en Vigo. Hoxe só quedamos Carmen e mais eu. O obxectivo principal era seguir traballando. Estabamos un pouco cansos de seguir facendo castings e depender deles para facer o que nos gustaba e queriamos montar a nosa propia compañía. Así que aventurámonos porque ao final queriamos ser donos dos nosos proxectos, e iso levounos a aventurarnos a montar Amorodio.
Cal é a principal liña temática da compañía?
A primeira obra que fixemos, Reino da Extinción, tiña o compoñente de preocupación pola perda da lingua galega, que é o que nos move principalmente. Sentimos que temos que darlle valor ao noso. E seguimos mantendo unha liña polifacética, pero no fondo somos un teatro comprometido. Queremos buscar comprometernos con realidades actuais. A nosa segunda obra, por exemplo, foi A Nai, que daba voz a tres mulleres de Ribadavia. Despois veu Cortello de Amor, que era para reflexionar sobre o drama do turismo masivo e os altos prezos que provoca. Todas as obras están vinculadas cunha realidade, e é alí onde queremos facer énfase.
Agora está coa obra Brazaletes...
Si, a idea naceu do meu Traballo de Fin de Estudos no 2022. Pero, ao conmemorarse os 50 anos do fin da ditadura, decidimos, como compañía, que era o momento de levalo a escena. É un monólogo que recupera o calvario daquel final do franquismo a través do xesto de dous xogadores de fútbol, que se puxeron brazaletes negros como protesta polos últimos fusilamentos. É unha obra de memoria que pon en valor como un pequeno xesto no deporte, que é un eido popular. Tanto esta como as outras obras que mencionamos están dentro da actualidade, ben sexa por estaren ligadas a problemas sociais presentes, como o turismo e a lingua, ou por estaren ligadas a conmemoracións importantes, como é o caso de Brazaletes.
Coa obra A Nai, recibiron o Premio Luisa Villalta. Que significou este recoñecemento para vostede?
Recibir este premio foi un feito incrible. A verdade é que nos valoraron moito, e para nós foi moi especial. Sentimos de verdade que entrabamos con forza no mundo teatral galego por proxectos coma este. Foi unha aposta por nós que nos deu moito alento e que reafirmou a nosa liña de traballo comprometido.
Levan preto de cinco anos de traxectoria. Cales son os obxectivos de Amorodio Teatro a día de hoxe?
Pois si, os máis veteranos sempre nos din que unha compañía comeza a solidificarse a partir dos dez anos, e nós apenas temos cinco. Así que, por agora, o noso obxectivo é seguir nesa dinámica de traballo, intentar manter a nosa liña de teatro comprometido, e ser sempre conscientes da realidade que nos rodea. Non queda outra que seguir traballando duro. Tócanos seguir sachando e seguir apostando polo teatro galego de calidade e con conciencia social.
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- La Xunta ordena suspender el cambio que dio más usos a Espacio Coruña
- Cocinas de A Coruña que brillan en pocos metros cuadrados: 'El truco está en la organización y la comunicación constante
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Tres desayunos para dar la vuelta al mundo sin salir de A Coruña: 'En Perú desayunamos fuerte porque trabajamos mucho
- Así era Dolce Vita, el centro comercial de A Coruña que cerró al abrir Marineda City y que ahora se transformará en Breogán Park